Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


O cénit do petróleo: a outra (e derradeira) crise

09:33 01/12/2008

A crise actual ocupa os medios de comunicación de masas de maneira cotiá desde hai semanas. Pero a faciana que se nos amosa neles é case exclusivamente a financieira-económica. Pouco sae á luz e  ao debate público sobre un compoñente subxacente de crucial importancia: os límites do medre perpetuo capitalista. Entre eses límites hai un que salienta: o da produción mundial de petróleo.

Baixo o termo inglés de “peak oil” coñécese o fenómeno que na nosa lingua poderiamos denominar “cénit”, “pico” ou “teito” da produción de petróleo a nivel mundial. O petróleo é un ben finito e escaso, do que non podemos “fabricar” máis cando se esgota; é dicir, no planeta hai un número concreto, limitado, de toneladas de petróleo. Ben, pois todo apunta a que estamos comezando  notar os efectos desa finitude. Pero non trabuquemos: o problema non é que nos vaiamos quedar sen petróleo de aquí a uns meses, senón que cando comece o descenso pola curva histórica da produción mundial (en forma de campá, denominada “curva de Hubbert”) o petróleo que vaia quedando accesible nos mercados será cada vez máis caro, de peor calidade, máis contaminante, máis difícil de extraer, de menor valor enerxético e tamén e sobre todo (velaquí o quid da cuestión)... será insuficiente para satisfacer a demanda mundial.

Por poñelo en poucas palabras: non vai haber petróleo para todos nin maneira de substituílo a tempo. Os que levan estudando este problema desde hai tempo, teñen calculado que farían falta cando menos 20 anos de preparación, de seria e profunda transformación do tecido socioeconómico nos países industrializados occidentais, para evitar graves consecuencias. Son datos do Informe Hirsch, encargado pola administración Bush no 2005. Porque, non nos enganemos: nin os biocombustibles, nin as renovables nin a agora de novo proposta nuclear son viables a unha escala comparable ao consumo mundial actual de petróleo, nin estarían listas a tempo. Os cálculos de investimentos precisos, desenvolvemento tecnolóxico e taxas de retorno enerxético non deixan lugar a dúbida: non hai substituto viable para o petróleo que nos vaia chegar a tempo antes do momento en que a súa produción non dea cuberto a demanda.

Parémonos a pensar qué significará quedármonos sen petróleo (ou sen petróleo barato, que ven sendo o mesmo na práctica): o 90% do transporte funciona só con derivados do ouro negro; a agricultura intensiva (e polo tanto a alimentación de cada un/ha de nós) tamén depende desde a súa produción (fertilizantes químicos, praguicidas, maquinaria, etc.) ata a súa distribución, do petróleo e do gas natural (outro recurso en proceso de esgotamento); os bens de uso cotián están en boa parte creados a partir de derivados do petróleo (plásticos, fibras sintéticas...) e outro tanto se pode dicir de moitos medicamentos. Isto é: todo o que nos mantén vivos e “funcionando”. É o que algúns chaman a sociedade fosilista, petrolívora, adicta ao petróleo... ou simplemente a sociedade insostible, din outros, e non sen razón. E aí é onde volvemos ligar coa cuestión inicial: a crise ou recesión económica e a imposibilidade dunha recuperación económica permanente.

O capitalismo (iso que algúns chaman farisaicamente “libre mercado”) é un sistema que precisa do crecemento continuado para poder existir. É connatural a el: sen crecemento é inviable. Ben, pois sen petróleo, tal e como está construida a sociedade industrial capitalista, non pode haber tampouco medre. Se o combustible escasea, a máquina non é que vaia máis amodo: é que ao estar pensada só para acelerar, simplemente se “gripa”. É dicir, vimos construindo un inmenso monstro de escala planetaria, chamado sistema industrial capitalista, sobre unhas bases que tiñan data de caducidade e sen recambio posible. Cando eses cementos caian... caerá todo o sistema e todas as sociedades que non se teñan desprendido del, que non teñan saído da adición a unha droga sistémica que é finita. Agora moitos se debaten en tratar de adiviñar a data de comezo dese masivo derrubamento, dese tráxico punto de inflexión na Historia da Humanidade, que virá marcado polo momento en que se alcance o número máximo de bocois de petróleo producidos no mundo (o chamado “cénit do petróleo”): 2010? 2015? ...algúns mesmo din que xa estamos inmersos nel. Pero acertar na data non é o máis importante, nin debe demorar a posta en práctica das urxentes e radicais medidas políticas, económicas e sociais que esixe para tentarmos minguar o seu catastrófico efecto, porque é coñecido que non teremos a certeza de termos pasado ese pico da produción ata algún tempo despois (un par de anos, talvez) cando o vexamos no espello retrovisor da historia económica. E os prezos, cando avisen, será demasiado tarde. Se seguimos confiando nos sinais que envía o mercado, na  substituibilidade dos factores produtivos, e na mítica autorregulación dos mercados, daquela o choque brutal contra os límites dos recursos do planeta está asegurado: estímase que sen petróleo, o planeta só poderá manter unha poboación duns 2.000 millóns de persoas.

3,81/5 (16 votos)


Comentarios (4)

ecoe #1 1/Decembro/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

cima, cumio, teito...logo chega!

DanielErreCe #2 1/Decembro/2008 DanielErreCe
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Si, realmente ese e o panorama que se enxerga no horizonte. E, porén, malia o desastre que se aproxima, a táctica máis xeralizada é a do avestruz. De calquera xeito, coido que as elites económicas son plenamente conscientes dese horizonte e teñen plans. Eses plans non deben ser moi "integradores" porque, de momento, o debate non sae de certos círculos (e é preocupante se nos atemos ao calibre do problema). A complexidade dos problemas que enfrontamos é de tal magnitude que a tendencia natural (instintiva) pode ser a de agochar o pouco entendemento que nos queda e pechar os ollos como os monos de Xibraltar.

Os movementos entorno ás enerxías renovables diríxense todos cara á concentración industrial seguindo o modelo monopolístico da corporación mundial do capital. Galiza, país eléctrico pobremente electrificado, está a vivir un desenvolvemento claramente planificado polas empresas que viven de muxir o quilovatio, coa sorte de que agora o Estado poderá captar unhas miserias desas plusvalías multimillonarias.

A outra cara da moeda a representa un/ha cidadá/n que queira independizarse enerxeticamente dispoñendo da tecnoloxía actual. Un fogar rural podería producir enerxía suficiente para autoabastecerse aproveitando luz solar, vento e biomasa. As cidades poderían aproveitar a insolación nas cubertas dos edificios, poderíanse producir millóns de metros cúbicos de gas metano resultado da materia orgánica do lixo urbano, o vento e as mereas tamén se poderían aproveitar en espazos urbanos e suburbanos... Pero o modelo económico e a falta de iniciativa cidadá impide que se desenvolvan estes e outros métodos de aproveitamento enerxético. Porque o modelo é tamén cultural.

Concordo co autor en que é preciso un cambio de paradigma, e iso, seguramente é un feito que se dará, non sabemos se antes ou despois do desastre, e quizás teña razón en optar por unha actitude pouco optimista. Por máis realista que poida ser esa actitude, considero que é máis conveniente poñer o acento en que a Humanidade ten recursos intelectuais e tecnolóxicos que debe explorar e desenvolver o máis axiña que poida e tamén en recalcar que todos/as temos un papel importante cambiando as respostas ante o consumo irresponsábel e ante a dependencia que temos das grandes corporacións enerxéticas.

Facerse responsábel tamén significa dar pulo á suficiencia enerxética dos nosos fogares e, antes de nada, debemos rebelarnos contra calquera disposición legal que negue o dereito a esa suficiencia. Desde as administracións deberíase potenciar a instalación de dispositivos de produción enerxética de carácter renovable e non poñerlle atrancos como até o momento.

Despois de todo, a crise enerxética podería ter una aspecto positivo: a importancia da planificación e a racionalización dos recursos e, nun dobre mortal, que comecemos a valorar máis a cooperación que a concorrencia.

Ver o desastre no horizonte, por máis realistas que sexamos, non debe significar perder os folgos, tan sequera fose para racionalizalos e non perdermos de vista que, ao final, sempre loitaremos por sobrevivir.

casdeiro #3 2/Decembro/2008 casdeiro
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Grazas por tan bo análise, Daniel! :-) Alédame comprobar que aínda hai xente capaz de albiscar tanto o fondo do problema como as vías de solución. Aínda que che pareza pouco optimista ou mesmo pesimista a análise que fago neste artigo, comprenderás que penso que temos que reaxir e apoiarnos a nivel cidadán, sen esperar que a administración abra os ollos, e loitar precisamente contra todo o que fagan que sexa un atranco para a autosuficiencia enerxética. Doutro xeito non tería sentido terme embarcado na creación deste novo colectivo, Véspera de Nada, onde precisamos xente coma ti, con perspectiva e capacidade crítica e de acción. Estás invitado a participar na maneira que ti consideres axeitada. Tamén no meu blog verás que achego propostas sobre a cuestión, mesmo apuntando ideas sobre un programa de acción pública contra o cénit.

casdeiro #4 2/Decembro/2008 casdeiro
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Os enderezos, que no saíron son:
Asoc. Véspera de Nada: http://vesperadenada.org/
Artigos no meu blog sobre a cuestión: http://casdeiro.info/textos/in...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Casal Lodeiro

Tamén coñecido como Casdeiro, naceu en Baracaldo en 1970. No País Vasco leva a cabo o seu traballo de informático, que o fixo un dos pioneiros da rede galega. Un dos seus proxectos máis coñecidos é a asociación Fillos de Galicia. Tamén é membro da nova asociación “Véspera de Nada, por unha Galiza sen petróleo” (vesperadenada.org)