Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xornalismo de baixos fondos

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de Xornalismo de baixos fondos

Xornalismo de baixos fondos

Carta dun lector, Carlos García Rey, que pon en dúbida a veracidade de diversas informacións sobre o Consorcio do Benestar.

Enviada por redaccion redaccion o 09/02/2009 18:09

Carta íntegra:

A normalidade democrática leva a que, en período electoral, a loita entre os partidos con opcións de gobernar se acentúe, e a que cadaquén intente que á sociedade lle chegue unha visión o máis negativa posible dos outros a través dos medios de comunicación.

O que xa non debera de entrar dentro da normalidade é que sexan os propios medios de comunicación os que, por motivos que se escapan ao entendemento de quen escribe, fagan campaña en contra dunha determinada opción, utilizando, sen ningún tipo de pudor, todas as armas ao seu alcance. De entre estas, a máis potente é, sen dúbida, o disfrace de seriedade e rigorosidade confeccionado por máis dun centenar de anos de existencia, por milleiros de lectores diarios e por un cadro de persoal do que forman parte varios dos mellores profesionais do xornalismo galego.

Supón unha enorme decepción comprobar como, á hora de conseguir un fin, a máxima maquiavélica permanece vixente na profesión xornalística que, por actuacións como esta, ten que seguir demostrando a estas alturas a súa contribución ao benestar da sociedade. Non importa utilizar fontes falsas sempre que o que estas afirmen sexa o que queremos oír. Non hai problema en misturar conceptos e organismos sen ningún tipo de rigor e con toda a intencionalidade se isto axuda a transmitir a idea que defendemos. Non dubidamos en escribir nomes e apelidos de persoas profesionais acusándoas de non merecer o posto que ocupan por gardar na carteira un carné do BNG. Non hai nada de malo en atribuír unha afiliación política a quen non a ten se ao noso fin lle convén que a teña. E tampouco debemos escatimar esforzos en buscar ata debaixo das pedras ("como recomendaba aos seus aquel de Vilalba") a todas as persoas que teñan tantas ganas coma nós de "incomodar" ás/os nacionalistas, converténdoos en protagonistas de crónicas sociais "conmovedoras" ao máis puro estilo sensacionalista teoricamente eliminado da chamada prensa "seria" desde hai máis dun século. Todo isto, iso si, baixo a sinatura colectiva de "La Voz", protexendo baixo o seu paraugas ás persoas profesionais do gremio que traballan na súa redacción.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar naceu co único obxectivo de encher en Galicia, no menor tempo posible, o inmenso baleiro de servizos de atención ás persoas que viña arrastrando durante décadas. En pouco máis de dous anos, ten realizado con éxito a nada fácil tarefa de unir os esforzos das distintas administracións (municipal, autonómica e estatal) para dotar o país de prazas públicas de atención á infancia cun modelo educativo que xa se ten convertido en referente europeo, de atención integral ás persoas maiores con dignidade e respecto, e tamén aos colectivos que, por unhas causas ou por outras, precisan nalgún momento dunha atención especial.

A consecución deste obxectivo supuxo, ademais dun claro compromiso político, a implicación de todo o persoal do Consorcio, e nomeadamente, daquelas persoas que forman parte do cadro desde o comezo, que teñen traballado arreo día tras día, deixando nun segundo plano a regulación das súas condicións laborais para que o proxecto saíse adiante.

Estas persoas accederon aos seus postos -de carácter temporal- en 2007, tras pasar un proceso selectivo de concurso-oposición limpo, transparente e axustado en todo o momento á legalidade, como ben demostra o feito de que non se teña presentado ningún recurso xudicial contra o mesmo.

Nelas recaeu a responsabilidade de pór os cimentos da construción deste instrumento para a prestación e xestión de servizos de Igualdade e Benestar, que co tempo ten demostrado con creces a súa funcionalidade a xulgar pola cantidade e, sobre todo, pola calidade dos logros acadados. Agora, se queren permanecer nos seus postos, estas persoas teñen que volver demostrar a súa competencia coa convocatoria dun novo proceso selectivo, esta vez para persoal laboral fixo, acordado con todas as organizacións sindicais con representación neste organismo, no que, como é de recibo, serán tidos en conta os seus méritos polo traballo realizado e que cumpre, de xeito escrupuloso unha vez máis, con todos e cada un do preceptos que marca a legalidade vixente.

As traballadoras e traballadores do Consorcio non son funcionarios, nin persoal da Xunta de Galicia, non entran na administración pola porta de atrás, senón nun organismo autónomo pola única porta que ten, a da profesionalidade. É moi posible, que das preto de 1.100 persoas que conforman o cadro actual, haxa algunhas con afiliación a algún partido político, tanto ao BNG como a calquera outro, como ocorre en todo organismo público ou privado de semellantes dimensións. É certo que os máximos responsables do Consorcio son persoas cun perfil político, que están a desempeñar un cargo ligado ao proxecto para o que foron nomeados trala conformación dun goberno derivado dos resultados electorais de 2005, pero que non teñen, nin optan a ter en ningún momento, unha praza fixa no mesmo, senón a someter a súa permanencia no posto á avaliación pública do traballo realizado.

Case o 90% dos concellos de Galicia avalan este traballo coa súa adhesión, así como as case 4.000 prazas en Galescolas para a atención á infancia de 0 a 3 anos en igualdade de condicións, tanto no medio rural coma no urbano, máis de 1.000 prazas para atención ás persoas maiores, vivan onde vivan, unhas 1.000 persoas que reciben o xantar na casa para todos os días do ano, prestación de servizos en todo o país para colectivos en risco de exclusión social, e creación de máis de 1.000 postos de traballo estable e de calidade con visos de seguir medrando se a sociedade galega así o require.

Pero para informar destes resultados non quedan ocos nas páxinas do diario máis vendido do país, que prefire enchelas cuestionando a profesionalidade de persoas que teñen máis que demostrada a súa valía, escribindo, sen ningunha caste de rigor xornalístico, os seus nomes e apelidos en informacións destacadas nas páxinas principais, e creando con isto un dano irreparable nestas e nas súas familias e persoas achegadas.

Mais, co que si conta o Consorcio e o seu persoal é co apoio das persoas usuarias dos servizos que xestiona e das súas familias, que cada día demostran a súa satisfacción co traballo que realizan e que se reflicte nos sucesivos inquéritos de opinión realizados polo organismo, nos que sempre se destaca a profesionalidade destas persoas. Este recoñecemento é o maior incentivo co que diariamente se segue a traballar desde o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para seguir enchendo ese déficit histórico de atención ás persoas que arrastra o país. Mentres, que sexan outros os que perdan o tempo buscando defectos, aínda que sexa a costa de atacar ás persoas traballadoras e, de paso, botar por terra todos os códigos deontolóxicos da profesión xornalística desde o que quere ser o mellor diario de Galicia.

Carlos García Rey


4,53/5 (30 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: