Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A voz e mando nas filas socialistas

Quen manda aquí?

O alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, recoñeceu abertamente en Madrid que o PSdeG ten un líder “intelectual e pragmático”: Xosé Blanco.

R.V. - 18:20 25/03/2010
Tags: Blanco PSdeG

As declaracións que este xoves fixo o alcalde de Compostela nun coloquio do “Fórum Europa” (en Madrid) de seguro que van dar que falar, e moito, no seo do PSdeG. Xosé Sánchez Bugallo non andivo dando voltas á hora de repostar á pregunta galaica por excelencia: A ver, quen manda aquí? No caso do PSdeG foi claro: “Hai un que é, digamos, un liderago orgánico e establecido, e outro que é máis de tipo intelectual e pragmático”. Así se refería, respectivamente, a 'Pachi' Vázquez e Xosé Blanco. Por vez primeira, e non se sabe se dun xeito máis ou menos inocente, un alto cargo do PSdeG recoñece abertamente que o de Palas de Rei ten un forte control sobre a federación galega.

As palabras de Sánchez Bugallo confirman publicamente o que dende hai anos se comenta nos cenáculos políticos socialistas: Xosé Blanco non é un simple espectador, é un actor principal dentro do PSdeG. Un ascendente que non foi do agrado do anterior secretario xeral e presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que ten botado máis dun pulso na sombra co de Palas de Rei.

Un dos momentos máis tensos dos vividos internamente tivo lugar no verán de 2008. A pesar das fortes presións de Xosé Blanco e de Ferraz, ou quizais polas mesmas, Emilio Pérez Touriño negouse a adiantar os comicios autonómicos a ese mesmo outono, tal e como lle exixían dende Madrid.

Dentro do PSdeG eran moitos os cargos que non dubidaban en criticar abertamente un Touriño “sempre rodeado de tecnócratas” e en enxalzar un Xosé Blanco que era “un home de partido”. A rumoroloxía, interesada ou non, percorría as filas socialistas moito antes da debacle electoral e Touriño non era allea a ela. Incluso se daba por feito que, a medio prazo, Blanco desembarcaría en Galiza e aspiraría a ser presidente. A semente da que nacen os receos xa estaba sementada.

'Pachi' Vázquez, a resaca continúa
Sánchez Bugallo meteu o dedo na ferida e lembrou que o PSdeG perdeu unhas eleccións hai un ano cando ninguén o agardaba. Aberta a crise, os socialistas apuraron a pechala “en practicamente 24 horas” e daquelas présas "algo de resaquiña" sempre queda.

O alcalde de Santiago non dubidou en botarlle un monllo de gabanzas a un Xosé Blanco que se atopaba entre o auditorio. Queréndoo, ou non, as palabras de Sánchez Bugallo retomban no partido e reabren unha das preguntas que máis se escoita no PSdeG: Ten pensado o de Palas de Rei pelexar pola presidencia da Xunta?


4.43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: