Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Campaña de "orientación"

Galicia Bilingüe: Fai o que eu digo, non o que eu fago

En Ribeira repartíronse folletos deste colectivo que pretenden demostrar a suposta dificultade dos termos en galego no ensino.

Redacción - 12:40 06/05/2010

Aínda que Galicia Bilingüe parece teimar moito en que os pais e as nais deben ser libres para decidiren en que lingua deben estudar as súas crianzas e censura a "propaganda política" dos colectivos a prol da normalización, o certo é que esta organización puxo en marcha unha campaña para "orientar" a súa escolla. Así, segundo nos informaron lectores de Vieiros, unha persoa estivo a repartir folletos da asociación no CEIP O Grupo, de Ribeira.

O material pretende "axudar a escoller" a lingua en que se imparten as materias troncais. Para iso, inclúe supostos textos de materias como Coñecemento do Medio ou Matemáticas seleccionando, non por casualidade, palabras que son moi diferentes en galego e en castelán, dando por feito que as propias son totalmente descoñecidas, aínda estando a meirande parte delas vivas na linguaxe do pobo.

Entre os termos que Galicia Bilingüe inclúe nas versións en galego están "toupa", "peteiro", "apañar", "formigo", "larpeiradas", "leira", "escorregar" ou "lama", formas todas elas que debe considerar inventadas ou incomprensíbeis para os cativos, coa probábel intención de convencer os proxenitores de que os seus fillos "aprenderán mellor" nas omnipresentes formas en castelán, con palabras como "abedules" ou "retamas".

Porén, algunhas incorreccións e inexactitudes nas traducións dos exemplos evidencian a súa falsidade. Os textos incluídos parecen especialmente prefabricados para xustificar os argumentos de Galicia Bilingüe e é difícil que poidan aparecer nun libro de texto, como por exemplo: "No Reino Unido os pescadores utilizan a zorra para escorregar sobre a lama das marismas e así poder transportar os mexilóns (sic) que recolleron".

Na presentación do panfleto, asegúrase que "os libros de Coñecemento do Medio conteñen máis terminoloxía e texto", aínda que "a dificultade en Matemáticas estriba principalmente na comprensión dos enunciados dos exercicios".



5/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: