Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)
 

Saapmi

Saapmi
    Noruega e Suecia son os dous únicos Estados europeos que recoñecen a existencia dun pobo indíxena dentro das súas fronteiras, aínda que os saami -máis coñecidos polo termo pexorativo “lapóns”- tamén habitan territorios actualmente fineses e rusos.

Os saami son o pobo orixinario do norte da península escandinava, entre os Estados noruegués, sueco e finés, e a península Guoladat en Rusia.

Calcúlase que na actualidade os seus habitantes non chegan aos 100 mil, máis da metade en territorio noruegués.

Aínda que non está claro se os saami son os poboadores máis antigos do norte de Escandinavia, si que se sabe que xa habitaban esas terras antes da chegada do cristianismo e dos pobos xermánicos.

O seu medio de subsistencia era o reno (na costa, tamén a pesca), o que os facía trasladarse continuamente á procura de pastos.

Á medida que a colonización dende o sur avanzaba e que se estabelecían fronteiras, aumentaban os seus problemas. En 1852, o Imperio tsarista prohibiu aos saami de Noruega entrar no seu territorio.

En 1848, o Parlamento noruegués aprobou un decreto que lles negaba calquera dereito de propiedade sobre as súas terras ancestrais.

Antes, no S.XVII, O Exército sueco impediu que os saami fuxisen cando estes foron obrigados polo Goberno do país a traballar nas minas.

En 1917 organízase o primeiro congreso nacional saami, mais non é até despois da II Guerra Mundial, que o pobo saami toma conciencia real como pobo.

Anulación identitaria
Até daquelas, estivo exposto a un proceso brutal de asimilación cultural e de anulación identitaria. Entre outras cousas, obrigóuselles a se asentaren en vilas e cidades e prohibiuse a lingua e os nomes saami.

Moitas familias abandonaron a cultura propia en favor das dos estados correspondentes. Porén, nos últimos anos o pobo saami reaxe con forza.

Noruega inaugurou o seu Parlamento Saami en 1989, mentres que Suecia fíxoo en 1993. En 1996, a Delegación para os Asuntos saami de Finlandia convertíase tamén en Parlamento Saami.

No mes de Nadal de 2008, aprobouse tamén a creación dun Parlamento Saami en Rusia.

En 1997, as tres cámaras existentes asinaron un documento conxunto en que reclamaban o recoñecemento do dereito á autodeterminación para o pobo saami.

Noruega e Suecia, mais non Finlandia e Rusia, recoñeceron plenamente os dereitos dos saami en 2007, cando a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos dos Pobos Indíxenas.

Menos de 50 mil falantes dos dialectos saami
O saami é un conxunto de variedades lingüísticas fragmentadas nunha ducia de variedades xeográficas case incomprensíbeis entre eles, agás entre as que son contiguas.

Esténdense ao longo dun inmenso territorio duns 300 mil quilómetros cadrados que abrangue o norte de Noruega, Suecia, Finlandia e Rusia até a Península Guoladat (Kol'skij poluostrov, en ruso).

A variedade máis falada é o chamado Saami do Norte (menos de 30 mil falantes), estendida polo norte de Noruega, Suecia e Finlandia. O Consello Saami, por exemplo, úsaa nas súas sesións.

En Rusia fálanse cinco variedades que en conxunto apenas chegan aos dous mil falantes.

O número en todo o territorio Saami rolda o 50% do total da poboación do grupo étnico (menos de 100 mil persoas).

O saami ten presenza no ensino e na administración, incluída a xustiza, nos Estados finés e noruegués. No sueco, ten un recoñecemento mínimo, e no ruso ignórase por completo.

Nos últimos tempos producíronse tamén protestas polo uso comercial indebido que se fai da cultura saami, por exemplo en Finlandia, con actores vestidos con traxes que imitan os tradicionais.

Datos básicos

  • NOME:
    Sápmi
  • XENTILICIO:
    Saamelaiset/pobo saapmi ou saami ("lapón" é un termo despectivo)
  • SUPERFICIE:
    669.564 km cadrados (est. de máximos)
    300 mil km cadrados (territorio lingüíst.)
  • POBOACIÓN:
    Menos de 100 mil
  • DIVISIÓN LINGÜÍSTICA:
    Åarjil, Upme, Bitthun, Julev, Davvi, Skolt, Ánár, Kildin e Ter (de sur a norte, e de oeste a leste)
  • CIDADES CAPITAIS:
    Kárášjohka, Aanar (institucionais), Guovdageaidnu (cultural)

Política e Economía

Novas relacionadas

Europa, Terra de Pobos

A dereita norueguesa exixe a abolición do Parlamento Saami

13:00 30/05/2009 - O Fremskrittspartiet argumenta que ningún grupo étnico, aínda que indíxena, debería ter privilexios sobre a terra ou de...


Ver Saami nun mapa máis grande

Lingua e Cultura

Fotos

Traxe saami Grupo saami a principios do S.XX / Autor: christopher.forster Escola nómade antiga / Autor: saamiblog Guovdageaidnu / Autor: csant Dúas xeracións saami / Autor: csant Mariñeiro saami, retrato de 1884 do príncipe Roland Bonaparte / Autor: saamiblog

Todas as fotos | RSS


Fontes e máis información:
Citizendium | Enciclopedia Galega Universal | Encyclopædia Britannica | Eurolang | Eurominority | Europeana | Linguamón | Món Divers | Unión Europea | Wikipedia