Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Democracia

10:45 02/03/2009

Sabiamos que estas eran unhas eleccións transcendentes. Decidiamos a caste de País que queremos ser, no que queremos vivir.

No mundo impera a imperfección. Igual que as persoas somos eminentemente imperfectos, así tamén os gobernos. Coas súas eivas e defectos, o último executivo galego representou o primeiro exercicio real de autogoberno da Galicia contemporánea e trouxo consigo a esperanza do cambio imprescindible e o obxectivo da construcción nacional. Nas eleccións do 1 de Marzo habiamos decidir se esa lexislatura 2005 – 2009 suporía un principio ou unha paréntese.
   
A campaña puxo de manifesto o brutal contraste entre as dúas concepcións confrontadas. O PP e mailo seu socio mediático resucitaron a difamación como mellor argumento para recuperar o sectarismo dirixente, é dicir, esa concepción propietaria e elitista do poder: “o poder perténcenos e ímolo recuperar con tódolos medios necesarios”. O PP galego importou como propias esas técnicas tan das preferencias do PP madrileño onde reina a espionaxe, a intriga e a corrupción. Feijoo adoptou ese “programa de goberno” que difundiu a través da prensa afín, esa nostálxica daquel tempo onde lle abondaba con difundir a propaganda fraguiana para subsistir. Velaí o modelo do PP: Galicia, sucursal acomplexada, terra disposta á manipulación.
   
Na outra banda, no outro extremo, nas antípodas, o BNG. O BNG ten as bases máis críticas das organizacións políticas coñecidas. Móvese nun nivel máximo de esixencia que atinxe tanto ó fondo como ás formas. O BNG simboliza coma ningunha outra forza as calidades dun pobo galego esforzado, constante, resolutivo e pragmático. Demostrou unha capacidade de planificación, deseño e execución de proxectos moi por riba do seu socio na Xunta e, por suposto, do PP dos dezaseis anos anteriores. Pero tamén simboliza unha das nosas eivas máis salientables: a escasa dedicación e acerto na comunicación. O pobo galego vende mal e así tamén o BNG. O BNG chegou á campaña cun modelo novo para o País, co orgullo dunha traxectoria de propostas transformadoras e cun plan para implantar durante a vindeira lexislatura. E con tales activos se presentou ante o electorado.
   
Eis os dous bandos, o pasado contra o futuro, a intriga contra o compromiso, a oligarquía contra o proxecto común, a submisión contra a autoconfianza, a intoxicación contra o esforzo, as sombras contra a luz. E no medio, o PSOE, ou Partido Socialista como queren chamarse agora. O PSOE e o seu estudo fotográfico, o PSOE e os seus carteis de fondo vermello, o PSOE e o seu castrapo indolente, o PSOE e o seu discurso ambivalente, o PSOE e os seus ministros, Zapatero o pouco máis. O “cambio tranquilo” que propugnaba Touriño acabou por durmir o seu partido.
   
Ata aquí escribira o sábado. O domingo falou Galicia. Fíxoo alto e claro, e decidiu a caste de País que quere ser. E eu quedei sen palabras.

4/5 (60 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións