Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A administración condenada a recolocar a Brais nas listas de interinos

Compostela, 18 de Marzo 2010

Enviada por CNT-Compostela CNT-Compostela o 18/03/2010 20:42

A Administración condenada a recolocar ao compañeiro Brais nas listas de interinos
A Sentenza do xulgado do Contencioso-Administrativo nº 2 de Santiago, ordena à Administración a que repoña a Brais no seu direito a estar nas listas de interinos e substitutos.A sua vez rebaixa notoriamente o número de sancións inicialmente impostas; pese a este resultado, a CNT non fica conforme, xa que as interpretacións acerca das funcións da guarda civil fan-nos lembrar (e temer) o tipo de Estado no que vivemos. Por outra banda, non se cuestiona a ilegalidade da Addenda que permite botar das listas de substitución a toda aquela persoa que sexa suspendida de emprego e soldo, con independéncia da gravidade ou irreleváncia dos factos polos que sexa condenada. Asi, esta sentenza elimina as seguintes faltas: 1) A de atentado grave a dignidade dos funcionários e da Administración, sanción que fica anulada por non considerar-se probada a autoría das frases “inxuriosas” segundo a Administración e por considerar que un blog entra na esfera persoal e non nas funcións do seu traballo como profesor. Lembrar que a frase que foi merecedora desta sanción segundo a Administración era “Fora a policía das escolas”, considerando que a entrada de policía no instituto de paisano e os cacheos aos rapazes e raparigas constituía unha postura anti-pedagóxica e represiva. Pese a que esta falta foi anulada polo xuiz polos motivos antes indicados, a interpretación que fai o mesmo das funcións da guarda civil (que emitiu un informe sobre a autoría do blog e identifica aos alunos e alunas que entran no mesmo, a efectos dun expediente disciplinário contra un profesor), é descorazonadora: frente á alegación da CNT que considera ilegal e delictiva esta actuación por parte dos axentes, o xuiz entende que entre as funcións da guarda civil atopan-se a de captar, receber e analisar cantos dados teñan interese para a orde e a seguridade pública, así como planificar, estudar e executar os métodos e técnicas de prevención da delincuéncia, concluindo que a guarda civil actuou no exercicio das suas funcións na investigación realizada porque as frases do blog podem-se calificar de ofensivas para a equipa directiva do instituto e as forzas e corpos de seguridade. Onde está o delito? E o perigo á seguridade pública? E a liberdade de expresión? 2) Anula a falta por incumprimento dos deberes e obrigas do funcionário, falta imposta por non se quitar a gorra. Esta falta é anulada exclusivamente porque no ordenamento interno do centro non aparece recollida a obriga de ir coa cabeza descoberta, portanto, non incumpriu nengún deber. Pero non se entra a analisar o absurdo da sanción (que pese a ficar en apercibimento tras o primeiro recurso administrativo, a cualificación inicial por esta falta foi de “moi grave”), dicendo incluso o tribunal que, pese a non constituir falta algunha por si própria, “pode ser asimilada aos outros feitos e de que constitúe unha evidente falta de educación”. O tribunal mantén, entretanto, duas sancións: 1) Falta da debida consideración cos compañeiros. Esta falta está enunciada do seguinte xeito: “grave desconsideración con un profesor que, primeiro foi increpado a gritos e despois insultado”. Seguro que @s leitor@s desta notícia vos preguntaredes en que consistiu esta grave desconsideración resumida nesta lapidária frase; pois ben, segundo o tribunal queda demostrado en base a duas frases que aparecen en sendas declaracións no expediente: 1) gritou a este profesor “e ti por que te marchas, non te vaias” e “es un maleducado”. Non entra o xuiz no contexto: petición de Brais de que as aulas de matemáticas se deran en galego en virtude do decreto vixente naquel momento. Non valora o xuiz a falta de respeito na que pode incurrir o profesor “inxuriado” ao dar-se a volta e marchar deixando coa palabra na boca ao compañeiro, en lugar de atender, ou ben debater, a sua petición. Non valora o xuiz que ante unha persoa que se marcha no entanto lle estás a falar, pode non constituir falta de respeito algunha, pedir-lle que non o faga: “e ti por que te marchas, non te vaias”, literalmente. Non valora o xuiz que “es un maleducado” pode ser unha resposta lóxica a esta actitude, con independéncia das valoracións morais de cadaquén. 2) Falta da debida consideración coas superiores. Por manter unha actitude desafiante co xefe de departamento (referíndo-se, entendemos, os feitos relatados anteriormente) e por entrar na xefatura de estudos sen chamar, moi alporizado e gritando impropérios. Non se di en momento algún a que impropérios se refire, se ben no expediente consta que estos feitos ocurriron inmediatamente despois aos anteriores, cando Brais queixa-se à Xefa de estudos a respeito a língua e os libros de texto  no que se dan as aulas de Matemáticas, e a actitude do xefe de departamento cando lle fixo a petición de que fosen en galego. No expediente tampouco aparece impropério algún. Respeito as alegacións de Brais de discriminación ideolóxica, habida conta de que os factos polos que se impoñen as sancións derivan da sua petición de que as aulas de Matemáticas se impartiran en galego, sendo as discusións citadas relativas a este feito, a sentenza di “que non pasan de ser meras apreciacións subxectivas carentes de todo rigor e que non precisan comentário nen resolución expresa algunha”. Finalmente, condena à Administración a recolocar a Brais nas listas no entanto non exista sentenza firme, sen perxuizo de que, se nesta ficase firme algunha sanción de suspensión de emprego e soldo, a Administración poderá facer decair o direito a estar nas listas de substitución. Nesta altura fara-se recurso de Apelación perante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza,  e a Administración educativa ten obriga de recolocar de novo ao compañeiro Brais nas listas de interinos e substitutos no entanto non haxa sentenza definitiva.  Aliás,  a CNT seguirá a loitar pola supresión da Addenda do 2006, que supón,  como xa informamos antes, de que por unha sanción que supoña separación do servizo (ainda que sexa de 5 dias) un profesor ou profesora interina ou substituta decai no direito de estar nas listas da Consellaria. Así están as cousas. Seguiremos informando.


4.25/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: