Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Non poderá ir ao Tribunal Penal Internacional

O CGPJ suspende o xuíz Baltasar Garzón por unanimidade

O maxistrado debe abandonar "de forma automática" a Audiencia Nacional até que non se resolvan as tres causas abertas contra el.

Redacción - 14:15 14/05/2010
O xuíz Baltasar Garzón

O xuíz Baltasar Garzón

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ, nas súas siglas en castelán) acordou por unanimidade suspender o xuíz da Audiencia Nacional Baltasar Garzón logo de se abrir xuízo oral contra el no Tribunal Supremo por suposta prevaricación cometida ao investigar as desaparicións do franquismo carecendo de competencia para iso, segundo informaron a Europa Press fontes extraoficiais.

O Consello actuou contra Garzón en aplicación do artigo 383 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que obriga a apartar dos seus labores xurisdicionais calquera xuíz ou maxistrado cando se constata que hai motivos para proceder contra el por delitos cometidos no exercicio das súas funcións.

Deste xeito, o titular do xulgado Central de Instrución número 5 vese obrigado a abandonar "de forma automática" a Audiencia Nacional até que non se resolvan as tres causas abertas por prevaricación contra el no Tribunal Supremo.

Ademais do asunto relacionado coa Memoria Histórica, Garzón ten pendente saber se tamén será sentado no banco polos cobros que obtivo da Universidade de Nova York por dirixir uns cursos patrocinados polo Banco de Santander; e por unha terceira causa que se tramita por intervir este maxistrado as comunicacións dos xefe da trama Gürtel cos seus avogados en prisión.

Finalmente, o órgano de goberno dos xuíces non valorou a petición realizada por Garzón para ser declarado en situación de "servizos especiais" co fin de aceptar unha praza de asesor da Fiscalía no Tribunal Penal Internacional e que evitaría a súa suspensión durante, polo menos, os sete meses para os que solicitou dito permiso.


1.2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: