Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conmemoración, este domingo en Xesteda (Cerceda)

27 de xuño de 1931: Proclámase a República Galega

O movemento obreiro, apoiado pola pequena burguesía galeguista e por figuras do independentismo chegadas da emigración, propiciou este fito histórico hai 79 anos.

Fernando Arrizado - 10:00 22/06/2010
Capa do libro que será presentado

Capa do libro que será presentado

Podería ser o mes de xuño de 2010. En plena crise do capital, o goberno español acaba de anunciar a paralización de infraestruturas ferroviarias e o recorte de diñeiro destinado á obra pública. Como consecuencia, moitos operarios do noso país han perder os seus emprego nos vindeiros meses.

Mais é 1931, pouco despois de caer a ditadura de Primo de Rivera. O 23 de xuño, o Consello de Ministros acorda a suspensión definitiva da construción do camiño de ferro entre Zamora e A Coruña; Indalecio Prieto, responsábel de Facenda, non o considera rendíbel. Os 12 mil traballadores 'carriláns' comezan unha folga histórica que no momento máis álxido do conflito lévaos a proclamar a República Galega.

Primeiro en Ourense, o 25 de xuño:

"La multitud, presa de indignación, dirigióse al Ayuntamiento a las dos de la madrugada, izando en el balcón principal la bandera gallega, en medio de gran ovación, proclamando un manifestante la República gallega. En las calles se organizó una manifestación de protesta contra el Gobierno por el acuerdo de suspensión de las obras".
('La Vanguardia', 26 de xuño)

E dous días despois, o 27 de xuño, na capital galega:

"Al terminar el mitin se formó una manifestación imponente, que se dirigió al Ayuntamiento, izándose la bandera blanca y azul en el edificio y proclamándose el estado gallego. Dimitieron inmediatamente todas las autoridades. El pueblo pidió clamorosamente que Alonso Ríos ocupase la presidencia de la Junta Revolucionaria y, entonces, dijo éste que era del pueblo y que antes de ceder pasarían sobre su cadáver".
('El Pueblo Gallego', 28 de xuño)

Ao tempo, na Pobra de Sanabria, as protestas toman unha fasquía similar:

"Según dicen de Zamora, en Puebla de Sanabria se celebró una manifestación que recorrió las calles dirigiéndose al Ayuntamiento, donde izaron la bandera gallega. Se leía un cartel que tenía la siguiente inscripción: "Queremos anexarnos a Galicia." Además, acordaron declarar la huelga y no acudir a las elecciones".
('La Voz de Galicia', 28 de xuño)

Tanto a proclamación da República Galega como a súa efémera duración no tempo -tan só unhas horas- foron noticia en medios de toda a Península e tamén nalgúns da outra beira do Atlántico. Ademais, publicacións como A Fouce, A Nosa Terra ou o propio El Pueblo Gallego recolleron nos días seguintes artigos de Sebastián Guerrero, Luciano García ou Manuel Beiras, así como diversos manifestos nacionalistas ao respecto daqueles feitos. Mais, que levou os folguistas á proclamación da República Galega? E por que resultou ser como auga nun cesto?

O historiador Dionisio Pereira, ao respecto da primeira cuestión, salienta a conxunción de varias circunstancias: en primeiro lugar, a presión exercida polo movemento obreiro -amparado polo PCE e as bases da UXT en Ourense, e pola CNT en Compostela- coas primeiras eleccións a Cortes Constituíntes da II República Española ás portas (28 de xuño); en segundo, pola implicación da clase política local das principais vilas afectadas (Verín, O Carballiño ou Lalín, entre outras), coa participación de concellos, deputacións, cámaras de comercio e casas do pobo.

E en terceiro, polo apoio da pequena burguesía galeguista (por exemplo, Antón Alonso Ríos, designado presidente do Goberno provisorio), e de figuras do independentismo que prendera na emigración (por exemplo, Pedro Campos Couceiro, da Sociedade Nazonalista Pondal). Dionisio Pereira destaca tamén a importancia de Eduardo Puente Carracedo, coñecido como O Nécoras pola tasca que rexentaba na rúa das Hortas de Compostela. Anarquista, bohemio e profundamente anticlerical ("burlábase dos sermóns na catedral e chegou a pasear un asno con crucifixo polo Obradoiro"), era un grande orador e tiña moito predicamento entre o pobo. Tamén o tivo en Chile, onde estivo emigrado e desenvolveu unha intensa actividade sindical.

Varias asociacións das comarcas de Ordes e Bergantiños levan semanas organizando unha festa de conmemoración daqueles feitos, concretamente da proclamación do 27 de xuño. Carlos Calvo, da Asociaçom Cultural Foucelhas, di que se decantaron por esta data xa que foi a de Compostela, hai 79 anos, a que "estivo máis preparada, menos espontánea" ca da dous días antes en Ourense. Xa o 26 de xuño, lembra, a asemblea de obreiros composteláns amparara o plan presentado, que mesmo fora presentado ese día en pleno municipal.

Calvo enmarca estes sucesos da historia do noso país nas mostras de forza que se estaban a dar en todas as nacións do Estado, nomeadamente a proclamación da República Catalá por Francesc Macià (ERC) o 14 de abril de 1931. No caso galego, destaca o movemento de tropas que realiza o Exército español, reforzando as zonas quentes. No en van, asegura, após a proclamación da República Galega en Ourense estase a piques de decretar o estado de guerra. O tráfego de telegramas desde os concellos asaltados cara á Madrid, e viceversa, é constante.

Mais todo chega ao seu fin, paradoxalmente porque o goberno español cede ás exixencias dos folguistas, aínda que o conflito obreiro se volve reproducir en 1932. Nas protestas dese ano había morrer un estudante, Genaro Ortiz, nos enfrontamentos coa Garda Civil. Desa volta decídese que sexan as entidades locais as que costeen o ferrocarril. Co estalido da Guerra Civil, os 'carriláns' toman as armas contra os golpistas e, finalmente, xa con Franco no poder, as obras do camiño de ferro remátanse grazas ao traballo forzado dos presos republicanos.

"O importante é que o pobo galego toma consciencia da súa situación de periferia con respecto ao capitalismo do Estado español, un feito diferencial que o nacionalismo retoma con moita forza na década de 1960", reflexiona Dionisio Pereira, e acrecenta: "A cancelación do ferrocarril é considerada unha aldraxe, e a reacción da cidadanía chega até o punto de proclamar a República Galega". Pola súa banda, Carlos Calvo valora o simbolismo da data, que vén a mostrar que Galiza "é un territorio ben diferenciado, cunha historia de seu, escrita principalmente por obreiros e labregos".

E hoxe?
Ademais da AC Foucelhas, están implicados na festa de celebración deste domingo, A Aldraba de Trazo, A Revoltosa de Montaos, A Revoltaina da Laracha e a Asociación Cultural Lucerna de Cerceda. Xosé Antón Bocixa, desta última, agradece a colaboración desinteresada dos participantes (o SLG, por exemplo, achegou os produtos para facer o xantar popular). O lugar escollido, a antiga estación de Queixas-Londoño, na parroquia de Xesteda (Cerceda), tamén ten un simbolismo especial xa que ficou abandonada polo paso do TAV. "Estaba nun estado patético; os sumidoiros, sen tapar co perigo que ten para os cativos que entran a xogar", sinala Bocixa, que reivindica a recuperación destes espazos para a cidadanía.

Os actos, que comezarán as 12.00 horas, inclúen pasarrúas de gaitas, unha exposición, aberto da Liga Nacional de Billarda e actuacións musicais á noitiña, entre outros. Ademais, presentarase un pequeno libro que recolle a documentación histórica que acompaña esta información. Os beneficios da sua venda, sinalan desde a organización, irán destinados á subvención da propia festa.


4,88/5 (65 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'El Pueblo Gallego', 26 de xuño de 1931 (clique para ampliar)
'El Pueblo Gallego', 26 de xuño de 1931 (clique para ampliar)
'El Pueblo Gallego', 28 de xuño de 1931 (clique para ampliar)
'El Pueblo Gallego', 28 de xuño de 1931 (clique para ampliar)
Outra información de 'El Pueblo Gallego' (clique para ampliar)
Outra información de 'El Pueblo Gallego' (clique para ampliar)
Cartaz da I Festa da República Galega
Cartaz da I Festa da República Galega