Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Proceso xudicial

Adega oponse á legalización da desfeita urbanística en Barreiros

Apoiará a denuncia da Fiscalía contra o concello, recorrerá o convenio aprobado pola Xunta e denunciará o Goberno se retira os contenciosos.

Redacción - 13:20 14/04/2010

A pretensión da Xunta de asinar un convenio de colaboración que pretende legalizar a desfeita urbanística en Barreiros será contestada por Adega. Segundo anunciou o seu secretario xeral, Froilán Pallín, a organización ecoloxista non vai permitir que se lle dea carta branca a unha serie de irregularidades urbanísticas que deron lugar á construción de miles de vivendas sen servizos básicos nun concello de 3.500 habitantes.

En primeiro lugar, Adega persoarase no Xulgado de Mondoñedo na denuncia da Fiscalía contra as actuacións urbanísticas en Barreiros. Ademais, recorrerá o convenio de colaboración aprobado polo Goberno en canto se asine. Por último, advertiulle ao Goberno que se retira os recursos contenciosos-administrativos interpostos para a reposición da legalidade urbanística no concello da Mariña, levarao perante a xustiza polas posíbeis repercusións penais desa decisión.

Segundo explicou Pallín, as vivendas construíronse en Barreiros amparándose nas normas subsidiarias de 1994. Ao estaren edificadas en solo urbano non consolidado -sen servizos- debían cederlle parcelas ao concello, ou ben compensalo economicamente cunha cantidade que calculou en arredor de 12 millóns de euros. Porén, o concello non ingresou ese diñeiro, o que lle achacou Pallín a unha deixación de funcións. Así mesmo, as construcións carecían de servizos básicos dun mínimo de calidade.

A Xunta interpuxo un contencioso polo incumprimento da lexislación urbanística, ao que se lle sumou unha denuncia da Fiscalía contra o alcalde de Barreiros por presunta prevaricación urbanística en 44 expedientes. Esta é a denuncia á que se sumará Adega.

O convenio aprobado polo Goberno no Consello do 8 de abril, cunha achega de case 13 millóns de euros para dotar de servizos algunhas das urbanizacións afectadas, vai, segundo Adega, compensar as ilegalidades denunciadas. Ademais, déixalles a porta aberta aos promotores a poder pedir máis indemnizacións no futuro. Por iso, Adega considera que o convenio supón malversación de fondos públicos. O acordo da Xunta tampouco vai compensar todos os veciños afectados, para o que sería preciso, en cambio, aprobar un novo Plan Xeral, do que só dispoñen catro concellos con costa en Galiza.

Adega mantivo xuntanzas con todas as partes implicadas, agás o alcalde de Barreiros, para coñecer a súa postura sobre a situación dese concello. Pallín asegurou que "xa lle dixemos ao conselleiro que non queremos xudicializar a política ambiental, pero hai unha serie de cuestións que non podemos permitir. Temos que denunciar estes temas e impedir este despropósito".

Por iso, a organización avoga por que exista un consenso social arredor da cuestión, ao que tamén lle habería que sumar un consenso político. Finalmente, Adega pediu que a Xunta prorrogue a prohibición de construír a 500 metros da costa até que non estea aprobado o novo plan do litoral.


5/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: