Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Declaración da renda

'Os teus impostos matan, ti podes desarmalos'

Este é o lema da campaña lanzada polo Espazo Aberto Antimilitar para este ano a prol da Obxección Fiscal aos Gastos Militares.

Redacción - 17:45 03/05/2010

O Espazo Aberto Antimilitar continúa coa campaña pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares (OFGM), que este se desenvolve baixo o lema Os teus impostos matan, ti podes desarmalos. Lembramos que segundo os datos de 2009, catro persoas obxectaron en Galiza aos gastos militares dun total de 875 en todo o Estado.

Calculan que o goberno español vai empregar "como mínimo" 18.160,89 millóns de euros en gasto militar. Unha cantidade que, recordan, "non será dedicada a pensións, ensino, sanidade ou subsidios, por poñer algúns exemplos".

Malia este investimento continuado, que consideran "descomunal e disparatado", non se está a contribuír "en absoluto a mellorar a seguridade de ninguén". "Antes ben -din- supón un risco para a existencia da vida, e do mesmo planeta".

Así por exemplo recordan que "as chamadas 'intervencións humanitarias' no estranxeiro non son máis que o que anteriormente denominabamos ocupacións militares" e lembran ao respecto "os últimos 'erros' cometidos en Afganistán, onde se bombardeou unha vez máis a poboación civil".

Tamén Chile, onde "o exército foi mobilizado para 'controlar' a propia poboación desesperada" logo dos últimos terremotos, ou no caso de Haití "encubrindo unha ocupación militar en toda regra". Estes casos, afirman, mostran a "outra relevante atribución dos exércitos: a 'pacificación' non só no exterior, senón tamén no interior das propias fronteiras".

Por todo isto e porque apostan polo "diálogo", a "cooperación" e a "solidariedade" para a "resolución de conflitos", e "pola xustiza" para conseguir "un mundo en paz", desde o Espazo Aberto Antimilitar chaman á Obxección Fiscal aos Gastos Militares.

E como cada ano propoñen destinos alternativos aos que enviar os cartos, que este ano ademais do propio Espazo son A Ría Non Se Vende e a Asociación Revolucionaria de Mulleres de Afganistán (RAWA). En 2009, no conxunto do Estado, conseguíronse desviar 80.600 euros a organizacións cidadás.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: