Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COA PRESENZA DE RAJOY

O PPdeG vai de festa

Na conmemoración da vitoria electoral, Feijoo asegura que tratará de gobernar Galiza "como é e como está, sen imposicións". Rueda anticipa unha "malleira electoral" nos próximos comicios.

Redacción - 09:00 11/04/2010
Imaxe da última campaña electoral do PPdeG

Imaxe da última campaña electoral do PPdeG

Actualización 16h:
Fachendoso e arroupado polos seus, o presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijoo, presentouse diante dos 3.500 afiliados que quixeron celebrar canda el o primeiro aniversario do triunfo electoral en Galiza. O titular da Xunta asegurou, entre aplausos, que empregará "até o último alento, até a última gota de suor" en cumprir "o contrato que supuxo o programa electoral" co que o PPdeG acadou o poder o 1 de marzo do ano pasado.

Ao tempo que se comprometeu a gobernar Galiza "como é e como está: nunha moi difícil situación económica", asegurou, en referencia ao anterior goberno bipartito, que "non hai que inventar nada, nin obrigar", senón "aceptar" Galiza "como é", dixo, "aquí non se ven a impoñer nada, vense a convencer das nosas ideas e principios", arengou.

Nun acto que pechou o presidente estatal do partido, Mariano Rajoy, Feijoo convidou a desterrar "os xuízos paralelos e os prexuízos". Tamén en referencia ás últimas declaracións a prol co caso Gürtel afirmou que "en España sobre ruído e faltan líderes, partidos e gobernos honestos" e asegurou que só agarda saber a data dos comicios electorais estatais para poñerse ao carón de Rajoy: "en quen se pode confiar, a quen deixariamos as chaves da nosa casa sen preguntar o que había antes e o que hai cando se vai".

Rajoy respalda o decreto do pluringüismo e a fusión das caixas
Pola súa parte, Mariano Rajoy felicitou a Feijoo “porque é xusto e porque o sinto” e no seu balance sobre este primeiro ano de goberno dixo que “as cousas se fixeron moi ben”. Ao tempo que lle deu os parabéns a Feijoo pola súa “austeridade”, o presidente dos populares españois defendeu o decreto do pluringüismo: “gústame porque é equilibrado e representa o sentir da maioría dos galegos”.

Rajoy tamén se amosou a favor da fusión das caixas: “é boa para Galicia”, dixo, “para Vigo, para Coruña, para Santiago, para os galegos e para os depositantes, e non poder haber ningunha razón política que a impida”. Finalmente, lamentou o que considerou un “boicot” ao Xacobeo: “é unha enorme inxustiza”, afirmou, “ver as subvencións do Ministerio de Igualdade e que non se lle dea nin un euro a un acontecemento tan universal, español, galego e santiagués como o Xacobeo”.

Rueda fala de "malleira electoral" nas municipais
Nun acto que tamén marca o inicio da precampaña para as vindeiras eleccións municipais de 2011, o conselleiro de Presidencia e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, contestou ao PSdeG dicindo que "non vamos a pedir perdón (en referencia ás palabras de Manuel Vázquez), pero si desculpas pola malleira que o PP vai a conseguir nas municipais, outra vez".

Rueda lembrou que tamén se puxera en dúbida que o PP puidera gañar as eleccións de marzo e que "en catro anos puidera darlle a volta ao marcador e facer historia" e "xa sabemos como acabou o asunto", dixo ao tempo que subliñou que "probablemente nos subestimaron". "Gañamos a campaña porque estabamos todos xuntos, agora toca seguir adiante", dixo, "e como non foi fácil antes agora será moito máis difícil, porque o partido ten outros retos que seguir conquistando". Así, avogou por manter a confianza dos cidadáns e "non defraudalos", ademais de "seguir unidos", xa que "seguimos facendo todos falta".


Actualización 9:00h
O PPdeG homenaxea aos seus “heroes do cambio” este domingo en Compostela nunha festa-mitin organizada baixo o lema “O momento de Galicia”. Esta consigna pretende dar continuidade a aquela de “Chegou o momento” coa que Alberto Núñez Feijoo gañou as eleccións o 1 de marzo de 2009. Celébrase agora o aniversario, logo de ter que ser suspendido o pasado febreiro por un forte temporal.

Ademais de Alberto Núñez Feijoo, está prevista a participación do presidente do PP, Mariano Rajoy, e os populares xa adiantaron que confían en converter esta festa, no “mitin máis novidoso da historia recente” de Galiza, “visualmente máis atractivo, cunha escenografía espectacular, dinámica e atrevida”. Cunha previsión de 3.500 afiliados, o evento está concibido como unha “homenaxe” á “infantería” do PPdeG e aos dirixentes do partido que fixeron posíbel a vitoria.

Ademais de Feijoo e Rajoy, intervirán o presidente do PP vasco, Antonio Basagoiti; os catro presidentes provinciais do partido: Carlos Negreira (A Coruña), Xosé Manuel Barreiro (Lugo), Xosé Manuel Baltar (Ourense) e Rafael Louzán (Pontevedra); e o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, director da campaña daqueles comicios.

Non son tempos para festas”
Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, considerou esta celebración “un sarcasmo” e “un insulto para Galiza”. O líder dos socialistas exixiu a Manuel Fraga, Alberto Núñez Feijoo e a Xosé Manuel Romay Beccaría “que se desculpen e que dean explicacións sobre quen pagaba as campañas e as comilonas do Monte Faro”. Ademais, Vázquez subliñou que “nin Feijoo nin o PP teñen nada que celebrar”, xa que o “único motivo para a alegría é que queda un ano menos para que volva un goberno de progreso”.


4.44/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: