Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Campo de Marte

Programa electoral socialista

12:15 21/02/2008

Os programas electorais son uns tochos que nunca baixan das trescentas páxinas, polo menos os que elabora a xente de esquerda que é moi dada a pensar, soñar e deseñar plans de futuro. Xa sabemos que na esquerda abundan os fundadores de revistas culturais e os novelistas. Agora estou a revisar o do PSOE para esta campaña e paga a pena a súa lectura.

É evidente que José Luís Rodríguez Zapatero se presenta ante o electorado co ánimo renovado e o espírito incansable contra o que todos opinaban hai catro anos. O seu talante segue a ser a arma que volve utilizar contra a intransixencia dos discípulos de Aznar e o poder político, mediático e económico das FAES. Ninguén diría que ía chegar ata aquí pero conseguiuno tendo como escudeiro a Pepe Blanco. Ninguén daba nada por estas dúas figuras cervantinas pero, miren, volven ser cabeza de cartel, volven probar sorte.

No programa, se gañan, os socialistas prometen reactivar a investigación do 11-M para demostrar dunha vez por todas que o PP mentiu hai catro anos, seguiu mentido despois e esforzouse ata o convencemento coa teoría de que ETA é a verdadeira culpable daquela masacre atroz de Atocha. Os socialistas, en defensa das vítimas e da verdade, prometen unha investigación seria, rigorosa e exemplar. Tamén prometen máis policías contra o terrorismo, recuperando os postos que o PP foi amortizando nestas lexislaturas, e establecer as canles necesarias para rematar con esta lacra, que os populares seguen a utilizar electoralmente.

Grandes cuestións
No ámbito das grandes cuestións, os socialistas propoñen unha reforma urxente do Tribunal Constitucional, totalmente tomado polas forzas de dereita onde o Ministro de Xustiza ten máis mando e poder que o propio presidente do tribunal e son ben coñecidas as inxerencias do Fiscal Superior, señor Cardenal, en todas as decisións que poidan prexudicar as directrices de Moncloa ou as que se toman na rúa Génova por mandato directo do ex-presidente Aznar.

En política internacional, o PSOE propón volver ó rego de Europa, retirar as tropas das guerras ilegais e, como se dá por suposta a derrota dos Republicanos en EE.UU., emprender unhas relacións absolutamente diferentes ás mantidas ata o de agora de servilismo ós intereses de George Bush e a súa familia, en beneficio dos negocios particulares do ex-presidente Aznar.

Nos aspectos que máis chegan á sociedade, os socialistas prometen subir o salario mínimo ós 800 €, loitar contra a corrupción urbanística, promover as vivendas de protección oficial, o matrimonio para os homosexuais, crear unha Lei de Igualdade, unha Lei de Dependencia, establecer un diálogo construtivo con todas as Comunidades Autónomas dentro do respecto ós nacionalismos e ás diferentes culturas do Estado. Levar o galego, o catalán e o éuscaro polo mundo da man do Instituto Cervantes, propiciando a creación de institutos propios para estas linguas. Prometen unha educación máis eficaz no ensino público sen abandonar os concertos con outros sectores. Aumentar os orzamentos universitarios e fomentar as bolsas restrinxidas polos populares. Falan de buscar o consenso nas Leis de Educación ó que o PP se nega sistematicamente sempre o servizo da Igrexa máis reaccionaria e loitar pola integración dos inmigrantes.

Nos aspectos políticos de segunda orde, os socialistas prometen revisar as concesións de medios feitas polo PP, como a televisión para Federico Jiménez Losantos e a dos bispos. Falan de prohibir os actos fascistas multitudinarios tolerados polo PP en El Valle de los Caídos. E está claro, aínda que no programa non aparece, que o cesamento de Alfredo Urdaci como Director Xeral de RTVE, e incansable presentador dos telediarios, será fulminante.

Afortunadamente o PP non gañou as pasadas eleccións e este programa xa non foi necesario escribilo, pero vendo as propostas que nos lanza Mariano non queda máis remedio que pensar dúas veces no que acontecería se gañase daquela.

1,58/5 (19 votos)


Comentarios (10)

Xabi1 #1 22/Febreiro/2008 Xabi1

Vivimos nun mundo feliz. Ánimo, Perozo. Xa só falta que os sociatas suban tamén os emolumentos dos premios literarios que os sociatas se reparten entre eles e entre a xente da cultura. E, xa postos, que suban os salarios dos asesores de alcaldes, xa me entendes, e que monten cantas máis embaixadas en LatinoAmérica sexa posible, xa me entendes, tamén.
Hai anos nos que un non está para nada, e viver neste "valle de lágrimas" sempre resulta máis soportable con artigos tan escasamente reflexivos como os que regurxita o señor Perozo, fino analista político que, anónimamente, dónde vai parar, intoxicaba á opinión pública durante as pasadas elecións municipais asegurando que Bugallo ía sacar... ¡maioría absoluta!. O raro do caso é que aínda permanece vostede, señor Perozo, na listaxe de persoas que cobran como asesores do alcalde Bugallo, asesor de non-se-sabe-moi-ben-qué. Agora que o Presidente Touriño val aplicar esa lei de transparencia, agardo saber cánto levanta vostede cada mes na administración municipal compostelá para me declarar rabioso obxector ao capítulo de onde cobra vostede, señor Perozo das Ánimas do Purgatorio.
Ah, quén sabe, ao peor pensa que o artigo ten gracia e salero extremeño cando máis semella ser escrito por alguén bastante curto de entendederas e bastante amplo de peto.
Comandancia de Vieiros: vale que consultar este medio de información sexa de balde, pero, porfa, non somentan ao respetable a este tipo de espectáculos.

Maeloc-do-Rouco #2 22/Febreiro/2008 Maeloc-do-Rouco

Programa electoral "socialista"?? Mais bem "pesoista" ou "progre-a-toda-costa"...BNG, ERC, IU, EA ou IC semelham mais socialistas que os do soE (com reservas tamem asietudo)

charino #3 22/Febreiro/2008 charino

Programa? Que programa? Se despois de votalos fan o que queren.

Sabrexo #4 23/Febreiro/2008 Sabrexo

As únicas veces que o PSOE non votou nas Cortes en contra de Galiza nesta lexislatura foi cando precisou os votos do nacionalismo galego. E incumpriu mesmo puntos do seu programa anterior para os que había unha maoiría, como os prazos da Lei do Aborto.

galeguzo #5 24/Febreiro/2008 galeguzo

Parece-me que este artigo é um pouco chamar de parvos os leitores de Vieiros. Cito textualmente um comentário do blogue de Perfecto Conde:

* * * * *

«Xosé Antón Perozo, escritor que gaña premios literarios en autonomías, deputacións e concellos gobernados polo PSOE. [...].
Perozo leva anos asesorando ao alcalde de Santiago de Compostela, Sánchez Bugallo [...]».

* * * * *

http://tinyurl.com/2pl2wl

galeguzo #6 24/Febreiro/2008 galeguzo

Com o comentário anterior pergunto-me se o autor do artigo, o senhor Perozo, não devera dizer às claras que o seu texto é pura e simplesmente propaganda do PSOE. A mim parece-me totalmente lícito que uma pessoa faça publicidade de organizações em que milita, nas que trabalha, ou polas que sente simpatia ou o que for. Mas o que não me parece lícito é que se faça isto "pola porta de trás" como se os leitores fôssemos menores de idade com frases do estilo «Agora estou a revisar o do PSOE para esta campaña e paga a pena a súa lectura». Só faltava que, com os antecedentes, dixera o contrário :D!

casdeiro #7 24/Febreiro/2008 casdeiro

O programa debe ser feito polos cidadáns. Se non, non é democracia. Se só podemos escoller entre marrón escuro ou marrón claro, todo acaba sendo a mesma merda... Se é Demo-Cracia é o goberno do pobo: se o pobo non decide entre todas as opcións posibles, e non só as que lles presentan un número reducidísimo de opcións electorais, non hai decisión libre nin democrática. O demais é unha estafa.

ecoe #8 24/Febreiro/2008 ecoe

concordo plenamente.

Compara todo o tempo o prometido de ZP con o que fixeron os asnarianos, mais tamén podemos comparar ca lexislatura pasada ou cas anteriores, e co incumprido.

Nada aporta no gravísimo asunto das libertades civís políticas, nas independencias de poderes (correas de transmisión), nos DDHH versus TORTURA (Portu e outros ben coñecidos), na persecución dos vascos independentistas (e dos galegos), etc.
Tampouco da pobreza nin do lameiro cultural en que nos ten sumida esta burguesía reaacionaria, burda e incapaz de facer efectivos co capitalismo os Dereitos Humanos máis básicos da población (quimeira non superada desde que o Marx prantexóu a contradicción)

ecoe #9 24/Febreiro/2008 ecoe

E sobre a CRIMINALIZACIÓN da Protesta social? Sobre os Impostos INDIRECTOS (todos iguais asegún o consumo) ou a práctica DESAPARICIÓN tras perpétua diminución do imposto sobre a PROPIEDADE?

Xistral #10 25/Febreiro/2008 Xistral

Impresionante José Blanco, un auténtico "ilustrado", unha persoa que non sabe o que é o traballo, que non pasou de 1º de carreira. Ese tío se tivera que traballar que podería facer??? Porque polo menos Perozo aínda sabe escribir para gañar premios en lugares/institucións gobernadas polo PSOE.
Socialistas o PSOE??? É socialista baixar os impostos para despois poñer o céntimo sanitario que pagan todos..., os que podemos e os que non poden??? É socialista manter Navantia sen producir barcos (polo menos é tan socialista o que fixeron os do PP, que é o mesmo). É socialista darlle 2500 euros por ter un fillo á filla de Aznar casada co multimillonario Alejandro Agag???
Estou de acordo en que é mellor que non gañen porque senón imos ter máis do anterior pero ración doble..., pero por favor de socialistas nada. Moito menos socialdemócratas que a dereita holandesa, alemana (capitalismo renano fronte a liberalismo anglosaxón)etc. Que eu saiba os "socialistas" do PSOE foron os que empezaron as privatizacións das empresas que hoxe se comen outras empresas entre elas as francesas que seguen controladas polo goberno francés porque a dereita francesa tampouco as privatizou porque cren no sector público. Outra cousa Perozo é que é loxico que defendas aos que manteñen o teu agradecido estómago. Canon sí, por favor..., como non... E por favor, se queres facer propaganda do PSOE faina pero non ás agachadas. Moitos aquí non nos chupamos o dedo e somos tan listas e estudados como poidas selo ti.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Perozo

Xosé Antonio Perozo

Naceu en Llerena (Estremadura) en 1951. Escritor e xornalista, publicou máis de trinta libros entre ensaios, obras de teatro e narrativa, tanto para adultos como para nenos. A súa última novela, Espérame, publicouse en Xerais en 2006.