Non sei por que na Lisboa de hai séculos galegos e xudeus compartían o odio dos cidadáns do común ata o punto de a paremioloxía lusitana recoller un acusatorio “De galegos e judeus, dos melhores livra-nos Deus”.
Supoño que sería por seren sentidas ambas comunidades como alleas a ese “común” lusitano e exerceren ou teren exercido funcións marxinais -no senso de non habituais- dentro do sistema social do sur. En calquera caso os prexuízos van mudando ou esquecéndose conforme pasa e cambian os tempos. Pouco e pouco. E tivo que ser así, pois os prexuízos, por operaren no nivel máis fondo e irracional das conciencias non son facilmente combatibles con argumentos da razón e da lóxica. Trate vostede de explicarlla a un “celtarra” ou a un “riazorblú, de que foi xusta a vitoria do outro equipo porque xogou mellor ca o seu. Imposible. Explíquelle a alguén que é máis seguro o cemiterio que o centro cidade, ou menos perigoso viaxar en avión que en coche... Non. Os prexuízos mantéñense firmes na súa irracionalidade fronte á lóxica. De igual xeito, o pregoar desta negatividade acada sempre un eco inmediato e amplificado nas máis baixas paixóns progresiva e perigosamente cada vez máis lonxe do pensamento racional... Lembren as posturas da opinión pública española sobre o incidente de Perejil ou mesmo sobre a excarcelación de De Juana, por pormos dous exemplos que nos advirten da necesidade do control preciso para e paixón irracional no mundo político. E as paixóns sobre Israel están aí.
Debe ser misión dos políticos sensatos -que de todo hai- tratar de ilustrar aos seus seguidores coa razón e o libre pensar máis alá de vetustos prexuízos. Sen dúbida, o respecto á democracia e o estado das autonomías, os dereitos dos homosexuais, a igualdade da muller, o traballo compartido, son algunhas das moitas cousas que se viron fomentadas por esta pedagoxía positiva dos políticos, ás que ten contribuído, claro, o BNG.
E creo que no caso Pedro Gómez Valadés, os promotores dese auto de fé polo que tratan de expulsalo do BNG, equivócanse de forma radical. E tratarei o tema desde fóra, -non son do BNG- pero tamén afectado por ser amigo de Israel. Falo desde a liberdade do meu criterio, desde a independencia, pero nunca desde a indiferenza.
O que está en cuestión non é, obviamente, o conflito árabe-israelí. Iso non o imos solucionar aquí, aínda que as paixóns que ergue dan mostra do difícil que será avanzar alá. Lembremos que cando falou en Compostela un israelí partidario do arranxo e o acordo, un home de ideas, palabras e informacións, -Shlomo Ben Ami- foi máis berrado que escoitado, pero ese tema, arestora non toca.
O que está en cuestión é se existe dentro do BNG a liberdade suficiente para que os seus militantes poidan reflexionar criticamente sobre algo tan confuso e necesario de reflexión como as relacións entre nós, occidente, e o mundo musulmán; pensar sobre o chamado “choque” de civilizacións ou de “culturas”; pensar sobre a vixencia universal ou non dos dereitos humanos na súa concepción occidental, ou da relación ambivalente entre as identidades e soberanías do individuo ou do colectivo; esculcar nas implicacións dos conflitos armados neste momento no oriente medio, as vías de solución posibles para o abandono rápido de Iraq sen que se produza un caos aínda maior; reflexionar sobre as causas de orixe e os medios éticos para atallar as ameazas terroristas que masacraron Madrid, Londres, Nova York e Bali, nunha nova internacionalización do terror. E por suposto sobre o imperialismo americano, a nova postura rusa no panorama mundial e o que se queira. E para toda esta reflexión, é preciso darlle a voz tamén a aqueles que non a teñen. Porque non me negarán que desde hai décadas, desde inicios dos setenta, todo o que sae de Israel é ollado con fonda desconfianza polos medios progresistas europeos que só vían, ata hai pouco, polo ollo palestino. Israel era un demo sen cara –por iso das eleccións democráticas os líderes cambiaban- e Arafat era un icone-deus permanente dos palestinos e da esquerda europea. Pero desde hai uns anos, desde digamos as Torres Xemelgas e desde os intentos de formación de dous estados e a negativa de Hamas a recoñecer a Israel, hai moitos que tratan de ter novas aproximacións a un conflito sumamente complexo. ¿E se as cousas non fosen tan simples como pensabamos con palestinos bos e xudeus malos? ¿Será certo que na organización máis grande e plural do nacionalismo galego non existe a posibilidade de promover unha reflexión libre e alternativa sobre un dos grandes conflitos xeopolíticos do mundo, sobre todo nestes tempos tan confusos? ¿Logo para ser membro do BNG, hai que ver Israel simple e intrinsecamente como o malo e os palestinos –Hamas incluído- e Irán, simple e intrinsecamente como bos? ¿Non terán, a estas alturas da historia, que mover ficha todos en favor da paz? ¿Poden tratar de explicarlles algo disto aos seus compañeiros do Bloque os membros da Asociación de amigos de Israel que o son desde grupo nacionalista? ¿Podemos escoitar que Shlomo Ben Ami, socialista e promotor e partidario de acordos, non é o mesmo que Sharon? ¿Podemos falar e aprender algo do tema? ¿Permitirá Quin que non se respecte a posibilidade de reflexión e expresión ou recorrerá á postura do avestruz, inhibíndose de algo tan esencialmente importante como a pura liberdade dun seu militante, que é, como se fose a liberdade de todos? Non o pode facer. Debe demostrarnos que está da parte da liberdade e da pluralidade. Como ten a responsabilidade máxima no BNG, debe exercela. Sen ataduras.
Ninguén quere –supoño que, de momento non é ese o debate- que o BNG modifique as súas posturas sobre política internacional. Esas mesmas das que non lembro condena ao congreso da negación do holocausto en Irán nin ás súas amezas de varrer do mapa a Israel. Non. Do que se trata, de momento, é de deixar a liberdade de palabra aos amigos de Israel. Que pensar en voz alta sexa unha liberdade ao alcance de todos.
Cando alá por 1985-86 o BNG cambiou dun radical discurso antiautonomista e antiinstitucionalista –Estatuto nunca máis, bases constitucionais- ese cambio foi froito da liberdade de reflexión de que gozaban os dirixentes da UPG. Despois a dirixencia nacionalista fixo unha dura e difícil pedagoxía pola que tivo que explicar ao seus militantes que o mundo cambiara e que había que cambiar con el o discurso e a praxe política. Cumpría arar cos bois que había e aceptar o marco e sistema político vixente. Dese acerto veu a súa conversión na terceira forza política de Galicia e a que os que seguían ancorados no inmobilismo, a escisión da UPG, camiñasen irreversiblemente á marxinalidade.
Hoxe o BNG medrou moito e é moito máis plural. A maioría dos seus votantes –nin sequera os militantes- coñecen estas vellas orixes esvaecidas no esquecemento, involuntario ou voluntario, interesado ou desinteresado, da memoria histórica próxima.
Hoxe o BNG coa responsabilidade de ser a única forza política nacionalista con peso, non debe coutar a liberdade dalgúns dos seus militantes para pensar e proclamar que Israel ten dereito a existir. Igual que o Estado Palestino. E debe defenderse esta liberdade pois cómpren voces de varios rexistros para a que a reflexión sobre o mundo contemporáneo non se reduza á repetición mántrica de vellas consignas.
Este debate non ten ningún interese nin importancia para Israel... pero si para nós, para os galegos. Para explorar as marxes de liberdade de pensamento e reflexión que se permiten hoxe no nacionalismo galego que representa o BNG. É moi importante sabelo.
