Achegámoslles unha carta enviada desde un colexio de Nigrán.
Sr. Conselleiro de Educación
Son unha alumna de 1º de Bacharelato do IEs Escolas Proval que quere manifestar o seu dereito a expresarse e a dicirlle algunas cousas:
1.- Que lle escribo no meu nome, sen estar influenciada nin polos meus profresores, nin amigos, nin familiares.
2.- Que aínda que escribo en galego, a miña vida normal desenvólvese en castelán, a lingua na que me educaron, aínda que meus pais entre eles ás veces falan en castelán e ás veces en galego.
3.- Que todo isto das enquisas paréceme un disparate sen ningún sentido. Ao único que nos vai levar é a un enfrontamento orixinado pola obriga a ter que posicionarnos nunha das dúas opcións, é como se a un neno o obrigasen a elixir entre a súa nai e o seu pai e respondese que os quere por igual. O mesmo pasa coas linguas de Galicia, se somos bilingües, as dúas teñen que ter as mesmas oportunidades e falarse nos mesmos sitios.
4.- Ademais quero dicirlle que na escola é hoxe en día case o único lugar, polo menos eu así o vexo, onde moitos rapaces, a gran maioría, teñen contacto co galego. Se vostede vai ao Centro Comercial da Ramallosa, ao cine, á discoteca… case toda a vida social dos adolescentes se desenvolve practicamente en castelán. Estamos en Nigrán, como podíamos estar en Ciudad Real ou en Cáceres, soamente na escola sabemos que estamos nun instituto de Galicia, onde nos sentimos galegos, onde podemos falar sen prexuízos, onde non parece que falemos nunha lingua infravalorada, e créame señor Conselleiro, iso soamente se consegue, como dicía castelao, por obra e gracia do idioma.
Miriam Veiro
1º Bacharelato Humanidades. IES ESCOLAS PROVAL
NIGRÁN
Con persoas coma ti o galego si terá mil primaveras máis. Grazas amiga, que teñas moita sorte na vida.
1
a terá,porque é unha persoa aberta de miras,culta,sen complexos,xusta e comprometida
e o conselleiro so é un trapalleiro
Grazas veciña. Eres valente e sensata. Moita sorte. Con esta carta axudaches a un vello a sentir que valeu a pena aguantar as mofas por falar galego.
Bonita carta. É alentador que veña desa zona, que precisamente non se está a facer famosa polo amor ao galego.
"Soamente na escola sabemos que estamos nun instituto de Galicia, onde nos sentimos galegos, onde podemos falar sen prexuízos, onde non parece que falemos nunha lingua infravalorada".
Describes moi ben, Miriam, unha sensación que creo que ten moita máis xente. Parabéns polos teus desexos.
Valente Miriam!, o normal éche ter DOUS proxenitores, unha nai e un pai, ós que se pode querer igual ou distinto; porén, xa NON che é normal que unha comunidade lingüística teña DÚAS linguas como propias. Ter dous proxenitores, polo de agora, para a especie humana éche algo NECESARIO; ter dúas ou máis linguas unha comunidade lingüística non a enriquece, como algúns inconscientemente afirman, senón que a arruína por ser algo claramente ineficiente, antieconómico.
Outra cousa, madia leva, éche que individualmente coñezamos varias linguas para comunicarnos con membros doutras comunidades lingüísticas e outra que entre as comunidades lingüísticas do planeta escollamos unha lingua como común ou universal que nos permita comunicarnos lingüísticamente de xeito directo ós membros de calquera comunidade lingüística cos de calquera outra.
A min paréceme un baño de realidade e un opinión moito máis asisada ca dalgúns profesores, pais e nais e mesmo políticos.
O conselleiro o que se di nesta carta entralle por unha orella e saelle pola outra. E remitome a opinion que teñen na FAES (proxima o PP de Feijoo) sobre a nosa lingua.
Se polo goberno actual galego fose erradicaban o galego ata do estatuto. O problema e que todavia non teñen a maioria suficiente para reformalo a sua medida (precisarian dos votos das autras forzas).
É o colmo que unha persoa residente na Ramallosa teña que expresar a reaalidade lingüística na que viven os seus haabitantes de tal xeito: galego só na escola (Que adeprendan dela as bestas feroces do monte insurrecto vía os madriles).
Mas logo as familias, os abós (todos monolingües nunha boa etapa das suas vidas), polo menos ata hai 15 anos, ou? Uló?
#7 elrr, estou completamente de acordo en que é un baño de realidade, penso que esta carta tan ben escrita podería estar suscrita por moitos estudantes galegos, era precisamente a impresión que eu tiña dos meus alumnos que falan castelán no seu entorno pero son fortes defensores do galego. Mesmo Feijoo conseguiu que ultimamente comezasen a falar en galego, ten o seu mérito tamén.
Un prazer saber de tí, Miriam. ¡Que deus che de sorte na vida!