Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
E MÁIS CATRO CONCELLEIROS

Piden máis dun ano de prisión para o alcalde de Rianxo

Piñeiro Hermida (PSdeG) está acusado dun suposto delito de prevaricación na concesión dunha licenza para a construción dunha nave utilizada como serradoiro.

Redacción - 18:15 23/04/2010
Piñeiro Hermida é alcalde dende maio de 1991

Piñeiro Hermida é alcalde dende maio de 1991

A Fiscalía de Medio Ambiente do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) solicita un ano e dous meses de prisión para o alcalde de Rianxo (O Barbanza), Pedro Piñeiro Hermida (PSdeG), e para catro dos seus concelleiros por un suposto delito de prevaricación na concesión dunha licenza para a construción dunha nave no ano 2000.

Ademais, pide a inhabilitación do rexedor por 18 anos, xa que ao delito de prevaricación urbanística suma outro de prevaricación ordinaria, e para os edís (María Resua Quintas, Xosé Vicente Figueiro, Xesús Piñeiro e Santiago Fernández Figueira) solicita inhabilitación especial para cargo ou emprego público durante oito anos. A maiores, rec lama tamén un ano e tres meses de prisión para o empresario propietario da nave, implicado nun delito contra a ordenación do territorio e outros nove meses por un delito de desobediencia.

Serradoiro de pulido e pedra
A denuncia versa sobre a concesión dunha licenza en outubro de 2000 para a contrución dunha nave industrial, nunha parcela do lugar de Seredal, na parroquia de Santa María de Asados, en Rianxo, utilizada como serradoiro de pulido e pedra. Na súa acusación, o fiscal subliña que de acordo coa Lei do Solo de Galiza vixente naquel momento, as únicas edificacións autorizábeis neste tipo de parcelas eran “vivendas unifamiliares ou agropecuarias que ocuparan un máximo do 15% da parcela e unha altura de seis metros e medio”.

Afirma que “sendo plenamente conscientes” e “de común acordo” co propietario da nave, o alcalde e os concelleiros votaron a favor da licencia para a construción da nave nunha comisión de goberno. O pretexto empregado para encadrala na legalidade foi declarar que a construción gardaba algunha relación coa explotación de recursos naturais.

Ademais, subliña que “a extracción de pedra non estaba autorizada nin prevista polos organismos competentes” e engade que “nunca se chegou a realizar tal actividade na nave”, malia estar en funcionamento até, polo menos, 2008. Finalmente, recorda que a Xunta en setembro de 1999, denegou a solicitude previa a concesión da licenza para construír en solo rústico ao entender que non era de interese xeral. Porén, o fiscal sostén que o alcalde fixo caso omiso a esta decisión.


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: