Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O prezo dun miserable: 15.000 €

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de O prezo dun miserable: 15.000 €

O prezo dun miserable: 15.000 €

Houbo xuntanza no parlamento do país. En debate, a hipocrisía; os resultados, os de sempre: o bandullo sempre gana.  O prezo dun miserable seguen sendo 15.000 € .    

Enviada por cissjgv cissjgv o 11/12/2009 15:23

Vivimos épocas de crise. Nos días que corren,  aqueles 15.000 €  anuais da vergoñenta lei de altos cargos serían aceptados como un soldo moi respectable por calquera dos xa máis de dous centos mil galegos que están no paro, e cuxas familias sofren o impensable; pero non, que va!, hai bandullos moito máis cheos que reclaman eses cartos. E reclámanos con unanimidade parlamentaria -por falta de legalidade non sexa a cousa -. Cheos están eses bandullos de moitas cousas, ningunha delas tan salientable coma a soberbia infatigable, a avaricia desaforada, e un brutal desprezo á sociedade. Velaí o elitismo depredador,  punto de encontro, común denominador. Non hai dereitas nin esquerdas, galeguistas ou españolistas -todo iso é música de fondo, distracción organizada, simple comida lixo para as mentes débiles -, en Galicia a política de partidos segue sendo un tributo máis á proverbial hipocrisía. A  unanimidade parlamentaria non deixou marxe de dúbida;  hai o que houbo toda a vida: a insaciable pantera.

Nós, no que atinxe ao elitismo depredador, non damos feito. Das moitas e diversas faces desa maledicencia tocounos a máis ruín, a máis insidiosa e cruel, quizais a única que é verdadeiramente paradigmática da traizón: o caciquismo. Nalgúns anacos do país (Ourense, por exemplo) a xuventude xa nin se molesta  en presentarse a oposicións se antes non acadan a beizón dos padriños das mafias que controlan o poder. E ao caciquismo depredador de sempre agora engádenselle as mafias da cocaína, dos puti-clubs, e do ladrillo (se é que non son simples Capítulos da mesma caciqueirada, que o son). Todas elas ao abeiro das mafias políticas dos chamados Partidos (alomenos a nivel municipal e aínda nalgunhas deputacións, autenticas mafias organizadas), que fan da nosa sociedade probablemente a máis corrupta de occidente, tamén a máis decadente, e, por ende,  a máis afastada dos valores do Servizo Civil. Valores, estes,  que nas sociedades onde son percibidos e aceptados como parte da orde natural, garanten ética, transparencia, civismos, desenvolvemento sostible e, pois claro,  un sistema educativo satisfactorio (piar de sustento de toda sociedade, sementeira de todo o susodito).
 
Apesares da monumental desfeita sempre houbo un algo de esperanza, uns fiíños de  luz que aínda nos peores dos momentos nos falaban dunha senlleira  faísca, case imperceptible, pero sabiamos que non todo estaba reducido a simples chamizos, que estaba alí, e que nela se gardaba toda a forza da fogueira.  Ou sexa, os que críamos nunha Galicia diferente nunca estivemos completamente desamparados: quedábanos a esperanza dun cambio. E o cambio chegou.  Acadamos un goberno progresista, mais aínda así o bandullo puido máis cá razón, e  o Parlamento de Galicia, fiel ao ronsel dos anos déspotas, posuído pola forza da endogamia e intoxicado pola egolatría do  nepotismo,  burlouse da sociedade con descaro alleo: pluses de 15.000 €, namentres os asunto urxentes: a rapina caciquil, a desfeita urbanista, o caos no sistema educativo, a apoloxía puntual semanal ao alcoholismo, abandonados á deriva; a unanimidade parlamentaria estaba reservada para os grandes temas, tales como garantirlle 15.000 € dos contribuíntes a xentes que se ofreceron voluntarios a ocupar os cargos que ocuparon, que se tanto estres e precariedade económica lle traían, tiñan que ter a decencia de non aceptalos. Ou sexa,  a unanimidade parlamentaria que corresponde ás grandes ocasións, aquelas que se gardan para os momentos históricos chamados a decidir as cousa transcendentes, as mesmas  que marcan os destinos e labran as historias dos pobos, reservada para os reclamos do bandullo. Con todo, foi útil esta unanimidade parlamentaria, axudou a aclarar as cousas. E as cousas sempre deben andar claras. E claro quedou, dabondo, que na nosa sociedade, capitulando ás mañas inculcadas, o plus de 15.000 €, tan necesario para engordar os bandullos miserables, reclamaba, e acadou, unanimidade parlamentaria.  

Xoán Vázquez, Nova Jersey, USA  http://xoangvazquez.blogspot.com/    


4,18/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: