Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acto público no Teatro Principal de Compostela

Cara a un programa mínimo común

Con berros de boa parte do público a prol dunha folga xeral e en apoio a Palestina, botou andar este sábado o proceso Refundando A Esquerda que impulsa EU.

F. A. - 10:00 06/06/2010
Xoán Abeleira conduciu o acto

Xoán Abeleira conduciu o acto

"Un proceso de converxencia da esquerda social e política do país coa intención de crear unha fronte ampla social que sexa quen de loitar contra o pensamento único neoliberal e desenvolver as ferramentas necesarias para, entre todas e todos, dun xeito participativo, transformar a sociedade".

Este é o principal obxectivo de Refundando A Esquerda, unha asemblea aberta de diálogo e debate que este sábado, no Teatro Principal de Compostela, comezou a súa andaina aos berros de "¡Viva la República!" e "Viva o comunismo bolchevique!" Un proceso impulsado por Esquerda Unida (EU), iniciado a nivel federal na súa IX Asemblea e desenvolvido posteriormente polas distintas federacións territoriais que en Galiza procura recoller "votantes descontentos" do nacionalismo.

Iolanda Díaz, coordinadora nacional da galega, resumía o obxectivo da iniciativa cunha frase tomada do Éxodo de Daniel Salgado: "Cheguemos a un programa mínimo común". O poeta e Díaz foron dúas das 13 persoas que subiron ao escenario para ofrecer a súa visión sobre a "refundación da esquerda" nun contexto de crise económica global que os relatores asociaron coa propia idiosincrasia do sistema capitalista, "nin humanizábel, nin humanizador".

O músico, poeta, narrador, xornalista e tradutor Xoán Abeleira foi o encargado de conducir o acto. Mais tamén, entre intervencións, recitou varios poemas acompañado por música en directo. Un destes, de grande intensidade, centrouno na defensa do galego, "lingua proletaria".

Xabier Ron, do Consello do Foro Social Galego, foi o primeiro en pasar polo atril -que estaba flanqueado polas bandeiras da República Española, de Palestina e de Galiza (sen o escudo)- e realizou unha presentación audiovisual coas "contradicións" do capitalismo no mundo. Miguel Fernández, voceiro do Foro Galego da Inmigración e da Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais, defendeu unha política de inmigración autonómica propia a nivel de atención social que garanta os dereitos das persoas inmigrantes, actualmente considerados "mera forza de traballo".

Mariluz Maset, da Marcha Mundial das Mulleres, avogou por "máis investimento público" para conseguir "máis igualdade", e chamou a loitar contra a "feminización da pobreza e a violencia machista" que "son propias" do sistema capitalista. O secretario xeral da CUT, Ricardo Castro, fixo un chamamento ás centrais sindicais maioritarias para que convoquen "xa" unha folga xeral, o que suscitou os berros de apoio de boa parte do público asistente. "Se tivésemos contestado hai dous anos como deberiamos non estarían aprobando as medidas de recorte social actuais", sinalou, e afirmou que "non hai capitalismo bo: nin o de Keynes, nin o de Obama, nin o de ZP".

O profesor da USC especializado en pedagoxía Herminio Barreiro, moi aplaudido, ligou a "refundación da esquerda" coa "refundación da educación", e agradeceu ao coordinador federal de IU, Cayo Lara, que "coa súa presenza, Galiza deixe de ser periferia para ser centro político da Península Ibérica". Eliseo Fernández, historiador e militante anarquista, considerou "intolerábel" que boa parte dos esforzos das formacións políticas de esquerdas sexan para combater outras formacións de esquerdas", e avogou por recuperar os "valores comunitarios" que caracterizaron de sempre a "aldea galega".

A avogada militante nos movementos sociais Mariluz Canal salientou a "responsabilidade de ser de esquerdas" para unha "muller privilexiada do Primeiro Mundo", e puxo de relevancia a incongruencia de que "o home teña que ser solidario co capital". Aínda que se contaba coa súa presenza, Xosé Luís Méndez Ferrín non estivo de corpo presente no Teatro Principal. Si, con todo, deixou gravado un vídeo onde reflexionaba sobre a necesidade de que sexa "netamente de dirección obreira" unha hipotética refundación da esquerda.

Xavier Montero Dongil, secretario de Formación para o Emprego de CC.OO, acudiu en substitución de Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral desta central, que escusou a súa ausencia por "cuestións persoais". Montero foi interrompido en varias ocasións por berros dalgúns asistentes solicitando unha folga xeral. El defendeuse afirmando que as protestas na rúa irán "in crescendo" até chegar a este paro total. Outro que tampouco estivo presente foi Alfredo Iglesias, representante da dirección do STEG. Finalmente este sindicato informou que se desmarca do proceso Refundando A Esquerda.

A seguir falou Mariano Abalo. "O fascismo vai atacar con máis forza ca nunca", advertiu o secretario xeral da FPG, que recordou procesos pasados de concentración de esquerdas como foi a Fronte Popular da década de 1930 a nivel estatal. Ademais, reivindicou que "ser comunista non é ningún delito", e tivo palabras a favor do pobo palestino e en contra do Estado israelí, que provocaron tamén o apoio do público con "Palestina vencerá!". Por último, desde unha posición de nacionalista de esquerdas, dixo que cumpría "autocrítica" xa que non entendía a "querencia" de parte destes "polos Gayoso, Tojeiro e Jacinto Rey".

Pasadas dúas horas desde o inicio do acto, subiu ao escenario Cayo Lara, o máis ovacionado de todos os relatores. "Mentres os culpábeis están en Bildeberg, nós estamos aquí", afirmou. Cargou, ademais, contra PSOE e PP por "pór a democracia de nocellos fronte á ditadura dos mercados", e sinalou o "cambalache" que supón que sexan os poderes financeiros os que regulen os Estados e non ao revés. Lara contrapuxo os recortes salariais e a conxelación de pensións coa súa proposta de gravar as ganancias da banca, as transaccións en bolsa, así como unha mellor regulación das SICAV, a desaparición dos paraísos fiscais e a revisión das pensións dos banqueiros e dos salarios dos altos executivos.

Finalmente, pechou a rolda de intervencións Iolanda Díaz, que cualificou de "fascistas" as políticas do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, "contra o galego"; animou a "pelexar polos dereitos nacionais do noso pobo"; pediu combater canda o capitalismo, "tamén o patriarcado"; advertiu que han "traballar para forzar unha folga xeral"; e, ao respecto da reforma laboral, considerou que "o despido xa é libre, o que queren é que sexa gratuíto".


3.87/5 (30 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: