Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A prensa europea insiste

Continúan as dúbidas sobre a solvencia dos bancos españois

Zapatero pide aos líderes da UE que se publiquen as contas para acalar os rumores. O líder de CC.OO di que "cómpre unha mudanza de goberno".

Redacción - 14:05 17/06/2010

O presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, pediu ao resto de líderes da UE, antes da xuntanza que manteñen esta quinta feira en Bruxelas, que se publiquen as probas de tensións das entidades financeiras para atallar as especulacións do mercado sobre a saúde dos bancos.

Zapatero abordou o asunto durante o almorzo que mantivo co presidente permanente do Consello Europeo, Herman Van Rompuy, e o presidente do Executivo comunitario, José Manuel Durão Barroso. Segundo fontes da súa delegación, o primeiro ministro español é partidario dunha maior "transparencia" para lles pór fin aos rumores que se suceden desde hai días sobre posíbeis rescates.

Esta mesma quinta feira, o xornal inglés The Independent (até hai pouco de liña progresista) levaba á súa capa a información publicada pola prensa alemá esta semana. Isto é, que se prepara o rescate económico español. Ao respecto, Die Spiegel apunta que os líderes europeos deben dar un "sinal claro" de como van xestionar o seu último problema: a "endebedada" economía española.

"Folga xeral" e "mudanza de goberno"

E ao fío da reforma laboral aprobada polo Executivo español esta cuarta feira, o secretario xeral de CC.OO, Ignacio Fernández Toxo, volveu defender nunha entrevista radiofónica a convocatoria de folga xeral e pediu unha "mudanza de goberno". "Estamos sen dirección política, sen dirección económica, e sen dirección laboral", dixo, e engadiu: "A xente necesita mudanza de goberno".


2/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: