Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
APÓS 18 ANOS

As oposicións na CRTVG ou como deixar na rúa máis de 300 traballadores

A intención da compañía é convocar a Oferta Pública de Emprego no mes de abril, mais aínda está pendente de resolver unha denuncia que pide a súa nulidade.

Isabel G. Couso - 12:40 25/03/2010

A convocatoria dunhas oposicións no ente público da Compañía de Radio Televisión de Galiza (CRTVG) converteuse, co paso do tempo, nun dos ósos máis duros de roer para o Goberno. Logo de xa 18 anos sen Oferta Pública de Emprego (OPE), a radio e a televisión públicas contan cun 44% de traballadores que sumaron un tras doutro contratos precarios (prácticas, bolsas Feuga, substitucións, contratos por obra, artísticos, en interinidade ou, simplemente, temporais) sen chegar a consolidar nunca o seu posto de traballo e, en moitos dos casos, sen sequera contabilizar a súa antigüidade para unhas futuras oposicións.

Así, a día de hoxe, a CRTVG conta cun total de 1.100 traballadores, entre a radio e a televisión, entre a central compostelá de San Marcos e as delegacións que se reparten polas catro provincias, dos que tan só uns 400 teñen o seu posto de traballo consolidado. Logo de varios compromisos dun e doutro goberno e de atopar con numerosos atrancos, o director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, anunciou no último Consello de Aministración que a convocatoria da Oferta Pública de Emprego (OPE) se publicará durante o mes de abril, tal e como reclamaban os sindicatos con representación no comité de empresa (CIG, UXT, CCOO e USO).

Cantos traballadores precisa a CRTVG?
Neste proceso sairán previsibelmente a concurso un total de 220 prazas, para as que aqueles opositores que xa son traballadores do ente poderán concorrer con máis puntuación en función da súa antigüidade (até o tope legal que estabelece a Lei de Función Pública: 2,86 puntos). Na práctica, estes exames permitirán consolidar o posto de emprego daqueles que levan anos traballando na CRTVG sen ter, pola contra, consideración de traballadores públicos, unha reclamación histórica dos sindicatos.

Porén, non todos os traballadores lle dan o visto bo a esta convocatoria de emprego. Un grupo de 370 empregados, á marxe dos sindicatos con representación no Comité, e que lidera a Central Unitaria de Traballadores (CUT), xa denunciaron reiteradamente que non é máis que un recorte de traballadores encuberto, xa que deixará na rúa, como mínimo, a un total de 350 traballadores que actualmente traballan na radio e na televisión e que quedarán fora. Pola contra, os sindicatos con representación explican que, se ben entenden o problema, consideran que “a condición de fixo só pode adquirirse mediante a oferta pública e seguindo os principios de igualdade, mérito e capacidade”. Porén, os representados pola CUT exixen “que se diga que vai pasar cos traballadores que queden fora do proceso e como van asumir 720 persoas o traballo que até o de agora facemos 1.100”.

Un gasto de máis de nove millóns de euros
O que sospeitan dende este colectivo de traballadores, segundo explica Raquel Lema (CUT), é que o futuro dos que non aproben a oposición sexa o despedimento. En consecuencia, a Compañía terá que afrontar o pago de indemnizacións, que en moitos dos casos se corresponde co dun contrato fixo, xa que as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza está a dar a razón a todos aqueles empregados que denuncian a súa temporalidade. Segundo Lema, o pago destas indemnizacións tería un custe para a CRTVG, e en consecuencia para a Xunta, dun total de nove millóns de euros.

Pendente dunha denuncia
Malia o anuncio por parte de Sánchez Izquierdo da posíbel convocatoria da OPE no vindeiro mes de abril, esta data deberá ser ratificada polo Consello de Administración. Non obstante, aínda está pendente de resolver unha denuncia presentada pola CUT e que este mesmo xoves protagonizará un acto de conciliación na Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) de Compostela.

Os demandantes solicitan a paralización deste proceso de oferta pública de emprego ao entender que a disposición adicional oitava do convenio colectivo en función da que se convocan as oposicións contravén o estabelecido pola propia Lei de creación da Compañía de Radio Televisión de Galiza. Como o previsíbel é que non haxa conciliación posíbel esta semana, a denuncia elevarase a outros estamentos, polo que dende a CUT entenden que non sería aceptábel que o procedemento de OPE continuase mentres a Xustiza non se pronuncie ao respecto.


3.09/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Compañía de Radio Televisión de Galicia suma un total de 1100 traballadores, mais o 44% teñen cotratos temporais
A Compañía de Radio Televisión de Galicia suma un total de 1100 traballadores, mais o 44% teñen cotratos temporais
A CUT solicitou a paralización deste proceso de oferta pública de emprego
A CUT solicitou a paralización deste proceso de oferta pública de emprego
O pago de indemnizacións os traballadores que queden fóra podería ascender a nove millóns de euros
O pago de indemnizacións os traballadores que queden fóra podería ascender a nove millóns de euros