Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN CÁCERES

'As labregas estamos aquí!', berro no Encontro da Muller Rural

As mulleres do agro reclaman que se recoñeza a titularidade compartida das explotacións e piden políticas de igualdade transversais.

Redacción - 19:30 29/04/2010
Lidia Senra e Isabel Vilalba, durante a intervención do SLG

Lidia Senra e Isabel Vilalba, durante a intervención do SLG

“As labregas estamos aquí e desempeñamos un papel clave na produción de alimentos na Europa e tamén no desenvolvemento e na vida dos nosos pobos”. Esta é unha das afirmacións coas que as mulleres do rural quixeron denunciar a invisibilización á que se ven sometidas polas actuais políticas agrarias. Foi en Cáceres, nun seminario sobre a situación laboral da muller rural europea na explotación familiar, no que participa o Sindicato Labrego Galego (SLG).

As conclusións deste encontro serán a base para a elaboración de novas propostas para enviar ás institucións europeas e aos diferentes gobernos, para que escoiten “dunha vez por todas” as voces campesiñas de Europa e poñan en marcha medidas políticas que recoñezan os seus dereitos.

Reproducimos aquí a declaración labrega:

 NOSOUTRAS, labregas chegadas de diferentes países de Europa, reunidas en Cáceres durante o seminario europeo “Labregas polos nosos dereitos” durante os días 27, 28 e 29 de abril, cansas da invisibilización á que frecuentemente nos someten as propias administracións a través, entre outras, das políticas agrarias e de desenvolvemento rural, e logo de comprobarmos que durante o foro oficial organizado pola Presidencia Española da Unión Europea -celebrado tamén estes mesmos días en Cáceres- que todo o mundo falou de nós sen darnos voz, queremos lembrar ás administracións públicas QUE AS LABREGAS ESTAMOS EIQUÍ, e que como labregas desempeñamos un papel crave na produción de alimentos na Europa e tamén no desenvolvemento e na vida dos nosos pobos.

Estamos fartas da invisibilización á que nos someten as actuais políticas agrarias, que consideran ás mulleres que desenvolvemos a nosa actividade nas explotacións agrarias familiares coma outra “propiedade” do titular da explotación, negándonos así os nosos dereitos a ter ingresos propios e á titularidade da explotación, aínda cando co noso traballo contribuímos a xeralos e a mantelos na mesma medida que os nosos compañeiros.

Non estamos dispostas a seguir aguantando a exclusión de miles de campesiñas da Seguridade Social, xa sexa por razóns económicas -tamaño da explotación-, culturais ou burocráticas.

Enfrontándonos a esta situación, e diante do debate que nestes momentos está a iniciarse sobre a reforna da Política Agraria Común (PAC 2013), reclamamos da Presidencia Española da Unión Europea e das institucións comunitarias:

1. Que se recoñeza a titularidade compartida ao 50% dende a PAC, desenvolvendo un estatuto xurídico que garanta ás labregas tanto os ingresos económicos como todos os demais dereitos que leva a titularidade da explotación.

2. Eliminar a esixencia dun mínimo, tanto de superficie produtiva como de ingresos, para o acceso á actividade agraria, xa que este condicionante discrimina ás pequenas explotacións, sendo estas as que están fundamentalmente en mans das mulleres.

3. Que a formación agraria transmitida, tanto nas escolas agrícolas como noutros ámbitos, incorpore a igualdade de xénero como materia a impartir, contando con persoas formadas neste ámbito para realizaren o seu labor docente.

4. A aplicación de medidas de accción positiva até conseguir a plena igualdade das mulleres.

5. A garantía, por lei, da participación das mulleres campesiñas na toma de decisións, facendo obrigatorio o cumprimento das leis de paridade por parte das organizacións agrarias.

6. O compromiso explícito, por parte das institucións europeas, de que non haberá impactos negativos para as campesiñas na elaboración dos orzamentos para a PAC.

7.Que as políticas de igualdade sexan transversais, para que a igualdade sexa un punto crave a considerar no momento de definir a PAC e o desenvolvemento rural.


Ligazóns

4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: