Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A CRISE: CAUSAS, SOLUCIÓNS E FUTURO

Marcelino Fernández: 'Son precisas reformas estruturais e atender á economía produtiva do país'

'Auguro un futuro inestábel e de moitos anos de adaptación ás novas coordenadas de competencia mundial"

Redacción - 11:00 26/05/2010

MARCELINO FERNÁNDEZ MALLO. É licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego.

a) Por que temos a actual situación de crise?
Dúas son as claves principais. En primeiro lugar temos que falar dun factor cíclico: levamos case 15 anos de crecemento e esa situación, ademais de ser inédita, requiría unha corrección que se ía dar antes ou despois. En segundo lugar, hai que buscar a orixe desta crise no exceso de endebedamento de todos os sectores económicos, sen excepción. Os axentes dos mercados financeiros, as propias empresas, o sector da construción ou as familias: todos endebedáronse de xeito esaxerado, ben para financiar proxectos de investimento, para beneficiarse en mercados especulativos ou para a adquisición inmobiliaria. Todos viviron por enriba das súas posibilidades atendendo a unhas estimacións de futuro que sempre se movían á alza.

b) Cales poden ser as solucións?
Hai que diferenciar o nivel global e o local-galego. No primeiro son precisas unha chea de reformas estruturais no sentido máis amplo: reformas nos mercados de bens de primeira necesidade, da enerxía, control dos mercados financeiros, prohibición das operacións especulativas, control dos estados financeiros das empresas, que non reflicten realmente a súa situación, reformas no comercio exterior... En suma, medidas que eviten que se reproduza o sobreendebedamento das economías. Xa a nivel local, as medidas teñen que atender á economía produtiva do país. Entre elas podemos citar: o impulso do medio rural e da industria agrogandeira ou a captación de proxectos de investimentos fortes, tendo en conta a actual fuga de capital que, malia ser forte e cunha importante capacidade de xeración de liquidez, inviste fóra do país. Tamén, conviría apostar por I+D, principalmente en medio ambiente e enerxía, e definir dunha política de comercio exterior galega, que aproveite estratexicamente as especificidades de Galiza.

c) Cal cre que será o futuro?
A nivel global, atendendo á mudanza de equilibrios no planeta, coa oposición entre as economías emerxentes e as tradicionais, preveo un futuro inestábel e de moitos anos de adaptación ás novas coordenadas de competencia mundial. A nivel galego, a adopción de solucións vai depender da comuñón entre o Goberno e os axentes económicos, unha estreita relación que até o de agora non se dá.


3,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: