Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DE CARA ÁS MUNICIPAIS

O BNG axusta contas internas na confección das listas municipais

A UPG imponse a Máis Galiza no pulso interno que se desenvolve cidades. Encontro Irmandiño exixe un Consello Nacional para tratar a depuración de censos.

Redacción - 11:05 14/06/2010
Tags: BNG listas
Asemblea Nacional de maio de 2009

Asemblea Nacional de maio de 2009

En maio do ano pasado, o BNG pechaba unha asemblea extraordinaria que marcaba un punto de inflexión na historia da fronte nacionalista. Coa resaca dunha recente derrrota electoral, a militancia escollía unha nova dirección que reflectía unha fonda división interna, dúas maneiras de ver a realidade organizativa e social que semellaban difíciles de facer confluir.

Pasado máis dun ano daquel cónclave, a fenda que separa os dous grandes movementos internos do Bloque lonxe de diminuir aumenta. A UPG e Máis Galiza (que recolle a herdanza do antes denominado 'quintanismo') son quen de chegar a moi poucos acordos internos e os puntos de fricción son case continuos. Os últimos tremores, algúns de intensidade máis que preocupante, están a producirse coa elección das listas municipais.

A falta de saber como quedará o pulso na capital de Galiza entre Rubén Cela (UPG) e Xoán Carlos Báscuas (Máis Galiza) e na Coruña entre Afonso Sánchez Regueiro ('tellismo', Encontro Irmandiño e previsibelmente Máis Galiza) e Xosé Manuel Carril (UPG), a Unión do Povo Galego está a mostrar máis forza interna nas loitas urbanas.

O partido que dirixe Francisco Rodríguez marcará a dirección nas candidaturas de Lugo (Antón Bao), Ourense (Isabel Pérez), Pontevedra (Miguel Anxo Lores) e Ferrol. Santi Domínguez (Máis Galiza) volverá ser candidato á Alcaldía de Vigo, aínda que a UPG terá un peso decisivo ao copar os teóricos postos de saída.

As tensións internas poden chegar ao Consello Nacional


O Encontro Irmandiño, a corrente que lidera Xosé Manuel Beiras, instou esta fin de semana á dirección do BNG a convocar un Consello Nacional extraordinario para que “se resolvan os casos de privación de dereitos básicos de participación no proceso de elaboración das listas municipais do BNG para moitos militantes”. Os irmandiños queren que quede sen efecto unha depuración do censo promovida pola UPG o mes pasado e que deixou sen posibilidade de voto nos procesos internos a afiliados que non tiñan as cotas ao día.

A polémica polos censos afecta especialmente á Coruña. Nesta cidade agárdase que a elección de candidato sexa moi apretada. O chamado “tellismo”, canda o Encontro Irmandiño intentan buscar unha alianza con Máis Galiza para derrotar a UPG na asemblea local.

Despois dos procesos nas principais cidades chegará a quenda das cabeceiras de comarcas, onde tamén se agardan fortes loitas entre as dúas principais faccións do BNG.


4.14/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: