Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A CORRUPCIÓN NOS XULGADOS

Caso Gürtel: a 'correa' que ata o PP

O xuíz do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, o cercedense Antonio Pedreira, fará públicos este martes os 50 mil folios da trama.

Redacción - 12:10 05/04/2010


O Partido Popular español afrontará nas vindeiras horas un dos seus peores pesadelos. Antonio Pedreira, o maxistrado de orixe galega que instrúe o caso, desvelará a primeira hora do martes os 50 mil folios do sumario que investiga a trama Gürtel. Aínda que estaba previsto que os papeis xudiciais fosen publicados este mesmo luns, finalmente un problema técnico provocou un atraso de 24 horas.

O caso que xa provocou unha importante convulsión política nas comunidades de Valencia e Madrid pode estourar de cheo tamén en Galiza. De feito, o ex secretario de organización do PPdeG entre 1996 e 1999, Pablo Crespo, é un dos imputados que permanece na cadea e está considerado o lugartenente do xefe da trama, o empresario Francisco Correa.

Un dos asuntos da trama que máis lle afecta ao PPdeG é unha conversa entre Pablo Crespo e os seus avogados. Na mesma, o ex dirixente do PPdeG fala da existencia dunha caixa de seguridade nunha oficina bancaria de Pontevedra. Na mesma habería documentación comprometida sobre as contas dos conservadores galegos na década dos 90. “Isto vai traer problemas cando se levante o segredo do sumario”, chegou a dicir Crespo na conversa intervida pola policía. A pesar da súa explicidade, as conversas non van poder ser usadas como probas xa que foron consideradas non válidas

Algúns indicios apuntan a que a trama de financiamento ilegal do Partido Popular podería ter a Galiza como un dos seus escenarios principais. Pese a que Núñez Feijoo negou por activa e por pasiva que o actual PPdeG teña  relación algunha cos empresarios que dirixían a organización corrupta, dende a oposición sinalan que pode haber dirixentes do partido en Galiza que se vexan afectados polas investigacións. O xornal madrileño El País chegou a asegurar que no sumario que se vai facer público hai evidencias de que unha boa parte dos actos electorais do PPdeG nos anos 90 foron financiados de xeito irregular.

A semana vai ser especialmente intensa para un Mariano Rajoy que atopa no caso Gürtel o principal obstáculo para chegar á presidencia española. Cunhas  enquisas electorais que favorecen claramente ao PP fronte ao PSOE, Rajoy e o seu núcleo duro non se dan decidido a podar as numerosas pólas que revela a investigación xudicial. En clave política, vai ser especialmente significativo o posicionamento do PP. Seguirá pechando os ollos falando de teorías da conspiración ou decidirá dar un golpe da mesa e separar as numerosas mazás podres que lle aparecen no cesto?


2,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: