Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A CRISE: CAUSAS, SOLUCIÓNS E FUTURO

Xulia Guntín: 'A solución pasa por mudar de modelo de crecemento'

"Teño a impresión de que a oportunidade para cambiar o modelo xa pasou, e neste momento o que se busca é unha versión mellorada do modelo, para evitar que se reproduza esta situación"

Redacción - 11:00 27/05/2010

XULIA GUNTÍN é profesora de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela, na que é membro do departamento de Métodos Cuantitativos para a Economía e a Empresa.

a) Por que temos a actual situación de crise?
Obviamente a resposta non é simple. A crise ten unha dimensión global pero con efectos particulares. Xestouse nun modelo de crecemento económico baseado sobre investimentos de carácter fortemente especulativos, investimentos que buscaron e buscan unha elevada rendibilidade nun corto prazo. Isto supuxo e supón que os mercados non asignan os fondos precisos para producir riqueza, para ser máis produtivos a través da innovación. E isto foi posíbel por que ía acompañado dun forte e xeral desregulamento da economía, dos mercados, nomeadamente o mercado financeiro. Ademais, gastamos o que non tiñamos, as economías domésticas recorreron de forma sistemática ao crédito animados polas políticas de prestamos fácil das entidades financeiras, situadas no centro da burbulla inmobiliaria.

b) Cales poden ser as solucións?
O problema é que a crise non é debida a que alguén se equivocara. É froito do propio modelo de desenvolvemento económico que se foi implantando, sobre decisións que tomaron os gobernantes, sobre recomendacións de organismos internacionais e comisións de expertos, sobre as accións dos grandes investidores,…. A solución pasa por mudar de modelo de crecemento. Apostar pola economía real, por crear riqueza e redistribuíla, entre as persoas, entre os pobos. Pasa por que as decisións da política económica volvan residir nos gobernos que eliximos e non nos mercados e imponse a necesidade de regular a economía globalmente. Esta vai ser unha crise duradeira, e levará tempo seguramente antes de volver a unha senda de crecemento sólida. As decisións que se están tomando intentan atacar os síntomas pero non curar a enfermidade. No caso español ademais, a errada xestión da crise, das solucións á crise por parte do goberno, fará seguramente que o proceso sexa máis lento e o camiño máis dificultoso, tamén en Galiza cun Goberno que segue sen política económica, sen propostas reais.

c) Cal cre que será o futuro?
Creo que no curto prazo a situación non mellorará, a economía non vai crecer ou se o fai será a unhas taxas moi baixas, e o crecemento é necesario (aínda que non suficiente) para que haxa creación de emprego, principal problema da economía galega e da española, antes e durante esta crise. Teño a impresión de que a oportunidade para cambiar o modelo xa pasou, e neste momento o que se busca é unha versión mellorada do modelo, para evitar que se reproduza esta situación. As receitas, as recomendacións van neste sentido aínda que hai incógnitas pendentes de despexar: o maior control aos movementos financeiros que demandan moitas voces; a pervivencia dun modelo no que é crucial un recurso esgotábel como o petróleo, as novas economías emerxentes.


3,75/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: