Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bases de participación no concurso de Fotografía e Vídeo Xuventude Galicia Net 2008

Vieiros préstache unha cámara para que amoses a túa mirada sobre o XGN 2008

O tema, a perspectiva, a brincadeira, a anécdota...o que ti queiras. A túa perspectiva persoal sobre a ciberfesta. Vieiros, que fará unha vez máis seguimento multimedia da actualidade de XGN 2008, convídate a participar no seu concurso de foto e vídeo.

Como ves ti o XGN 2008?

Desde Vieiros gustaríanos coñecer a túa ollada sobre a ciberfesta e para iso prestámosche unha cámara. Ofrécenos a túa visión e opta ademais aos Premios Vieiros XGN 2008.


Todo o que tes que facer é darte unha volta por Xuventude Galiza Net 2008 e realizar un vídeo e/ou sacar unha foto sobre o que aquí está pasando. O tema, a perspectiva, a brincadeira, a anécdota...o que ti queiras. Buscamos a túa mirada sobre XGN 2008.


As regras:

-Tes a túa propia cámara? Perfecto. Só tes que polo XGN 2008 e tirar algunhas imaxes ou gravar algún vídeo.

-Non tes cámara? Nós prestámoscha. Primeiro pasa polo stand de Vieiros en XGN 2008 na zona da Intranet. Se temos algunha cámara libre podes recollela no momento e se non, podes apuntarte na lista de agarda para que che deamos unha hora de recollida. Podes escoller entre vídeo e foto, ou participar nos dous aínda que non ao mesmo tempo, é dicir, non poderás levar ao mesmo tempo unha cámara de vídeo e unha de fotos.

O horario para recoller cámaras é: Venres de 17h a 22'30h da noite; Sábado, de 10h da mañá a 22'30h da noite; Domingo, de 10h a 12h.

-Tes unha hora de tempo para usar a cámara de fotos. Para a de vídeo dámosche hora e media. Só se fará un préstamo por persoa. Ademais, tes que descargar os arquivos no teu propio computador, e devolver no stand de Vieiros a cámara baleira e dentro do tempo acordado. Tanto para facer a reserva como para recoller os aparellos, terás que deixarnos os teus datos e o número de participante no XGN'08.

-Sexa coa túa propia cámara, cunha prestada por Vieiros ou coa dun amigo teu, unha vez que teñas lista a foto e o vídeo, para participar tes que facer o seguinte:

...a foto debes subila a Flickr (http://www.flickr.com/): ponlle o tag xgn2008
Nós recollerémola directamente da web.
...o vídeo súbeos ao Youtube ou a Google Vídeo: ponlle o tag vieirosXGN2008

Envíanos o link do teu traballo para que non nos pase desapercibido. O mail onde os recibimos: xgn@vieiros.com

-Todas as creacións irán sendo publicadas en Vieiros-XuventudeGalizaNet segundo as vaiades entregando.

-Os vídeos poderán subirse en bruto ou ben editados.

-No caso das fotos está prohibida a manipulación da imaxe con retoques complexos como por exemplo a composición en capas a partir de distintas imaxes. Só se permitirá reencadrar a imaxe, axustarlle o brillo, o contraste e a cor para garantir unha mellor calidade.

Os premios:
-Poderán enviarse traballos ao premio até o domingo ás 13 horas
-Haberá un premio único en cada categoría: foto e vídeo.
-O xurado estará integrado por Vieiros, a organización e un mozo ou moza que estea en XGN pero que non participase no concurso.
-A mellor fotografía a criterio do xurado recibirá unha cámara de fotografía dixital
-O mellor vídeo a criterio do xurado recibirá unha vídeocámara.
-O fallo do xurado será publicado en Vieiros o domingo ás 14 horas
-Os premiados recollerán as cámaras durante a entrega oficial de premios.


Podes seguir a actualidade de XGN '08 a través do especial de Vieiros http://www.vieiros.com/xgn08 e ver tamén como foi o seguimento da xuntanza XGN en 2007 http://www.vieiros.com/xgn07 en en 2006 http://vello.vieiros.com/especiais/xgn06/



Gañadores da edición 2007

Foto gañadora do concurso de fotografía Galicianet 2007 por Cybernary

Vídeo gañador do concurso de vídeo Galicianet 2007 por alexandergz