Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reclamación da oposición

Feijoo rexeita aumentar o IRPF ás rendas máis altas

O presidente da Xunta critica a medida aplicada en Cataluña polo tripartito.

Redacción - 10:00 04/06/2010

A Xunta ten marxe de manobra no chamado treito autonómico' do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) e desde a oposición parlamentaria teñen chegado voces convidando o Goberno a aproveitar para subir a presión sobre as rendas máis altas. Mais, de xeito específico, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, rexeitou esta quinta feira que o executivo que lidera adopte tal medida.

"Nós estamos sempre dispostos a aprendermos, mais hai poucas semanas que nos criticaban por non baixar o IRPF e agora pídesenos o contrario", ironizou ao respecto das suxestións realizadas esta semana polo secretario xeral do PSdeG, Manuel 'Pachi' Vázquez. En defensa da súa posición argumentou Núñez Feijoo que as políticas fiscais "deben ser redistributivas e non ideolóxicas". De paso, aproveitou Feijoo para cargar contra a decisión do goberno español ao respecto do incremento do IVE. "Vaille afectar igual a todas as rendas, sexan baixas, medias ou altas".

Medida introducida en Cataluña e prometida polo goberno español
Pola súa banda, o goberno tripartito catalán acordou recentemente a modificación dese treito autonómico do IRPF, creando un novo tramo para as rendas superiores a 120 mil euros. Estas rendas asumirán un aumento do tipo desde o 21,5% actual até o 23,5%. Ao tempo, as rendas por riba dos 175 mil euros verán gravado o tipo con catro puntos extra, deica o 25,5%.

Segundo os cálculos do goberno catalán son apenas 20 mil persoas, o 0,5% dos contribuíntes cataláns, os que se verán afectados por este incremento que, con todo, servirá para que a caixa pública catalá ingrese 75 millóns de euros máis. A iniciativa non estará en vigor até a campaña 2012 aplicándose sobre os ingresos dos contribuíntes en 2011 e forma parte dun paquete máis amplo de medidas da Generalitat co obxectivo de combater o déficit público. O executivo liderado polo socialista José Montilla adiántase así ao goberno español que anunciou en días pasados que presentaría tamén unha reforma co obxectivo de aumentar a presión fiscal sobre as rendas máis altas.


3.4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: