Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Ofertas en firme enriba da mesa

R, a xoia da coroa tamén se vende

Unha maioría de accionistas, Caixanova á fronte, dispostos a aproveitar unha gorentosa oferta con sinatura holandesa.

Redacción - 19:00 06/04/2010
Tags: Caixanova R

Ser empresa de referencia no sector, acumular un longo esforzo de investimento no país, ter entrado en beneficios nun tempo récord e mesmo antes do esperado, demostrar un amplo potencial de crecemento, consolidarse como un dos proxectos empresariais máis sólidos en Galiza... A propia reconversión da que nacera como 'Grupo Gallego de Cable', no que logo foi simplemente a marca 'R' amosou o espírito innovador que impregnou a estratexia da empresa nos últimos anos. Unha aposta moderna no despregue da súa imaxe e que mesmo non dubidou en incluír o empeño por explorar a identidade do país e demostrar un compromiso coa lingua inédito en Galiza entre as grandes empresas.

Como mínimo, capital foráneo pasaría a manexar o 51% de R
Todos os valores antes comentados quedan convertidos en anécdota á luz dos últimos movementos no mapa financeiro do país. Segundo puido saber Vieiros, os accionistas teñen xa enriba da mesa unha oferta en firme para a adquisición do grupo. A oferta conta en principio coa beizón da maioría, con Caixanova á fronte (a entidade viguesa ten agora mesmo o 66% do capital total). De chegar a bo porto, levaría R a mans dun grupo con sede nos Países Baixos, confirmándose así as insinuacións avanzadas días atrás por outros medios.

Ao paso a mans foráneas da empresa de referencia nas telecomunicacións en Galiza axudaría a actual conxuntura económico-financeira. Por un lado, e malia á elevada rendabilidade da empresa, ningún grupo empresarial do país estaría disposto a facer o investimento necesario para que R se manteña en mans galegas. Por outro, Caixanova está disposta a desfacerse da maioría do seu paquete accionarial para axudar a sanear as súas contas e facer encaixar mellor as súas pezas na calculadora do actual proceso de fusión con Caixa Galicia.

O grupo estranxeiro de capital risco en cuestión aspira a mercar, como mínimo, o 51% de R, aínda que segundo o plan exposto aos accionistas, estaría disposto a facerse de xeito inmediato co 71% do capital total da empresa. Unha operación que, a día de hoxe, implicaría un desembolso mínimo de arredor de 500 millóns de euros. Esta é a operación madura agora mesmo que, dada ademais a urxencia de mover pezas que o proceso de negociación das caixas implica, sería a máis probábel para o cambio de mans da até o de agora empresa galega de telecomunicacións. Mais enriba da mesa, a solidez de R garántelle outros noivados posíbeis. Entre eles o de Telefónica, tamén interesada na posíbel compra e tamén o de ONO. Curiosamente, neste último caso, a teleco madrileña de orixe valenciana, está agora controlada por un conxunto de empresas de capital risco, xustamente as responsábeis do último punto de inflexión na empresa que colocou o coruñés Xosé María Castellano (ex-vicepresidente de Inditex) como novo presidente de ONO.

Caixanova,de garante de galeguidade a aproveitar parche para a fusión
"Temos garantida esa galeguidade", subliñaba en 2008 o presidente de Caixanova, Xulio Fernández Gayoso, ao anunciar que a entidade se facía co control do 66% de R sumando á cota xa mantida na empresa a parte que até ese momento xestionaba Unión Fenosa e que a caixa viguesa adquiría por 150 millóns de euros. Un investimento que Gayoso cualificaba daquela de "histórico" e "estratéxico" destacando o liderado de R e a súa capacidade de estar na vangarda do sector, ao tempo que aproveitaba para defender o papel da entidade que preside como garante da "galeguidade" da teleco galega.

O accionariado actual da empresa galega de cabo está integrado ademais de Caixanova (66,2%), por Inversiones Gallegas de Cable (10,2% - un amplo abano de accionistas que inclúe entre outros os grupos editores dos principais medios galegos agás La Voz e empresas como o Grupo Tojeiro, Jealsa, Ceferino Nogueira e Hijos de Rivera), o Banco Pastor (9,9%), Cable Total (9,7%), Emalcsa (1,89%), Faro de Vigo (1,54%) e Inversiones Telecom Galicia (0,28%). O último balance de contas de R amosa a solidez da empresa, consolidada como operador de referencia no país, cun crecemento do 10,2% no último ano e beneficios netos de 23 millóns de euros. De feito, R comezou a pechar balance con beneficios en 2004, adiantándose ademais en case un ano ao propio calendario estratéxico deseñado pola empresa.

O vertixinoso crecemento da empresa axiña a converteu en bocado cobizado por outros grupos que, nos últimos abos viñeron fagocitando outras empresas de cabo menos solventes. Preguntado ao respecto, en 2007 o director xeral de R, Arturo Dopico explicaba: "Cando non se cumpren as expectativas dos accionistas, estes poden pensar en vender. No caso de R non se deu ese caso dado que a compañía é líder de rendibilidade en España" ao tempo que salientaba que R amosa "algúns ratios de excelencia operativa e económica á cabeza do sector en Europa". Un potencial que semella non ir protexela fronte á vontade, unha vez máis, do capital galego, de deixar escapar a mans foráneas unha iniciativa sólida e estratéxica para o país.


Ligazóns

1.67/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: