Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Desmantelamento de proxectos na rede

Fillos de Galicia cavila disolver a asociación

Pola falta de apoios, o colectivo pon en venda a rede social que acumula a participación de milleiros de galegos na diáspora.

Redacción - 11:45 22/06/2010

En asemblea extraordinaria, a Asociación Fillos de Galicia aprobou a pasada fin de semana elixir unha directiva que pilotará o proceso de probábel disolución do proxecto. Hai uns meses, o colectivo xa fixera un chamamento baixo o lema 'Un futuro para Fillos', co obxectivo de recrutar xente que se comprometese a xestionar os seus proxectos en internet. Froito da falta de resposta desa convocatoria, Fillos comunica agora o seu "desmantelamento". Entre os principais atrancos para a continuidade da iniciativa láianse de que a secretaría xeral de Emigración lles retirou a axuda para xestión técnica e servidor outorgada durante a lexislatura anterior.

Na súa web expoñen os detalles da posta en venda dos seus proxectos. "Dividimos os nosos servizos en aqueles que poderían ser mantidos sen requirir mantemento técnico e sen termos que pagar un servidor, e o resto venderémolo para pagarmos débedas e continuar co que non se dea vendido", explica o seu secretario e fundador Manuel Casal Lodeiro. A partir de aí, Fillos decidirá nunha nova asemblea o vindeiro mes de xullo se conta cos recursos suficientes para continuar con proxectos máis modestos "e se hai novos candidatos dispostos a liderar esa nova etapa menos complexa e menos custosa". Na actualidade a rede Fillos, activa desde 1997, e xa que logo un dos proxectos pioneiros da internet galega, suma arredor de sete milleiros de usuarios.


4,11/5 (9 votos)


Comentarios (3)

casdeiro #1 23/Xuño/2010 casdeiro
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Grazas por trasmitirdes a nova, compañeiros.

Quería só matizar que o proceso "Un futuro para Fillos" si que tivo resposta e de feito fixemos unha asemblea para tirar por aí, aprobar unha proposta presentada e comezáramos xa o traspaso de "poderes"... mais ao final os contactos para concretar acabaron co descarrilamento do proceso, ao teren variado as condicións que inicialmente nos propuxeran.

Iso deixounos nunha situación problemática, porque o tempo pasara e a situación foise agravando ao estar estancada.

Xa que logo non vimos outro remedio para buscar a continuidade dos servizos: que directamente se encargue outra xente, sen negociacións por medio.

casdeiro #2 23/Xuño/2010 casdeiro
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

De todos xeitos se o proceso saír como pensamos, e termos ofertas, non será preciso disolver a asociación. Esa cavilación da que fala o titular hai tempo que a temos mais polo de agora seguimos. Trátase de facelo reducindo a complexidade e polo tanto os requerementos de enerxía humana e económica.

casdeiro #3 25/Xuño/2010 casdeiro
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Quero tamén matizar que a Secretaría Xeral non nos retirou ningunha "axuda" senón un "convenio" polo cal fornecíamos de publicidade as súas novas e lles derivabamos visitas por tanto, para o seu portal.

Non ten que ver con axudas ou subvencións.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: