Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xeito Novo, vinte e cinco anos espallando a cultura e a música galega na Arxentina

 Fincar as raiceiras galegas foi dende os alicerces o baseamento do grupo de música Xeito Novo, dende o feito de seren algúns dos seus integrantes fillos ou netos de galegos emigrantes. Herdeiros das anellas correntes migratorias ata os anos cincuenta do século pasado, na busca dun lugar onde levar adiante o seu proxecto cultural vencellado coas ensinanzas da música e a cultura tradicionais galegas. Hoxendía a súa actividade abrangue decote, a do propio grupo de música celta que proxecta ás distintas rexións de orixe celta de Europa, mailas cancións e as danzas da música tradicional galega. A fundación Xeito Novo abrangue o estudo das orixes das músicas, e a ensinanza da lingua galega, fornecendo a inmortalidade destas sinais de identidade da cultura de Galicia, coma afirmación da tarefa dos emigrantes galegos na sociedade Arxentina.

Enviada por NorbertoVarelaCalvo NorbertoVarelaCalvo o 22/05/2009 01:27

  Co gallo dos festexos dos vinte e cinco anos do seu primeiro concerto, o día 9 de maio, o grupo de música Xeito Novo, nestes intres como octeto, percorreu nun concerto de dúas horas toda-la memoria do conxunto, dende o raizame celta coas músicas de Irlanda, Escocia, Gales, Bretaña e Asturias á abondosa presenza da música galega, acudiron ás músicas dende os primeiros anos do xénero celta, até as últimas cancións galegas e amosaron novas composicións que reflectiran nun vindeiro álbum, tarefa que acadara unha escolma dos álbums xa editados, máis algunhas non coñecidas, nun libro CD e DVD. Neste ano haberá aínda dúas actuacións, nas cidades arxentinas de Córdoba e Rosario, máis unha viaxe ao estranxeiro, Chile e o Uruguai.

Fincar as raiceiras galegas foi dende os alicerces o baseamento do grupo Xeito Novo, dende o feito de seren algúns dos seus integrantes fillos ou netos de galegos emigrantes coma e o caso dos membros fundadores, o percusionista Daniel Pazos, o gaiteiro Carlos Fernández, quen viviu un tempo en Galicia o que lle permitiu coller de primeira man as pegadas da cultura e as tradicións populares na música e as danzas galegas, ou a violinista Virxinia Álvarez.

Herdeiros das anellas correntes migratorias ata os anos cincuenta do século pasado coa súa forte sinal na cultura e na política Arxentina, na busca dun lugar onde levar adiante o seu proxecto cultural vencellado coas ensinanzas da música e a cultura tradicionais galegas no seo de cadanseu fogar, máis engadindo as pegadas da realidade nas que cada quen está mergullado, por mor desta verdade acoden aos instrumentos clásicos da música celta, gaita e pandeiro, mailos actuais coma guitarras, frautas, violíns, baterías, baixo ou sintetizador.

E salientable o desexo dos integrantes que fundan o grupo fuxir dunha sinxela actividade pracenteira, aínda ca non desbotan dela, e ven ao rescate da profunda tradición da cultura celta, ao longo destes vinte e cinco anos cada un dos integrantes adicase dentro do conxunto á pescuda da música e a cultura galega, a cor das aldeas e cidades de Galicia, as músicas de tradición oral, os cantos populares tradicionais do pobo galego que reflicten os duros labores na terra e no mar, as eivas da emigración, engadindo ás impresións do mundo céltico as diversas correntes das musicas tradicionais coma é o jazz, rock, tango ou o folclore arxentino.

Os primeiros chanzos da singradura do grupo non consenten a súa posta nas diversas facianas dunha musica que na primeira pegada non é recoñecida, ou é inserida xenericamente coma "música española", ao lonxe do seu oco verdadeiro que é o folclore galego, aínda coa chegada do movemento "folk" mailas orixes celtas da música e da danza galega, o conxunto Xeito Novo acha o encaixe concluínte. Hoxendía a súa actividade abrangue decote, a do propio grupo de música celta que proxecta ás distintas rexións de orixe celta de Europa, máis as cancións e as danzas da música tradicional galega.

Ao abeiro do nome "Raíces Músicales Europeas" o mundo da música e a cultura celta ten un espazo de privilexio, Irlanda, Escocia, Gales, Bretaña, Galicia e Asturias, participan dunha cultura á que ano si e outro tamén acoden milleiros de persoas cativos do feitizo do ar céltico e que mesturan unha paisaxe abraiante coa atracción do feito musical. A música celta abrangue dúas orixes, a tradicional cunha forte pegada folclórica, onde fican arpas, frautas, gaitas violíns percusión entre outros, máis nas novas formas onde bulen os nomeados grupos "folk celta" nos que xunto aos instrumentos musicais tradicionais mestúranse os sintetizadores, as guitarras e baixo eléctricos, na busca dunha imaxe actual desta cultura tradicional.

