Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Deixa a reforma para cando "amaine"

Feijoo non lle ve utilidade ao Estatuto en tempo de crise

O PSdeG esíxelle ao presidente que "non fuxa da súa responsabilidade". Para o BNG, o xefe do executivo evidencia "falta de ambición" porque "non cre en Galiza".

Redacción - 18:30 30/06/2010
Tags: estatuto

É a norma institucional básica do país, aínda que a idea non parecera extraerse das palabras do presidente da Xunta de Galicia esta cuarta feira. Mantese o veto á reforma do Estatuto de Autonomía por parte da forza política con maioría absoluta no Parlamento de Galicia.

O presidente da Xunta e líder do PP en Galiza, Alberto Núñez Feijoo, expresou este mércores a súa vontade de permitir que nesta lexislatura se retome a negociación para a reforma do Estatuto, mais asegurou que iso só se fará "unha vez que vaia amainando a crise económica". Xa que logo, non hai espazo para un novo Estatuto na axenda do PP neste momento e, indicou Núñez Feijoo, o documento que sexa referendado en Galiza será "útil e constitucional", valores que na súa opinión non reúne o Estatut catalán de actualidade esta semana.

"En Cataluña o Estatut trouxo problemas, e o texto galego debe traer solucións e acordo", expuxo Feijoo. De paso insistiu Feijoo en que o modelo estatutario galego "non ten que mirar cara a outros modelos que traen problemas", dixo, "e crispación", engadiu.

O PSdeG pide "responsabilidade"
"O PP é o escollo para esta reforma", insistiu o voceiro parlamentario do PSdeG. Xaquín Fernández Leiceaga reclamoulle ao presidente da Xunta que modifique a súa posición actual e "facilite" a elaboración dun novo Estatuto. En opinión de Fernández Leiceaga a recente sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut catalán avala os termos da frustrada reforma que no seu momento estivo a punto de saír adiante en 2007, daquela co PP na oposición en Galiza.

"Non fuxa da súa responsabilidade de retomar a reforma canto antes", expresou Leiceaga. "Feijoo poderá esperar, pero Galiza non", advertiu o voceiro socialista. Nesa liña, o deputado do PSdeG reivindicou o traballo realizado polos grupos parlamentarios durante a lexislatura anterior que, insistiu, é un documento idóneo para construír un novo acordo. Ao fío, subliñou que o PSdeG defende "a máxima ambición competencial: nin un ápice por debaixo do nivel de autogoberno de Cataluña".

"Non cre en Galiza", lamenta o BNG
"Non se quere igualar o status de Galiza co das outras nacións do Estado, pero tampouco se quere pór o idioma galego en primeiro plano, tampouco se quere aplicar a lei de caixas que se promulga polo Parlamento galego, tampouco se puxa por un financiamento autonómico adecuado, tampouco se debate sobre o ritmo de construción das infraestruturas, etc". Así se pronunciaba este mércores o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez.

En valoración do posicionamento de Alberto Núñez Feijoo sobre a reforma estatutaria, dixo o voceiro do Bloque que non lle resulta "nada sorprendente". Para Guillerme Vázquez trátase dunha posición "coherente" cun Feijoo que, reprochoulle, "só cre na España única, só cre en España, non cre en Galiza". Para Vázquez, o actual é un Goberno que "ten nula ambición" no que lle toca á defensa dos intereses de Galiza. "Feijoo non cre no autogoberno, simplemente ocupa as institucións, pero sen crer nelas", avaliou o portavoz nacional do BNG. "Se estamos, como estamos na Segunda División autonómica, é precisamente por esa falta de ambición do Partido Popular", teimou Vázquez.


1.57/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: