Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A Fundación La Rosaleda entregou o Premio Axuda 09 á misión do padre Ángel Olarán en Etiopía

A Fundación La Rosaleda e Caixanova entregaron onte o Premio Internacional de Acción Social ‘Axuda 09’, que outorgan conxuntamente desde fai tres anos e que nesta edición recaeu na misión que realiza o padre Olarán en Etiopía.

Enviada por redac redac o 11/06/2010 17:26

Ángel Olarán (Hernani 1938) é un misioneiro dos Padres Blancos que leva a cabo un inxente labor en favor das xentes de Wukro, unha cidade situada ao norte do país africano, onde desenvolve diversas actividades asistenciais, educativas, sanitarias e ata económicas e ambientais.  Na entrega do galardón o presidente da Fundación La Rosaleda, Gerardo Fernández Albor, destacou o carácter social do galardón, destinado a “recoñecer o labor realizado tanto por persoas como por institucións que colaboran con colectivos desfavorecidos ou en situacións manifestas de precariedade”. Na realización destas tarefas prima sempre un compoñente altruísta e solidario, “cualidades que reúne a misión do padre Olarán”, asegurou Fernández Albor.
Atención sanitaria e inserción laboral  
O proxecto do padre Olarán foi elixido de entre dez candidaturas pola gran diversidade de aspectos que atende na súa misión. Entre eles está o colexio St. Mary, unha escola á que acoden 350 alumnos e que ofrece diversas alternativas de formación, como soldadura, agricultura, corte e confección ou pintura, entre outras. No ámbito sanitario St. Mary sufraga os gastos de limpeza do hospital e do centro de saúde de Wukro (en total 17 persoas contratadas), ademais doutras tres que recollen o lixo na poboación. Así mesmo presta axuda alimentaria, médica para a adquisición de vivenda, etc. a máis de cinco mil nenos desnutridos, a case mil orfos e a indixentes (especialmente a anciáns, nais solteiras e enfermos de sida e tuberculose).  Precisamente será a estes colectivos a quen vaia destinado o premio, dotado con 6000 euros, ademais do diploma e obsequio acreditativos. A encargada de recollelo foi a enfermeira Jéssica Villares Balsa, recén chegada da misión St. Mary, onde se ocupou de atender problemas sanitarios leves no centro médico de Wukro. Jéssica asegurou vivir unha experiencia “moi intensa pero moi satisfactoria” e loubou o traballo do padre Olarán, quen leva a cabo “moitísimos programas específicos para os colectivos máis desfavorecidos de Wukro”. Jéssica Villares recorda que máis de 120 mil persoas reciben algún tipo de axuda do padre Olarán, “polo que este diñeiro será de gran utilidade para mellorar as condicións de vida destas persoas e seguir prestándolles a axuda que tanto necesitan”.  Dentro destes programas, tamén se inclúe un de reforestación en favor da biodiversidade, mediante a plantación de árbores non autóctonas de Tigray, e para o abastecemento de leña e madeira para a construción, así como a concesión de microcréditos para financiar pequenos negocios, como a compra de animais, hortalizas, venda de alfombras... destinados, maioritariamente, ao apoio de prostitutas, viúvas e nais solteiras. Ademais, o padre Olarán é responsable da coordinación, entre outros, dos proxectos que Medicusmundi leva a cabo na rexión de Tigray. O seu labor é especialmente recoñecido polos colectivos de pais que adoptaron nenos en Etiopía, moitos dos cales manteñen unha estreita relación con Ángel Olarán. 
Xurado e edicións anteriores  O xurado do Premio Axuda 09 estivo integrado por Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea en representación do presidente da Xunta de Galicia, Gerardo Fernández Albor, Rafael Silva Agregán e Manuel Granxa González en representación da Fundación La Rosaleda, Gerardo Fuertes Ayerdi, Manuel García Miñaca e José Manuel Vilariño Orgeira en representación de Caixanova, actuando Manuel Freire-Garabal en calidade de secretario con voz pero sen voto por designación da Fundación La Rosaleda. O gañador da primeira edición deste Premio Axuda foi a ONG Sonrisas de Bombay, que utilizou a dotación económica para desenvolver un proxecto de atención e seguimento a pacientes con lepra de varias zonas rurais ao norte de Bombay. Na segunda edición resulto gañadora a irmá María Luisa Verdú, pertencente ás Filhas da Caridade de San Vicente de Paulo, polo seu traballo no hospital El Carmelo de Chokwé (Mozambique), onde se atende a enfermos de sida e tuberculose.  


4.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Fundación La Rosaleda entregou o Premio Axuda 09 á misión do padre Ángel Olarán en Etiopía