Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Asociación civil e independente

Galegos en Bruxelas organízanse nun foro de pensamento e debate

O obxectivo do clube DOA é axudar á articulación dos intereses galegos na construción europea, e de canle de expresión da imaxe de Galiza en Europa e no mundo.

Redacción - 10:30 25/03/2010

Esta semana ten lugar a presentación oficial de DOA 'Clube Galego de Bruxelas', un colectivo independente que quere axudar á proxección de Galiza na Unión Europea a través da cultura, a ciencia, as artes e os negocios. Con esa fin organizarán conferencias, simposios, debates e diversas presentacións en varios formatos, destinadas a dar a coñecer cantas expresións culturais, artísticas, científicas e intelectuais poidan contribuír a promover a integración, proxección e defensa dos intereses galegos.

Segundo explican nun comunicado, DOA nace "dun soño: a apertura de Galiza ao mundo". "Mostrar a realidade dos nosos pensadores, dos nosos científicos, dos nosos creadores artísticos e da nosa sociedade en xeral para superar unha historia de tópicos que nos sitúan como país atrasado e destino turístico relixioso", expoñen. "Por certo que en Galiza se come ben", chancean, "pero hai máis, e ese valor engadido é o que queremos mostrar en Bruxelas, no epicentro da toma de decisións que nos afectan, que moven o noso mundo e configuran a nosa realidade".

Sostibilidade, a primeira achega ao debate
Na mesma xornada da presentación pública de DOA, terá lugar o seu primeiro acto cultural, unha conferencia de Ricardo García Mira e Pedro Vega Marcote, docentes na Universidade da Coruña, que falarán do libro Sostibilidade, valores e cultura ambiental, por eles coordinado. Aló asistirán entre outros Xavier Alcalá, Dolores Estalote, María de los Ángeles González Encinar e Xavier Queipo, membros de DOA. Canda eles estarán Nora Rathzel, Catedrática de Psicoloxía da Universidade de Umea (Suecia) e de David Uzzell, catedrático de Psicoloxía Aplicada da Universidade de Surrey (Reino Unido).

Sostibilidade, valores e cultura ambiental é unha compilación de reflexións de destacados académicos, profesores e investigadores de diferentes países, campos científicos e áreas disciplinares. Realizan nesta obra unha aproximación á conceptualización da sostibilidade desde a psicoloxía social, a socioloxía, a educación e a economía, tratando de estabelecer os marcos interpretativos que favorecen a comprensión e entendemento da sostibilidade e das súas aplicacións na política práctica.


4.55/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: