Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xosé Blanco pon o proxecto na picota

Haberá conexión de alta velocidade entre Monforte e o Bierzo?

"Zapatero viaxará á comarca en TAV como presidente", di o presidente do Consello Comarcal, que non aclara se poderá seguir até Monforte. Aquí, o alcalde "non dubida do compromiso e do traballo" do ministro de Fomento.

Fernando Arrizado - 12:00 17/03/2010
Estación de tren de Ponferrada / D.L.

Estación de tren de Ponferrada / D.L.

Desde as institucións locais consultadas mostran confianza, mais o certo é que as alarmas se acenderon hai pouco máis dunha semana, cando o ministro de Fomento, Xosé Blanco aseguraba nunha visita a Palas de Rei que "non se xustifica a entrada da Alta Velocidade a Galiza por dous lugares (Lubián-Ourense, polo sur, xa está en obras)".

"A entrada de León-Ponferrada-Monforte haina que reservar para o impulso das mercancías, que teñen que xogar un papel moi importante en Galiza. Estou a deseñar o mapa ferroviario de mercancías e Monforte terá un papel moi importante nese mapa, que será presentado dentro de poucos días ás comunidades autónomas", engadiu.

Poucos días despois, Blanco pedía comparecer ante a Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados para informar sobre os plans de eficiencia e austeridade do seu departamento, que aínda está por chegar, e que podería deixar fóra do Plan Estratéxico de Infraestruturas e Transporte (PEIT) varios proxectos.

As declaracións provocaron controversia política no Bierzo, onde o alcalde de Ponferrada, Carlos López Riesco (PP), está a capitanear unha fronte social polo TAV (este mesmo martes, recibía o amparo de IU, PB e PRB, e en días anteriores dos sindicatos, informan os medios locais).

Algo que lle reprochan desde o Consello Comarcal do Bierzo (institución de goberno única na súa condición en toda a Comunidade Autónoma de Castilla y León), xa que consideran que o interese da infraestrutura supera o ámbito municipal.

"Galiza e o Bierzo son máis que amigas, son irmás"

O seu presidente, José Luis Ramón (PSOE), asegura que o Ministerio lle confirmou que todo o plan anunciado por Víctor Morlán, secretario de Estado de Infraestruturas, na súa visita ao Bierzo hai meses continúa intacto. "Outra cousa é que se poida demorar", confesa a Vieiros.

Ramón está convencido de que "tal e como el mesmo dixo, Zapatero viaxará ao Bierzo no AVE como presidente". Disto pódese extraer que o xefe do executivo español ten pensado volverse presentar como candidato cando menos unha lexislatura máis.

A pregunta é se haberá a posibilidade de que continúe cara a Monforte e Lugo. O propio presidente do Consello Comarcal do Bierzo apunta que unha outra opción sería a construción dun ramal de alta velocidade desde León con final en Ponferrada.

Aínda que Ramón vería isto como un grave erro. "Galiza e o Bierzo son máis que amigas, son irmás. Non só queremos estar ben conectados coa Meseta. Únennos moitas cousas, e tamén desde o punto de vista comercial, turístico, etc. é esencial para o Bierzo estar ben ligados con Galiza".

Confianza cega do alcalde de Monforte en Xosé Blanco

Máis tallante é o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez (BNG). En declaracións a este xornal, di que "non cre en especulacións". "O ministro de Fomento estivo en Monforte o ano pasado e manifestou unha serie de compromisos coa bisbarra, tamén a nivel ferroviario tanto de pasaxeiros como de mercancías, polo que non teño por que dubidar da súa palabra".

"É máis -asegura o rexedor nacionalista- polo momento todos os compromisos de Xosé Blanco con Monforte están a ser cumpridos, e non podo máis que alegrarme do traballo que está a realizar á fronte do ministerio tanto por esta zona como por toda Galiza".


4.33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: