Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O CROSS: DEPORTE PORTUGUÉS E GALEGO

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de O CROSS: DEPORTE PORTUGUÉS E GALEGO

O CROSS: DEPORTE PORTUGUÉS E GALEGO

O cross ou campo a través é unha modalidade deportiva, se cadra pouco coñecida nestes tempos, mais cunha innegable e duradeira tradición no noso país que, ó meu modo de ver, non debería ser ignorada á lixeira

Enviada por lenin lenin o 08/03/2010 13:09

O campo a través é basicamente unha carreira polo monte. Nado en Inglaterra, tradicionalmente foi dominado por ingleses, escoceses, irlandeses e galeses. Co devir dos anos comezou o dominio africano, estendéndose impoñente ata os nosos días.

Sen embargo, nos anos 80 e 90, apareceron unha serie de corredores e corredoras que teimaron contra este dominio. A meirande parte deles eran portugueses. De feito, Portugal ocupa o 4º posto no medalleiro histórico do campionato mundial de cross masculino (tras Kenia, Etiopía e Bélxica -que ocupa este posto grazas ós 2 títulos do belga de orixe magrebí Mohammed Mourhit) e atesoura numerosos éxitos na categoría feminina e en campionatos de europa (título por equipos feminino 98, 00, 01, 04, 06, e masculino no 94, 96, 97).

A nivel individual destacaron Carlos Lopes (bicampión mundial de cross) Paulo Guerra (4 veces campión de europa de cross e medalla de bronce nun campionato mundial), Domingos Castro, Fernanda Ribeiro, Eduardo Henriques, Helena Sampaio, Inés Monteiro ou Rui Silva.

Ante este dominio, a nivel europeo, portugués dos anos 90, porfiaron como os seus máis duros rivais os corredores e corredoras galegas.

A máis grande das nosas atletas foi a guardesa Xulia Vaquero. O seu palmarés é a todas luces espectacular. Subcampiona de Europa de Cross en 1994 e 1996 e 7 veces Campiona de España de xeito consecutivo (do 92 ó 98). Nos campionatos mundiais conseguiu ser 4ª (97), 6ª(98) e 7ª(96). Dende 1978 ningunha outra atleta de nacionalidade española consegue acadar un posto entre os 9 primeiros no Campionato Mundial de Cross Longo.

A lucense Maria Abel, que a nivel europeo acadou o seu mellor resultado co posto 27º no 99 e a nivel mundial o 26º no 03, foi Bicampiona de España (00 e 03).

Outra lucense, Alessandra Aguilar, foi Campiona de España na categoría Promesa no 2000, acadando o 17º posto no Campionato de Europa 2007 e o 29º no Mundial 2003. Compoñente da equipa española Campiona de Europa no 2007. Este ano 2010, foi medalla de bronce no Campionato de España celebrado na Coruña.

No Campionato de España, Galiza acadou a victoria na categoría por equipos feminina no 2000 e no 2002 en cross longo e no 2006 en cross curto.

Na categoría masculina, o elenco de atletas galegos non é menos destacado.

O vigués Alejandro Gómez acadou o subcampionato de Europa no 95, sendo o mellor clasificado da equipa española, que resultou campiona europea por equipas. No campionato mundial de cross acadou un 6º lugar no 89 e o 9º no 01. Dende 1983 non hai ningún atleta de nacionalidade española (agás el) que quedara entre os 9 primeiros no Campionato Mundial de Cross Longo. Ostenta o record de internacionalidades con España (13) no Campionato Mundial de Cross. A nivel estatal foi 3 veces campión de España Promesa (86-88) e dúas veces campión absoluto (89 e 95).

Outro vigués, Carlos Adán, segue moi de preto os éxitos de Alejandro Gómez. 4º no Europeo de cross do 94, 6º no 2000 e 7º no 2001. Compoñente da equipa española Campiona de Europa de Cross (95 e 01). Campión de España no 94. 18º no Campionato Mundial de Cross do 95.

No Campionato de España, Galiza acadou a victoria na categoría por equipos masculina no 92 e no 95 en cross longo.

Outros nomes importantes no cross galego son ou foron Vanesa Veiga, Eva Arias, Rocío Rodríguez, Paula Mayobre, Lolo Penas, Carlos e Elisardo de la Torre, Jesús de la Fuente, Pedro Nimo e moitos máis que se me esquecerán.

Tendo en conta o nivel de potencia europea que tivo o cross galego nos anos 80 e 90, loitando cos atletas portugueses pola supremacía continental, non deixa de ser unha mágoa, ó meu modo de ver, o abandono que sofre nestes días, relegado a un plano a todas luces anecdótico-folclórico.

Pola contra, ségueselle a facer o xogo ó españolismo, dándolle bola ós deportes onde a supremacía dos seus baluartes ideolóxicos, económicos e culturais, a longo prazo, está de certo asegurada.

Mostra destes deportes son o fútbol (é absurdo competir en fútbol, non é máis que unha carreira dos clubes cara a ruína), baloncesto (non ten apenas tradición en Galiza), balomnán (non ten apenas tradición), natación (non ten tradición) e un longo etcétera.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: