Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Núñez Feixó e o retorno imposible

12:27 05/02/2009

Porto de Cobres, decembro, 2008. Unha galega de quince anos ridiculiza outra galega de quince anos porque fala o seu galego fonética e sintacticamente impecable. A primeira rapaza se cadra descoñeza que o patético desexo de marcar xerarquía social a delata como vítima dunha agresión que de seguro sufriron seus pais, e a súa avoa, e aínda máis lonxe.

Así e todo, cando Corina Porro ou Pedro Arias claman pola segregación en aulas especiais do alumnado galegofalante (ou sexa, pola derrogación do Estatuto) non caen na conta de que, a pesar da pervivencia das agresións contra este idioma, se dirixen a un país imaxinario. Agora aldeáns e pobres van ao colexio e a maoiría da rapazada aprendeu alí a valorar a lingua, tanto se a usan como se non.

Dentro do Partido Popular acóchase tamén a violencia herdada, a activa e a pasiva. A dereita galega responde a tres orixes: está por un lado a que se perpetuou na oligarquía enviada para gobernar o noso pais. En segundo lugar, a clase intermediaria, de xinea fidalga, despois burguesa ou de profesión liberal. O terceiro grupo -por unha sinxela operación aritmética, a inmensa maioría- fórmano quen seguen o cheiro da besta con poder porque imaxinan que obterán algo a cambio. Son clases medias e baixas.

Ameazando con expulsar o galego da escola, Núñez Feixó humíllase ao control da extrema dereita, desde a COPE á FAES. As manobras contra Raxoi (Mariano) lévano a contar a vitoria polos dedos e sóbralle, pensa el, o pulgar de astucia con que Fraga Iribarne esquivou a memoria histórica camuflándose con verniz galeguista.

O PP galego abraza insensatamente o que cre voto salvavidas, unha pista estreita, de dirección única e sen pactos posibles no horizonte. O sector maioritario do electorado, de todos os partidos (si, mesmo algúns do PP), porque o idioma non é patrimonio dos nacionalistas, pasmará vendo desfilar pola capital a Núñez Feixó coa AVT. Comparar a oficialización do galego aprobada co voto de Raxoi (tamén de Mariano) a un atentado terrorista ten aroma, para nós, familiar. O máis estarrecedor crime político que recorda Compostela acabou coa vida do seu alcalde, Ánxel Casal, entre outras cousas por editar páxinas en galego.

Na manifestación convocada o día 8 pola segregación nas aulas poderiamos cometer o erro infantil de regalarlles a portada que buscan. Creo que abondaría, por exemplo, a mostra silenciosa de carteis coa cara de moitas rapazas e rapaces: eses que na España constitucional son rexeitados de moitos traballos por falar galego. Polo demais, ninguén nos pode pedir que reaccionemos con intelixencia indefinidamente. Petar na porta da confrontación civil é un camiño sen retorno.

4,55/5 (87 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións