Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Cara á manifestación do 17 de maio

“Existe liberdade de escolla de lingua se non se pode escoller o galego?”

O presidente da Mesa e portavoz nacional de Queremos Galego, Carlos Callón, presenta este sábado o libro 'En castellano no hay problema'.

Redacción - 13:00 08/05/2010
Imaxe na capa do libro

Imaxe na capa do libro

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz nacional de Queremos Galego, Carlos Callón presenta este sábado ás 19.00 horas na Feira do Libro de Compostela o seu libro En castellano no hay problema. No acto participarán tamén Pilar García Negro, Caetano Díaz e Manuel Bragado.

O autor, que sinala que “xa desde o título pretendo provocar a reflexión” une no volume varios textos que abordan a situación do idioma galego nos últimos tres lustros, deténdose con máis vagar na política lingüística do período do bipartito e do comezo da lexislatura de Alberto Núñez Feijoo.

“Penso ademais que o nome do volume funciona moi ben coa ilustración da portada: un detalle do Pórtico da Gloria en que aparece un monstro arrincándolle a lingua a un condenado. Toda unha metáfora desa falsa liberdade lingüística e dese propagandístico bilingüismo que funcionan como adormecedores, porque a realidade é que en Galiza só es libre de escoller idioma se escolles o castelán”, denuncia Callón.

Nas páxinas de En castellano no hay problema “analízase a situación do idioma, repásanse reivindicacións, preséntase alternativas, convídase ao protagonismo individual para transformar e alértase das medidas que deberían adoptar os poderes públicos”. Segundo o presidente da Mesa, “é moi importante non só indicar onde están os problemas, senón tamén propor as solucións, tanto o que podemos facer cada persoa a nivel individual como as organizacións e institucións, desde a Xunta até os gobernos municipais”.

Outra liña dos contidos do volume é a contestación, “moitas veces con retranca, e sempre con argumentos” dalgúns dos prexuízos e tópicos máis asentados contra a lingua galega. Callón considera o libro “unha obra colectiva, aínda que sexa de sinatura individual”.

Preguntas de variada fasquía procuran resposta: “É certo que nunhas oposicións un curso de galego vale máis que un doutoramento? É oficial unha lingua na cal unha empresa che pode dicir que non te podes expresar? Hai unha imposición do galego nas sinalizacións públicas? Existe o dereito á ignorancia? Onde está a liberdade de escolla de lingua se non se pode escoller o galego? Que significa e significará na realidade o decretazo contra o galego no ensino?”

Callón, co libro, pretende “ofrecer munición argumental e propostas para o combate cívico en que nos encontramos na defensa do noso idioma” e sinala que o acto de presentación, que está a obter un importante respaldo nas redes sociais, pretende ser “tamén un acto de chamamento á mobilización convocada pola plataforma Queremos Galego para o vindeiro 17 de maio, cando a sociedade volverá encher a praza do Obradoiro para reclamar que a Xunta finalice a súa política de ataques contra a lingua galega”.

Plenario de Queremos Galego e manifestación do 17 de maio

Por outra banda, a plataforma Queremos Galego tiña previsto unha reunión do seu Plenario Nacional tamén este sábado co fin de definir horarios e percorrido da marcha que se desenvolverá o vindeiro 17 de maio polas rúas de Compostela baixo o lema O Galego, o noso existir.

Neste senso, a comisión promotora de ensino Galiza co Galego sumouse á manifestación, convidando os asinantes do seu movemento (máis de 1670) a participar. Entenden que a mobilización cidadá “debe robustecer a defensa do ensino en galego”, e “concienciar da necesidade de facer valer os dereitos da cidadanía á educación con independencia dos gobernantes”.

Así mesmo, a Comisión Galiza co Galego tamén participará na manifestación para “promover a idea da creación dunha rede de ensino en galego e laico, construída en base ás achegas de milleiros de cidadáns, para así garantir o dereito á educación da nosa infancia”.


4.79/5 (24 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: