Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
O galego no ensino

O Consello Escolar rexeita o "decretazo"

O máximo órgano de participación na educación do país desbota o documento con 24 votos a favor 16 en contra. Máis dun cento de manifestantes da plataforma Queremos Galego celebraron a "pequena vitoria".

Isabel G. Couso - 19:00 07/04/2010

O Consello Escolar de Galiza deulle as costas ao decreto do plurilingüismo do goberno de Feijoo. Con 24 votos a favor e 16 en contra, o máximo órgano de participación da comunidade educativa do país aprobou unha emenda á totalidade do documento, na que quedou refundada outras tantas 200 emendas previstas para o debate na tarde deste mércores.

Este órgano consultivo está conformado por organizacións sindicais, representantes do profesorado público e privado, do persoal non docente, da administración educativa, por representantes do Seminario de Estudos Galegos, Movementos de Renovación Pedagóxica, alcaldes de diferentes concellos, titulares do ensino privado concertado, organizacións de pais, representantes empresariais e persoeiros de recoñecido prestixio. No seu conxunto, teñen dereito a 40 votos, dos que a maioría apoiaron a solicitude de retirada do decreto. Unha das súas funcións é a emisión de ditames con carácter informativo sobre os diferentes proxectos de lei, decretos e programas educativos de relevancia.

Os 16 votos contrarios procederon precisamente dos alcaldes do PPdeG, dos representantes empresariais, dos titulares dos centros privados, do persoal administrativo e das persoas de prestixio (nomeadas polo PPdeG). Porén, a meirande parte dos voceiros da comunidade educativa rexeitaron, logo dunha hora e media de debate, o chamado "decretazo".

A Xunta continuará adiante
De ter recibido a beizón deste Consello, o seguinte paso sería levar o Decreto ao Consello Consultivo, onde se emitiría un novo informe antes da súa definitiva aprobación, mais as organizacións presentes nesta xuntanza e contrarias ao documento xa adiantaron que "non se entende que non se teña en conta a opinión dun órgano que precisamente se fundamenta na súa capacidade de emitir opinións". Non obstante, este trámite non é vinculante, na práctica quen aproba o decreto é o Consello da Xunta. Con todo, dende Queremos Galego e as organizacións sindicais consideraron este feito "unha pequena vitoria" e a "demostración do soa que está a consellaría de Educación no seu combate en contra da lingua".

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, quen acudiu á cita no Consello unha hora antes da convocatoria, xa afirmou que o decreto seguirá o seu camiño. Precisamente os representantes sindicais como Anxo Louzao (CIG) lamentaron a "actitude de prepotencia e chulería" coa que respondeu Lorenzo á votación. Ao tempo, Louzao reitoru a súa exixencia de que o conselleiro de Educación dimita do seu posto: "non pode ser que continúen adiante cunha proposta que non ten apoio social algún e que recibiu a oposición de tantos colectivos sociais e educativos".

Concentración ás portas
Mentres se desenvolvía o debate no interior do Consello, máis dun cento de persoas, convocadas pola Plataforma Queremos Galego, manifestáronse para amosar o seu rexeitamento ao borrador. Entre consignas como "En Galiza, en galego" e "Pola nosa lingua, ningún paso atrás", defenderon o "dereito básico a recibir o ensino na nosa lingua" (ver vídeo). Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización e membro de Queremos Galego, adiantou a Vieiros que "imos convocar todas as manifestacións que fagan falta".


4,91/5 (43 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: