Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago é “o mellor regalo cultural deste ano santo”

Así definiu o deán da catedral de Santiago, José María Díaz, a nova publicación, e asegurou que “producirá moitísimos froitos, xa que desde o primeiro momento suscita a maior curiosidade e leva as maiores sorpresas”.

Enviada por ursuladaza ursuladaza o 09/06/2010 18:11

José María Díaz mostrouse impresionado por atopar na Gran Enciclopedia do Camiño termos que habitualmente non están ligados á cultura xacobea a pesar de ter incuestionables lazos, como son as referencias ao Guernica ou a Goethe. Tamén destacou o intenso traballo de investigación, tanto á hora de recompilar datos históricos como actuais, e o excepcional apartado gráfico. “Atopei facilísima a lectura, amenísima e gocei moitísimo coas ilustracións —máis de 2000, acaban de dicir—, todas marabillosas”, sentenciou o deán, cuxa intervención foi o momento máis emotivo da presentación da enciclopedia no Hostal dos Reis Católicos, o hospital de peregrinos máis emblemático da ruta.

Na súa capela real déronse cita máis de duascentas persoas, entre as que se atopaban o arcebispo compostelán Julián Barrio, o ex presidente da Xunta Gerardo Fernández Albor, o director xeral de Relacións Exteriores Jesús Gamallo, o ex comisario compostelán Enrique León, o presidente da Cámara de Comercio de Santiago Jesús Asorey, os catedráticos Enrique Gómez Reino e López Alsina, os xornalistas Xosé María García Palmeiro e Lois Celeiro, o escritor Xosé Antón Perozo ou os profesores Xosé Soengas e Branca Roig Rechou, entre outras moitas personalidades do ámbito cultural, político, académico e social. Tampouco faltou boa parte do equipo responsable da obra, como o seu editor, Antonio Couto ou os coordinadores de redacción e fotografía, Teresa Rocamonde e Per Rueda.

Na presentación interviñeron, ademais do deán compostelán, o director da obra, Manuel Rodríguez, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e José María Ballester, vogal do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais e un dos principais impulsores do Camiño na actualidade, ao conseguir que fose declarado primeiro Itinerario Cultural Europeo. Ballester destacou o feito de que a “nova enciclopedia contribúa a esclarecer e dar resposta a diversas cuestións relevantes no panorama xacobeo actual e na súa expansión progresiva”. O rexedor compostelán desexoulle sorte aos editores, a empresa compostelá Bolanda, “por realizar esta arriscada aposta en tempos de gran incerteza” e desexou que a iniciativa teña tanto éxito como está tendo este ano santo, no que se están superando todas as previsións. O alcalde anunciou que o pasado mes de maio entraron na catedral preto de 400 000 persoas “e a época forte está por chegar”.

O maior proxecto editorial dedicado á cultura xacobea
Pola súa banda o director da Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago. Dicionario da cultura xacobea sinalou que é, “o maior proxecto editorial, con afán de globalidade, dedicado ao feito xacobeo”. Rodríguez agradeceu a axuda do máis de medio centenar de colaboradores que fixeron posible a obra, entre expertos de todo o mundo, peregrinos, xornalistas, asociacións do Camiño, centros de estudos xacobeos e universidades de diferentes países. “Nunca ata agora se incluíran nunha mesma obra, de forma individualizada, as peregrinacións, case todos os peregrinos históricos significativos, os personaxes lendarios e históricos vinculados ao mundo xacobeo, a dimensión europea deste feito, os seus camiños, os países e rexións máis xacobeas de todo o mundo, etc.”, destacou Rodríguez, quen recordou que, por primeira vez, todos os termos ordenáronse alfabeticamente, “cunha decidida vocación de servizo”. Este afán divulgativo concrétase en 3000 entradas repartidas en 4000 páxinas cun centenar de mapas e gráficos e máis de 2000 fotografías, realizadas por recoñecidos fotógrafos de todo o país, nas que se mostran os lugares xacobeos máis destacados pola súa importancia histórica, arquitectónica, artística, etc. Xunto a estas, inclúense fotografías achegadas por colaboradores de todo o mundo e imaxes históricas que permitiron reunir unha das coleccións fotográficas máis impresionantes da cultura xacobea. O resultado, asegurou o director, é “un formato moi atractivo e visual para unha obra divulgativa, buscando sempre o punto de encontro no contraste de datos e na lectura áxil, directa, amena, case xornalística”.

Un logro marabilloso

Tanto o director da obra como José María Ballester insistiron na relevancia que o Camiño de Santiago tivo na configuración de Europa. Por este motivo elixiuse a capital europea, Bruxelas, para facer a primeira presentación pública da enciclopedia o pasado mes de maio, cunha amplísima repercusión en medios nacionais e internacionais. Manuel Rodríguez insistiu en Santiago nesta relación, ao mencionar a cita de Dante na Divina Comedia cando un personaxe, no Paraíso, dille a outro ao ver a un cabaleiro de singular porte: —¡Mira, mira, aí chega o barón polo que todos van a Galicia!. “Galicia e Santiago —asegurou Rodríguez— a través do Camiño, están no corazón e na memoria atávica dos europeos. É un logro marabilloso e esta obra, o dicionario enciclopédico do Camiño e da cultura xacobea, naceu por iso”.

Un ambicioso proxecto
Finalmente, Manuel Rodríguez destacou o feito de que 14 cabeceiras xornalísticas de todo o país, moitas delas líderes nas súas comunidades autónomas, estean distribuíndo a enciclopedia, posto que supón chegar a “preto dun millón e medio de lectores diarios”. Se a isto se suman as radios, teles e edicións dixitais destes medios, “daranse unha idea da promoción constante que durante todo este ano 2010 se está a facer do Camiño, de Galicia e de Santiago”.


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago é “o mellor regalo cultural deste ano santo”