Máis:
http://galiza-israel.blogspot.com/2007/03/pedro-gmez-valads-e-o-antisemitismo.html
O odio as veces pode ser irracional,certamente, e os dereitos dun pobo a existir son sagrados ou deberian selos, pro cando a existencia dun pobo supon expropiarlle a outro todo o que é seu, mesmo a sua propria existencia, entón xa se complica a cousa. A mesma división do 1948 supoñia deixar dous estados en Palestina dun xeito irracional, tendo mais en conta o dereito divino de Israel ca realidade territorial existente, dende entón pouco mudou e daqueles dous estados que se quixeron facer practicamente so existe un, o que usurpou o territorio non o que permanecía vivindo alí e pode considerarse proprietario. Israel pode ter dereito a un estado proprio pro debería terse contando cos palestinos para elo. Como explicarlle a un pobo que debe cedelo que ten e ainda asi sentirse agradecido das fungallas que lle dan. Israel ten dereito a vivir coma pobo, ¿pro onde está o dereito dos palestinos a decidir sobre o seu territorio e se o queren compartir?
Hoxe en El Pais:
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Murado/Israel/impone/estado/apartheid/palestinos/muro/apenas/simbolo/elpepuespgal/20070328elpgal_23/Tes
Como xa manifestei noutro fío relativo a esta noticia estou a prol de que Pedro Gómez-Valadés non sexa expulsado do BNG, máis tamén dixen e manteño que a asociación que preside esa persoa, AGAI, e as posicións que el mantén, son pro israelitas e xustificadoras das políticas dese estado. Esta persoa di que os fins da asociación son procurar a amizade do pobo galego co pobo de Israel, vale; evitar a banalización do holocausto (a shoá), vale; e aprofundar no coñecemento das pegadas dos xudeos na historia de Galiza, vale tamén. Como el o di e mesmo se declara propalestino, formalmente non son obxectivos polos que poida ser expulsado do BNG. É o seu dereito. Cousa distinta é a realidade desa asociación e do que di o señor Gómez-Valadés. Creo que o camiño que deixa é combater as súas posicións proisraelitas dentro e fóra do BNG.
Israel existe e okupa. Palestina, que tinha que existir polo mesma resoluçom pola que existe Israel NOM EXISTE e é apenas fraca e tripada autonomia dentro de Israel. É importante saber isto. É importante saber de quem se é amigo quando se pissa a um povo.
Desculpai-me por não escrever na vossa ortografia (sendo politicamente correcto). O artigo tem uma entrada relativa aos galegos e judeus de Lisboa que desconhecia por completo. E penso que está retirada do contexto. Lisboa nunca foi uma cidade homogénea com uma origem simples e sempre carregou o fardo de ter sido escolhida como centro politico de Portugal. Referir factos que relacionem Lisboa e os Galegos é um tema pouco conhecido e com poucos livros publicados para o leitor de fim-de-semana. Já os judeus contam com mais livros, revistas e até blogues actuais. Mas ambos têm em comum o acto de, a bem ou a mal, estarem "dentro" da família alfacinha, pois a imensa maioria dos nativos da antiga Cidade de Ulisses admitem terem um ascendente remoto galego ou judeu. Por outro lado quase ninguém se gaba de ter um familiar espanhol ou israelita (a não ser que sejam muito ricos:). Bom é tudo. Abraços.
Ourense 1960), móvese entre o mundo da historia, a lingua, a investigación e a opinión. Cursou as especialidades de Prehistoria e Arqueoloxía, Arquivística e Biblioteconomía e Xeografía e Historia e Arte de Galicia e tivo experiencias arqueolóxicas de campo en Galicia, Portugal e Italia. No mundo da lingua é catedrático de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galegas e un afervoado defensor das posibilidades multilingües de Galiza. No da investigación, ten artigos sobre historia literaria e elaborou materiais expositivos e didácticos sobre varios autores (Sarmiento, Otero Pedrayo, Avilés, Xoaquín Lorenzo, Manuel Lugrís, Lorenzo Varela) en relación coas letras galegas e os centros de ensino