O problema do voto emigrante é como un Guadiana que aflora cada vez que unha campaña electoral chama ó timbre. As augas deste río van e veñen arrastrando toros de opinión, flotando ou mergullados, segundo sexan os intereses dos opinadores. Intereses, as máis das veces, de oportunidade política. Máis política de ocasión que social ou histórica, aínda que o disfrace teña esas roupas.
A consecución do voto universal e libre custou anos de empeño, traballo, sufrimento e, incluso, sangue á humanidade. Mentres non se lexisle o contrario, o voto é o único instrumento de poder do que dispoñemos os cidadáns para facer valer a nosa voz na sociedade. O resto das accións: manifestacións, manifestos, dereitos de reunión, de folga, liberdade para exercer cargos públicos, etc. no son máis que pasos que non sempre acadan o poder decisorio desexado. O voto, polo tanto, é o símbolo máis sagrado da democracia real.
Isto parecen esquecelo os nosos dirixentes, tanto progresistas como conservadores. Dun tempo a esta parte temos a impresión de que o voto está de rebaixas, de que ninguén reivindica o seu verdadeiro estatus, o seu verdadeiro valor social, a súa auténtica capacidade de decisión. Digo isto fronte á irresponsabilidade coa que se decide que persoas alleas á realidade de Galicia poidan votar no estranxeiro polo simple feito de ser descendentes de galegos. Fillos e netos de emigrantes que merecen todo tipo de consideración e axuda solidaria pero cuxa realidade social, na meirande parte dos casos, non se corresponde coa nosa. Estamos, creo, diante da perversión da máis elemental das regras democráticas: a igualdade entre si de todos os cidadáns dun país, dunha comunidade, dunha cidade.
Debémonos ós nosos emigrantes e, incluso, ós seus descendentes. Debémonos no terreo da solidariedade, da axuda sanitaria, da prestación de servizos sociais, da educación, da cultura e da posibilidade de retorno en igualdade de dereitos, pero non é xusto ni democrático que o seu voto teña o mesmo valor que o dos residentes na península. Como non é equitativo que un voto en Ourense teña máis alta cotización que un en Vigo, asunto para ampliar o debate. O voto do emigrante (e dos seus descendentes) adquiriu dobre valor, cotiza no país de nacemento ou orixe e no de residencia. Esgrimindo as mesmas razóns que hoxe pululan nos ambientes políticos, aqueles que somos emigrantes no interior do Estado tamén deberíamos poder votar na nosa comunidade autónoma de orixe e naquela na que vivimos e estamos censados.
-¿Sería disparatado pedir o dobre censo do mesmo modo que existe a dobre nacionalidade?
Polo camiño que imos, coido que non. É posible que moitos cidadáns que vivimos esta situación de desarraigamento teñamos máis intereses na nosa cidade ou comunidade de orixe que moitos descendentes de galegos que xamais pisaron Galicia nin o pensan facer.
Se non estamos diante dunha situación de pura oportunidade electoral, seméllao. Polo tanto é necesario que se estableza un debate serio, sereno e equilibrado sobre un fenómeno que cada vez alporiza máis os ánimos dos que ven como a súa capacidade de decisión á hora de votar está minguada fronte a outros individuos. Os espectáculos vividos nos recontos tras as eleccións non só non resultan edificantes senón que cada vez, co crecemento do voto exterior, enervan máis as cóleras e aumentan o rexeitamento solidario cara ós nosos irmáns da diáspora.
Certo que o problema non é só noso. Trátase dun debate que afecta a outras moitas comunidades e países pero alguén debe tomar a iniciativa de poñer freo a esta polémica con valentía.
Que os galegos de Canarias non poidan votar na súa terra e un neto dun urguaio si é de broma
O problema solventábase de raíz se existise a nacionalidade galega.
No sistema español, os votos non teñen o mesmo valor xeograficamente nunca. Os votos dos sorianos valen moito máis cós votos dos barceloneses, sen que por iso Soria vaia pra diante ou o faga en maior medida ca Barcelona. O sistema consagra a desigualdade do voto. De que nos estrañanos? Houbo algunha proposta seria de reforma electoral que impedise isto?
E creo que deberían separarse, radicalmente, tres cuestións: a limpeza do voto na emigración (particularmente a americana), a desigualdade dos emigrantes fóra de españa e dentro de españa e a capacidade dos votantes, vivan onde vivan, pra decidiren o que queren que suceda no seu país. As tres cousas teñen problemas distintos e esixen solucións distintas. Mesturalo todo non lle fai nada de ben ao "valor do voto".
Eu téñoo claro. Non ao voto emigrante. Si ao voto residente.
Os partidos opinan segundo as súas posibilidades. Os que teñen diñeiro para viaxar ás Américas e dar o seu mitin nos Centros Galegos, opinan que si.
Pero ese diñeiro que se gastan é noso e é un abuso tiralo dese xeito.
O que había que facer en España dunha vez é qsubir o porcentaxe de voto para ter representación.
Este é un tema que me rilla bastante o cerebelo porque me afecta directamente. Eu, emigrante en Madrid desde hai uns meses por cuestións laborais. Estarei fóra do país uns anos (espero que poucos). Volvo ao meu país no mínimo unha vez por mes e NON PODO VOTAR. Non só iso, senon o que me parece máis grave: NON SON GALEGO, porque no artigo 3.2 do Estatuto de Autonomía (único texto legal que fala da condición de galego) vincúlase a condición de galego á veciñanza administrativa nun concello galego. Deste xeito o bisneto porteño dun emigrante de finais do século XIX que non sabe distinguir a catedral de Santiago da de Cuenca é galego con dereito a voto e eu (que cumplo coa lei e estou censado na cidade na que vivo habitualmente) nin son galego nin teño dereito a voto. Isto ten un nome: estafa. O voto vinculado á residencia no país nun número X de tempo (por ex. os que residisen no país nos últimos X anos) e a condición de galego mínimo para quen naza no país.
A ver se traballas en algo honrado, colega, que levas moitos anos de "asesor" de algo, sempre cos sociatas e sempre atrapando premios literarios en comunidades e concellos onde goberna o PSOE.
Por certo, eras ti, seguro, o sesudo analista que pronosticaba "maioría absoluta" a Bugallo -hai que ser dócilmente canino para decir iso- nas últimas elecións municipais... porén non asinaras os artigos.
E, e non esquecemos a túa gloriosa frase de "Cela no será recordado como novelista". Pode ser que Cela non sexa lembrado como poeta, autor dramático, ensaista, etc... pero como novelista, seguro que sí.
E seguro que a ti haberán lembrarche. Seguro, pero como apañacartos, apañapremios fáciles e como escritos de segunda fila da terceira división máis terceiromundista desta galaxia.
Naceu en Llerena (Estremadura) en 1951. Escritor e xornalista, publicou máis de trinta libros entre ensaios, obras de teatro e narrativa, tanto para adultos como para nenos. A súa última novela, Espérame, publicouse en Xerais en 2006.