Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A PARTIR DE XUÑO

O goberno español rebaixa os salarios dos funcionarios nun 5% e conxela as pensións

Ademais tamén se elimina o cheque bebé a partir de 2011, redúcese o investimento público ou a axuda ao desenvolvemento.

Redacción - 09:30 12/05/2010



O presidente do goberno español, Rodríguez Zapatero, anunciou un abano de medidas para reducir o déficit público e situalo no 3% no 2013. Tres son as máis destacadas: reducir as retribucións do persoal do sector público nun 5% de media a partir de xuño de 2010, a eliminación da prestación por nacemento, coñecida como "cheque bebé" de 2.500 euros a partir de 2011 e a suspensión da revalorización das pensións tamén no próximo ano (agás as non contributivas).

No caso da rebaixa dos salarios dos funcionarios, contémplase unha baixada proporcional aos ingresos, é dicir, afectará máis aos salarios máis altos. Asemade, os membros do goberno verán rebaixado o seu salario nun 15%. Zapatero apelou na súa comparecencia no Congreso á necesidade de reducir o déficit, para o que pediu "un esforzo especial, singular e extraordinario" e asegurou que estas medidas "son imprescindíbeis" e procuran ser "o máis equitativas posíbel".

Asemade, Zapatero adiantou que as Comunidades Autónomas e as entidades locais terán que realizar un aforro adicional do seu gasto de 1.200 millóns de euros. Tamén se reducirá a axuda oficial ao desenvolvemento que viña realizando o Estado Español, que descenderá nuns 600 millóns de euros neste ano e en 2011; prevese un aforro de 6.045 millóns de euros entre 2010 e 2011 na inversión pública estatal; as solicitudes de dependencia terán que resolverse en seis meses e eliminarase a retroactividade; e adecuarase o número de unidades dos envases de medicamentos para axustalo á duración estandarizada dos tratamentos.

Todas estas medidas serán aprobadas o vindeiro venres no Consello de Ministros para a súa entrada inmediata en vigor.

Réplica de Rajoy
Pola súa parte, o líder do PP español, Mariano Rajoy, aproveitou no seu tempo de réplica para acusar a Zapatero de actuar fóra de tempo: "as súas improvisacións imos a pagalas entre todos", dixo. Apuntou que está disposto a debater estas medidas e propuxo outras para reducir aínda máis o gasto, como a supresión de ministerios, a revisión de todas as subvencións, "incluídas as dos sindicatos".


2.91/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: