Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SOBRE A BASE NACIONALISTA

Beiras: “A xente está ou moi vencida, ou desesperanzada ou con moita carraxe”

O ex voceiro nacional do BNG presentou en Compostela as grandes liñas de cara á terceira asemblea do Econtro Irmadiño.

R.V - 14:40 22/04/2010

Xosé Manuel Beiras anuncioulle aos xornalistas momentos antes de comezar a conferencia de prensa que esta ía centrarse exclusivamente na presentación do que será a terceira asemblea do Econtro Irmandiño (corrente crítica integrada no Bloque). Mais na quenda de preguntas non foi quen de evitar un repaso, ben crítico, da actualidade política. Para o ex voceiro nacional do BNG a base social do nacionalismo está desencantada co momento político que se vive: "A xente está ou moi vencida, ou moi desesperanzada ou con moita carraxe", sentenzou. Fronte a isto, volveu dar a mesma receita: que se “retome a interrelación” cos movementos sociais algo que ao seu xuízo é imprescindíbel para "reosixenar o nacionalismo". A este respecto, Beiras sinalou que "levabamos tempo avisando no BNG que non se podía perder o contacto cos movementos sociais".

Beiras, que na conferencia de prensa en Compostela estivo acompañado por Mario López Rico, sostivo que a vindeira asemblea nacional do Encontro Irmadiño é un paso máis no diálogo cos colectivos sociais que iniciaron o ano pasado e que culminou, como explicou, na chamada Rolda da Rebeldía celebrada na capital de Galiza a finais de xaneiro.

De cara a esta terceira asemblea dende o Encontro Irmandiño queren abrir un proceso comarcal aberto no que poidan participar activamente todas as persoas que o desexen e que culmine no mes de xullo cunha gran xornada nacional de debate onde teñan voz tanto militantes como simpatizantes. Para Beiras é vital un proceso moi aberto para deseñar novas liñas de acción política.

Dende o Encontro Irmandiño volveron subliñar a necesidade de que o Bloque convoque unha asemblea ordinaria, algo que non se fai dende 2006 (a de 2009 foi extraordinaria) a pesar de que os estatutos establecen un período máximo entre cónclaves de tres anos: "Se a organización non cumpre as súas propias normas, mal imos".

"Hai un proceso brutal de recolonización do país. Que está a facer o BNG?"
Na quenda de preguntas Beiras arremeteu contra o goberno autonómico ao que tildou de "reaccionario" e de estar a facer "un proceso brutal de recolonización do país. Que está a facer o Bloque fronte a isto? O BNG ten un despiste monumental e perdeu o norte que non é outro que o proceso de emancipación nacional e social".

Con respecto á elaboración de listas de cara ás vindeiras eleccións municipais, Beiras asegurou que "nós non imos entrar nunha competición por listas". E acto seguido demandou que as mesmas plasmen a pluralidade interna e que se fagan cun principio de capacidade dos candidatos e "non por pertencer a lobbies".

Fusión das caixas e voto emigrante
Beiras reiterou as súas reservas a un proceso de fusión de caixas e lembrou a destrución de emprego que levará aparellada. Á vez, censurou a un "aparato político convertido en espectador mudo sen dereito a falar do que están a negociar as direccións das caixas. Non se pode estar de convidado de pedra en xeral e xa non digamos o presidente. A oposición non existe, isto é o deserto".

En canto ao voto emigrante, o dirixente nacionalista asegurou que o problema non é a participación dos residentes no exterior senón a "farsa absoluta" e o "pucheirazo" que se dá no proceso. Para Beiras isto correxiríase facilmente coa obrigatoriedade do voto en urna nos consulados.


4.67/5 (45 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: