Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Historia dun internauta galego (III)

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de Historia dun internauta galego (III)

Historia dun internauta galego (III)

Para construír a Nación Galega sobran “os radicais do absolutismo” e “os radicais da liberdade”.

Ogallá, máis cedo que tarde, esta nosa terra atope os seus
"Vieiros de Liberdade".

Enviada por Erasmo Erasmo o 29/08/2009 02:25

Só houbo un medio libre e valente que seguiu ofrecendo a súa plataforma tecnolóxica á liberdade de expresión en Galicia, e é de xustiza suliñalo aquí e agradecerlle aos responsables a súa forza e convicción democrática a prol da Cidadanía Galega: VIEIROS.  Este xornal dixital, decano na rede galega, foi o único lugar onde podías publicar canto quixeras e coma quixeras libre de calquera censura previa.  

Lóxicamente os lectores de VIEIROS sofriron máis dunha vez a miña carraxe polo rumbo que estaba tomando a Rede galega, desculpas aos que non tiveron que sofrir este calvario que eu estou a narrar eiquí e que máis dunha vez trataron de convencerme de que estaba equivocado, de que a liberdade lingüística era a morte do galego, e o fin da recuperación cultural e patrimonial de Galicia.  Sinceiras gracias a todos eles porque demostraron a súa tolerancia para co disidente en tempos difíciles... aos demáis, ós que insultaban e despotricaban empregando a cotío eslogans prefabricados por outros, a ises non teño nada que dicirlles... agás o silencio. 
Moitas grazas Vieiros por construir un país en liberdade.

A polarización dos medios (Voz de Galicia rebautizada coma 'Coz de Galicia' versus Xornal de Galicia -financiado por un empresario ao que lle sobraban os cartos para influir no Goberno galego- rebautizado coma 'O Xornal') fixo que moitos internautas iniciaran a migración dos seus blogs persoais cara a outras plataformas no Blogomillo que comezaron a nacer coma fungos ao abeiro do sector de novas tecnoloxías do nacionalismo cogobernante. Editaron con finesse e forza redoblada ata o punto de que moitos comezaron a exhibir publicidade institucional que nunca poderemos saber se foi pagada ou foi de balde.

Así pois, en retirada do que coidara que podía chegar a ser unha república democrática dixital, e sen moitas gañas de seguir contra vento e maré apostillando nos xornais e blogs 'inimigos' e dando por sentado ca miña tese da 'liberdade lingüística' tampouco era francamente compartida polos outros medios -digamos- conservadores ou mesmo retrógrados (que todo o mundo coñece e dos que nin falo nin me interesan en absoluto!) foi como rematei este periplo acudindo aos Blogs dos Políticos!  Aquí o silencio fíxose aínda máis espeso, se cabe.

Lembro con certa ledicia a campaña contra o Decreto de Bacharelato en Galicia (contra a prepotencia e xordeira dunha conselleira de educación que tiña de todo menos do que presumía... coma sempre sucede nestes casos). A campaña foi promovida dende un grupo que administraba daquela, e chegou ata o Parlamento de Galicia e mesmo ao presidente Touriño.

Nin que dicir ten do espesísimo silencio que colleitamos. Tiven máis contacto e intercambio de correo cos adminsitradores da web que cos deputados e deputadas que dicían ser os nosos representantes no Parlamento. Algunha secretaria da Consellería de Educación e do Gabinete da Presidencia tivo a ben acusar recibo das mensaxes enviadas... e punto final.

Veleiquí o salto tecnolóxico da Administración galega: do volva vostede mañán -que aínda teño que ir mercar o pan- ata o escuálido acuso recibo do seu e-mail...!

A trancas e barrancas foise achegando o tempo das eleccións galegas en 2009, a rede fervía en campaña electoral permanente, calquera nova tiña o seu matiz partidista e partidario, calquera blog decantábase abertamente por uns ou por outros (falo naturalmente do bipartito, pois ao PP ninguén lle daba un peso polo seu futuro despois da época Fraga) era normal que calquera crítica fora ocultada aos ollos dos internautas e polo tanto apareceron rastrexadores (mesmo empresas enteiras) adicadas á publicidade política na rede galega.  Eran os tempos nos que Obama aínda tiña que percorrer o pais enteiro sudando a camisa para convercer ao último cidadán que Hilary Clinton só era unha conservadora disfrazada de demócrata! Yes, we cam !

En Galicia tamén tivemos o noso imperio político na rede: Quin-TV : un formato de moitísima calidade que aínda non sabemos canto nos costou a todos, fixo popular o berro: 'Eu son Anxo Quintana!' (lamentable eslogan propiedade intelectual dun Antón Reixa en horas baixas, aínda que miles de compatriotas amaban aquela estética libertadora do Espartaco de Allariz).  Este proxecto mediático sí que foi unha verdadeira dor de corazón, para este pobre internauta que suscribe.  

¿Como podía ser certo que no vídeo-blog do que fora o meu candidato catro anos antes non dera saído, en meses, do karma negativo que impedía non só comentar senon que ocultaba as mensaxes aos novos visitantes?  Inverosimil pero certo, coma se pode aínda hoxe comprobar facendo cun chisco de ciberarqueoloxía! (só un exemplo).

Díxeno en Open Vieiros que non era digno destes tempos nin soportable para unha cidadanía democrática levar adiante tal intento de control das redes sociais e dos medios dixitais ata un punto tal que mesmo lembraba os vellos tics do estalinismo máis lacazán (ninguha esquerda política que se preze pode defender esta estratexia na actual Sociedade da Información).  
Digo lacazán pois bastaba en recalcular o Karma do usuario segundo as súas intervencións foran ou non axeitadas ao foro... ninguén podía saber cantos nin quenes eran os que discrepaban, só era posible votar positivamente os novos vídeos que subía o Espartaco galego na súa TV privada... Só votando a favor dos vídeos podías recuperar a palabra !  

QuinTV foi unha aclamación pública do novo réxime que se tentaba instalar na rede e na vida política galegas: o discrepante tiña sempre o seu lugar, o Silencio !

Eu teño para min que este tipo de actitudes (tanto na rede coma fóra dela) foron a causa primeira da derrota electoral.

Diredes que estou tolo de vez... que de tanto teclear nos foros e nos blogs rematei por perder a pouco siso que tiña.

Pode ser, e tamén pode ser o contrario, que todo o mundo vía e sabía destes burdos engados cos que se pretendía suprimir a voz dun pobo cabreado. Bastaron dúas manifestacións en Santiago promovidas polo colectivo Galiza Non Se Vende (GNSV) para exemplificar o que digo.  Milleiros de persoas e centos de colectivos organizados (moitos deles nacidos do BNG e de sectores independentistas do nacionalismo galego) percorremos as rúas berrando alto e claro que 'goberne quen goberne, Galiza non se vende'... e vendeuse diante dos ollos da xente, vendeuse por consellerías, segundo a cor política así tiña ou non saída cada 'negocio do goberno' sempre de costas á Cidadanía.
Isto sí foi traición, máis unha traición silenciada polos medios.

Mesmo tentaron dividir (e dividiron) ao movemento ecoloxista galego. Do Courel non se podía falar nin eiquí nin en Madríd.
Bastará facer ciberarqueoloxía en Menéame.net para comprobar unha vez máis os torpes métodos empregados para silenciar as novas que saían de Galicia (mirade ben os 13 votos negativos desta nova).  Daquela era imposible pasar do Pardornelo!  
O PSOE facía ben o seu traballo mentres construía a súa "Villa" ao carón da area na illa de Arousa.  E todos veraneaban contentes... protexidos polo silencio cómplice da Rede!

A tese que quixera defender é sinxela: ningún partido ou persoa xurídica ou física que entre na rede sen respectar escrupulosamente a liberdade de expresión allea, sen facilitar a participación dos demáis internautas (mesmo daqueles que son considerados trolls) sen ter en conta as críticas -por radicais que sexan- ningún terá futuro na sociedade do século XXI.

Calquera podería dicir que a xulgar polo que aquí se relata a tese debera ser xusto a contraria, mais coma dixen moitas veces ao longo destes anos, cando o sabío sinala á lúa, o necio sempre mira ao dedo...!  

Ogallá desta vez o silencio convírtase nun berro de liberdade colectiva !

Deberamos ter moito coidado coas XERARQUÍAS OCULTAS que aniñan nas redes, proliferan coma as ratas nunha longa noite de pedra cubrindo de néboa espesa o ciberespacio e o porvir das xentes. Individuos e grupos imos convivindo día a día coa súa estratexia: ou calas e obedeces ou, se discrepas, estás perdido!  

Por iso millóns de seres humanos -na rede- gardan Silencio: o silencio dos cordeiros.

Os que levamos anos soportando que nos envíen cada dous por tres ós infernos do Karma Negativo, sabémolo ben e coñecemos como funciona o trebello, mais penso que pasou o tempo de seguir a falar dos Madelmans da Tecnópolis que revestidos de anti-sistema ou progresía barata, véselles por baixo da camisola a etiqueta do Corte Inglés.

Non debemos consentir o Silencio nas Redes.

Están aquí para falar e para transmitir coñecemento e opinión, non para deformar a realidade ata un punto no que ninguén a recoñeza e, polo tanto, xa non serva para nada; para nada que non sexa 'crear opinión' e manipular titulares para manternos per sécula seculorum sumidos nun enorme silencio.

Só construindo unha Cidadanía Democrática (entre todos) que estea afeita á pluraliade de opinións e argumentos, se lle poderá ofertar algún día as vantaxes da CiberDemocracia nun próximo futuro.  

Do contrario teremos máis do mesmo (nubes de etiquetas) e perderemos unha oportunidade de subir ao tren das novas tecnoloxías para acadar, máis cedo que tarde, o benestar da Cidadanía.

E aquí remata o conto. Só desculparme pola extensión -impropia para a rede- mais era preciso facelo de vez.

Para construír a Nación Galega sobran “os radicais do absolutismo” e “os radicais da liberdade”.

Galegos e galegas somos todos !!!

Erasmo, amante da súa Lingua e da Liberdade.


1/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Historia dun internauta galego (III)