Ás fortes pegadas galegas e celtas do grupo, xúntanse coas outras músicas, polkas ou pasodobres, máis os ensambles de percusión, coma refire o traballo no álbum "Luz de Inverno", no que intervén músicos arxentinos alleos á cultura galega ou céltica, coma León Gieco, Lito Vitale, Chango Spasiuk, entre outros. Na tradición das actuacións de Xeito Novo, á música e as danzas do "folk" celta e achéganse, no eido dunha certa cultura enxebre, as cancións e as danzas populares galegas coa inclusión dun grupo de danzas tradicionais galegas, mailas agrupacións de cantareiras e pandeireiras.

O traballo do grupo agroma até agora centos de gravacións que percorren toda-las versións dos diferentes temas amosados nos concertos, do cancioneiro tradicional galego, muiñeiras, alboradas, cantigas, entre outras, ata a música celta, maila inclusión da música produto do propio traballo de composición dos seus integrantes, xermolo da produción de cinco álbums, Xeito Novo (1986), Galimerica (1994), Compustellae (1997), Luz de Inverno (2000) Xanelas (2005).

O vestixio cultural de Xeito Novo estendese dende o ano 1985 coa creación dunha fundación, que leva o nome do conxunto e ten a dia de hoxe 350 socios en actividade, dende ela profúndanse a aprendizaxe da lingua galega e os costumes da terra nai, a ensinanza da música e as danzas tradicionais, as habelencias da cociña galega, coas actividades acesas a toda-las persoas que queiran mergullarse na cultura e manter as ligazóns coas raiceiras, mailo espallamento deses vínculos aos arxentinos descendentes de galegos que desexen manter os costumes da súa lingua e cultura, herdanzas do seus pais ou avós, sen a necesidade de desandaren o camiño dos seus devanceiros emigrantes.

A fundación Xeito Novo abrangue o estudo das orixes das músicas e a cultura galega e os vencellos coas músicas e a cultura celta, así como o ronsel destas culturas alleas na formación dos movementos culturais e o desenvolvemento da historia política e cultural da Arxentina, coma é a adicación dun concerto á lembranza do galego Antonio Soto e o seu liderado nas revoltas sindicais da patagonia arxentina nos anos 1921-1922, do pasado século, coa traxedia dos fusilamentos de milleiros de traballadores, moitos deles galegos, por mor da súa pertenza a organizacións anarquistas e comunistas.

Pola mesma banda a Fundación Xeito Novo, baixo o nome"A prepotencia e a voracidade de lucro das empresas conta-la historia de Galicia" dirixiuse á administración das empresas Sargadelos, ao respecto da separación da dirección, das devanditas empresas, do seu ilustre fundador Isaac Díaz Pardo, "galego bo e xeneroso, quen coa súa obra achegou dignidade á actividade empresarial, Díaz Pardo, xunto a Luís Seoane e Lourenzo Varela entre outros, quen ficaron coma emigrantes na Arxentina e foron parte da cultura da Galicia exterior, estas decisións semellan unha ferida ao prestixio de Díaz Pardo e unha ofensa á historia de Galicia", subliñou o presidente da fundación.

As ligazóns pola forte herdanza dos seus pais ou avós, e a obriga coa cultura galega estes mozos arxentinos séntense personaxes na muda a unha nova ollada, dende a emigración, aos costumes e as tradicións galegas na música as danzas a arte da Galicia, mailo feitizo engaiolante da cultura celta, nunhas datas que o "folk" esparexeuse fortemente na sociedade arxentina. No entanto dende a fundación estenden as actividades culturais e os concertos, inzando súas actividades a outros feitos sociais, coma é o consello de residentes, e propón a mellora das coberturas de saúde dos emigrantes, mailos seus descendentes, a creación dunha bolsa de emprego, co apoio aos emigrantes desempregados ou en risco de exclusión social polas eivas da crise global.

A difusión da cultura de Galicia é a cerna da fundación mailo seu desenvolvemento na creación de grupos artísticos e no traballo a prol da aprendizaxe, mantemento e achega á cultura galega, o conxunto de música "folk" celta, dende o "Grupo de Bailes Tradicionais", que naceu no ano 1984 e conta con corenta persoas entre bailaríns e músicos, adicado a o coñecemento e a difusión dos bailes e cancións tradicionais galegas, dende o século dezaoito até os primeiros anos do vinte, presenta dende o ano 1986 unha gala anual nomeada "Galiza Sempre".

O espectáculo é produto dun serio e respectuoso traballo de campo desenvolvido polos colectivos tradicionais de Galicia que percorren as aldeas na busca da información sobre as danzas e as melodías, recollendo as pegadas das tradicións que os vellos músicos e gaiteiros transmitiron pola vía oral ás novas xeracións, e os correspondentes na Arxentina mergullándose na emigración galega na busca dos sinais das músicas e danzas, que estes emigrantes aprenderon na nenez no seu lugar de orixe, a prol do rescate das músicas, os costumes ou o vestiario do folclore galego.

A continuidade do traballo de investigación é a subida á Internet dunha revista co fin da difusión o estudo e a investigación musicoloxía nomeada "A Grileira" medio de consulta e estudo nos temas da música e a cultura galega. Así mesmo a fundación organiza faladoiros e conversas ao respecto da cultura galega e os seus persoeiros, pasaron pola palestra o escritor Xosé Neira Vilas, o investigador e historiador Juan Manuel Pérez, o dirixente da Federación de Sociedades Galegas Alberto Portas, ou o historiador e catedrático de historia contemporánea da USC Xosé Manuel Núñez Seixas, entre outros, ditadas en diversos centros culturais da cidade de Bos Aires.

Outra liña da actividade da fundación é o ditado de cursos de formación dirixidos ás persoas que desexan abranguer a cultura galega dende a música, nos cursos de gaita galega, nos sons do instrumento máis rechamante do folclore galego, coa súa agrupación a "Banda de Gaitas Tradicionais Perfecto Feijóo" e o conxunto de pandeireiras "A Xoldra" desenvolve a tarefa da difusión do patrimonio musical de Galicia dende o senso da muller galega, a escola de danzas tradicionais, da que xorden os grupos de danza coma o "Grupo de Bailes Tradicionais Xeito Novo" e as "Cantareiras da Fundación Xeito Novo" conxunto adicado a afondar no estudo e na investigación etnográfica do cancioneiro galego, coas distintas facianas, e na recolleita das cancións polas rexións da terra galega. A recente proposta da fundación é o proxecto nomeado "Herbadaboa, formado por novos e antigos integrantes de Xeito Novo, coa finalidade de botar unha ollada intercultural á música de Galicia, dende os diferentes fluxos migratorios en latinoamérica, e no estudo que as ondas da emigración galega produciron nas músicas de América.

A actividade cultural de Xeito Novo desenvolvese non só illada á interioridade da fundación, pola contra está é amosada cara ao público en distintos feitos que se levan adiante durante o ano. No ano 2002 a fundación realizou nos meses de xuño e xullo un feixe de actividades culturais ao redor da figura de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, o máis senlleiro dos persoeiros dos principios democráticos e humanistas da historia de Galicia, a súa pegada no eido da emigración, aínda a forte sinal do traballo artístico, amosando a singularidade do pobo galego, o afianzamento da nosa identidade e a loita pola república dende o exilio, fincando a existencia dunha nación, Galicia, no marco do estado español. Co obxectivo que a lembranza, a obra e as verbas proxectasen á sociedade Arxentina, a mostra de Castelao abrangueu unha serie de conversas e exposicións nos centros culturais da cidade de Bos Aires.

Así mesmo coa finalidade de fornecer a chegada da cultura e a lingua galega e facer doada a aprendizaxe as novas xeracións, a fundación Xeito Novo fixo durante o ano 2007 e 2008, dúas presentacións no primeiro e segundo congreso das linguas menores. O grupo de bailes tradicionais realizou unha xira polas provincias do interior arxentino, máis por distintas cidades da provincia de Bos Aires, así coma unha viaxe á cidade Uruguaia de Montevideo e rematou ese ano cunha longa rolda de presentacións polas cidades e pobos de Galicia. O grupo Xeito Novo amosa unha serie de presentacións ao ano, teatros e salas de concerto, bares, centros culturais e librarías, só eles, ou canda outros conxuntos de música e cultura galega ou celta coma é o grupo "Os Furafoles", ou "Sete Netos", cos que acoden a o anello festival de folclore na provincia de Córdoba, e participan todo-los anos das celebracións en Bos Aires do encontro do mundo do celtismo, no día de San Patricio, cunha festa que achega preto de cincuenta mil persoas.

A ensinanza da lingua máis a cultura e a historia galega, como é o concerto de colaboración coa fundación Alexandre Bóveda, nestas actividades a meirande parte dos que intervén son arxentinos descendentes de galegos de primeira e segunda xeración, na busca dunha nova ollada a marxe da morriña, as pancadas do exilio forzado, e das feridas morais da guerra civil coa aldraxe do desterro, fornecendo a inmortalidade destas sinais de identidade da cultura de Galicia, coma afirmación da tarefa dos emigrantes galegos na sociedade Arxentina.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: