Vieiros

As linguas suman
Vieiros de meu Perfil


Olga Castro Vázquez

Unha constitución orfa (de nai e de fillas)

18:00 11/12/2008

O presidente do goberno español, xunto ao monarca e xefe do estado español, afirmaron o pasado 6 de decembro, con motivo do trixésimo aniversario da aprobación en referendo da Constitución, que non é prioritario reformar este documento, o cal ademais pode servir para trinta anos máis.

Eu, porén, sinto mágoa pola Constitución Española de 1978. A pobre está orfa. Orfa de nai, enténdase, porque pais ten ben deles. A algúns deses pais como Manuel Fraga, Gregorio Peces-Barba ou Miquel Roca puidemos velos até a saciedade días atrás, nas ducias de programas de conmemoración dos trinta anos da nosa orfa constitución. [Algúns deles mesmo teñen declarado publicamente que desconfían da boa saúde mental dunha crianza educada por unha familia de dous pais, e logo van e fan reunións de homes para enxendrar unha constitución. Que incongruencia!]. Obviamente, cando se convocou a comisión de expertos para traballar na redacción da carta magna non eran ‘moitas’ as mulleres que saíran á esfera pública, pero ‘algunhas’ si había con iguais ou máis méritos políticos a prol da loita democrática no estado español que algún dos seus finalmente pais, abofé. Mágoa de que naquela altura non houbese sistema de cotas!

Pero ademais de estar orfa de nai, a Constitución do estado español está orfa de fillas (se se me permite a expresión). Igual que o todopoderoso Deus fixo ao home á súa imaxe e semellanza, estes pais redactaron un documento desde un punto de vista androcéntrico, tomando ao home como medida de todas as cousas e preocupándose unicamente de que o texto representase ben os intereses dos seus fillos.

Por descontado que a Constitución podería ter tido nais que en realidade só se preocupasen dos seus fillos! O punto de vista androcéntrico e masculino é o que se considera ‘normal’ e natural, o que non se cuestiona e o que parece de sentido común a todas as persoas (mulleres e homes indistintamente) que non reflexionen desde un enfoque de xénero. Porque o enfoque de xénero consiste precisamente en ter en conta como todas as decisións e experiencias xeran necesidades específicas e teñen consecuencias diferentes para homes e mulleres, e en avaliar esas consecuencias para evitar que sexan sinónimo de desigualdade e discriminación contra as mulleres. Pois ben, a Constitución Española non ten por ningures enfoque de xénero, aínda que na actualidade diferentes instancias gobernamentais o adoptasen de forma transversal –polo menos formalmente–  despois de comprobar os perniciosos efectos da perspectiva androcéntrica. Razón suficiente para sospeitar que non valla para trinta anos máis...
 
Poderíase pensar de novo que o enfoque de xénero transversal é unha esixencia que facemos hoxe as e os millóns de feministas que (mesmo se en moitos caso renegamos de tal definición) queremos vivir en igualdade, pero que non se lle pode esixir a un documento redactado en 1978. Non obstante, a realidade é que houbo xa daquela quen si llo esixía, polo que agora tamén sospeito de que a Constitución non valese ‘tan ben’ como nos di durante estes trinta anos de vida que ten.

Campaña feminista contra a Constitución
Nos meses previos ao referendo, grupos de traballo feministas de todo o estado elaboraron propostas alternativas a algúns dos artigos, sobre todo aos referentes á familia, traballo e educación. Entre outras cousas, cuestionaron que a Constitución manifestase que os poderes públicos debían protexer ás familias de forma global, como un todo, sen analizar individualmente o acceso aos recursos de cada unha das persoas que a compoñen para corrixir así as desiguais relacións de poder que nela se da(ba)n. (Lembremos, por exemplo, que a feminización da pobreza a escala planetaria só se puido facer evidente desde que se deixou de concibir ás familias como un todo e se analizou o acceso as recursos das membras e membros que a compoñen). Aínda para quen defendese o desexo de vivir nun estado republicano, non pasaba desapercibido o agravio que supuña que a Constitución lle dese prioridade ao home no acceso á xefatura (monárquica) do estado, único asunto que a piques estivo de provocar unha reforma de urxencia cando a segunda preñez de Letizia e Felipe. As e os feministas tamén denunciaron que se lexitimase unha cooperación coa relixión católica secularmente misóxina, que aínda non recoñece o sacerdocio feminino e que goza do status de país dentro da ONU representado pola Cidade do Vaticano (o que alén de supor un agravio respecto a outras relixións con representación nas Nacións Unidas, tamén lle outorga un voto valioso para influír nas políticas públicas internacionais). Por mencionar só un aspecto máis, os grupos feministas denunciaron que a Constitución non se posicionase sobre o dereito ao divorcio ou ao aborto, o que desde o goberno se respondeu alegando que en breve se aprobaría lexislación posterior que o regulase e garantise.

Nun documental sobre o referendo do 6 de decembro de 1978 que tiven ocasión de ver en TVE-1 falaban homes mulleres das que foron votar, e unha das respostas máis recorrentes que lle daban á xornalista cando lles preguntaba “que é o que máis lle gusta da Constitución?” foi: “todo!”. Ora ben, a insistencia da xornalista por saber que era “todo” só se complementaba con “todo, porque es muy importante para los españoles”. Calquera quedaría coa impresión de que naquel momento histórico non houbo absolutamente ningunha voz discrepante, porque o que primaba era o ben colectivo de “todos”. E cando non se ten en conta o ben colectivo de “todos e todas”, por defecto “todos” non inclúe as necesidades das mulleres. Na súa activa campaña de denuncia (non reflectida na reportaxe televisiva) a plataforma de organizacións feministas de Madrid denunciaba algo que ten plenísima vixencia:
“Dísenos que teñamos paciencia. Dísenos que nestes momentos o máis importante é consolidar a democracia, e que unha vez consolidada, xa haberá tempo para todo. Durante os milleiros de anos que levamos agardando sempre houbo cousas máis importantes das que ocuparse que transformar as condicións de vida das mulleres. Pero xa aprendemos que non é a base de paciencia como se conseguen as cousas, senón a base de presións e mobilizacións colectivas”.

Non sei se a alguén lle queda a paciencia, despois de trinta anos, de seguir agardando por unha lei que garanta o dereito ao aborto no estado español. Para a lei actual o aborto é un delito só despenalizábel en tres supostos. Grazas ao lucro económico que soubo ver a sanidade privada neses ‘supostos’ (e sobre todo no suposto que considera á nai psicoloxicamente incompetente para a maternidade), á hora da verdade case calquera muller que teña cartos pode cometer ese delito e que non a penalicen. Pero non é diso do que se trata, senón de que o aborto sexa un dereito ao que calquera muller poida acceder a través da sanidade pública á que contribúe cos seus impostos. Nin máis nin menos que como xa era na II República española, grazas ao labor da dirixente anarquista catalá e ministra de Sanidade e Asuntos Sociais Federica Montseny.

Malia servir como directriz base para a convivencia democrática da cidadanía do estado español, cando aínda quedan dereitos básicos sen garantir, a Constitución nin valeu tanto como se nos di nestes seus xa trinta anos de vida, nin moito menos goza dunha boísima saúde como para valer para outros trinta anos máis.   

4,09/5 (22 votos)


Comentarios (11)

ecoe #1 11/Decembro/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Mágoa que a análise non chegue, tamén (!) a outros aspectos MOI DEFICIENTÍSIMOS, que a TODAS E TODOS AFECTAN, do que denominan o que non é, pois non houbo eleccións CONSTITUÍNTES (marco ideolóxicopolítico restrinxidísimo...) polo que non é constitucional, ou sexa unha constitución e non é qsue o diga eu (xuiz Navarro Esteban e outros constitucionalistas).

E en tantos outros aspectos que non me vou extender mais non entendo como, aínda extendéndose nos aspectos relativos ás mulleres e demáis, nin siquiera son mencionados.

Todos deberan ser tidos en conta, con só o asunto de xénero, apenas milloraría o que en esencia está corrupto e trucado.

Chousa #2 11/Decembro/2008 Chousa
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Disque non é prioritario debido a que non hai o "suficiente consenso" para darlle os retoques precisos.
Xa verás ti se a princesa quede preñada outra vez o rebumbio que se volve montar (e o verbo veume que nin pintado!).
E tes razón, tamén estimo que está sobrada de pais (e algún padrastro) e algo carente de nais, ainda que eu non lembraba a campaña feminista á que aludes.

Tarelo #3 11/Decembro/2008 Tarelo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Ademáis do que apunta Olga, penso que a constitución flatalle un enfoque popular. Non vexo normal que só participen na redacción os expertos. Non me gustan nada as cousa pensadas para o pobo sen contar co pobo

jeanettewinterson #4 11/Decembro/2008 jeanettewinterson
[Valora este comentario Positivo +5 Negativo]

Boísimo artigo que amosa claramente como as mulleres, aínda as máis loitadoras, estivemos e estamos moitas veces nunha situación de invisibilidade, ninguneadas, o nosos problemas non existen, non son importantes, son de segunda categoría fronte aos temas serios que preocupan aos homes.
Eu teño escoitado a mulleres que formaban parte do PC na época da transición (que semella foi a millor cousa que nos puido pasar a todas e todos, tanto a gaban. dicir que no partido as marxinaban, e que os homes fortes do PC tiñan ás mulleres facendo café na cociña mentres eles discutían de temas "supostamente importantes".
Hai moito machismo soterrado. Hoxe en día non é polìticamente correcto dicir que alguén é machista, pero o certo é que, por desgraza, aínda que se avanzaron chanzos en dereitos teóricos, non foi asì no práctico. Unha das peores cousas, penso eu, son as mulleres machistas. Non porque sexan peores ca os homes, senon porque moitas mulleres imos coa idea errada de que outra muller vainos apoiar, vai ser unha man amiga, e non é así. Estou falando de mulleres novas, profesionais, non digamos xa as outras, de máis anos. De que nos val ter mulleres diretivas nas empresas se logo estas van actuar cos mesmos criterios machistas que os homes, e van despedir mulleres embarazadas, por exemplo?. O que se combate é o machismo en xeral, penso. Os homes en xeral son machistas, moitas mulleres tamén, aìnda que penso que coa democracia se avanzou algo, queda aínda moito por facer. Non podemos pensar as mulleres que está todo feito porque vemos que a igualdade non é real, vémolo a cotío, nos medios de comunicación, nos traballos na rúa...As feministas dos 60-70 abríronnos as portas algo, pero queda moito polo que loitar, e non sei por qué, moitas mulleres "pasan" do tema, pensando que xa está todo conseguido.
Outra vez parabéns.

jeanettewinterson #5 11/Decembro/2008 jeanettewinterson
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Boísimo artigo que amosa claramente como as mulleres, aínda as máis loitadoras, estivemos e estamos moitas veces nunha situación de invisibilidade, ninguneadas, o nosos problemas non existen, non son importantes, son de segunda categoría fronte aos temas serios que preocupan aos homes.
Eu teño escoitado a mulleres que formaban parte do PC na época da transición (que semella foi a millor cousa que nos puido pasar a todas e todos, tanto a gaban. dicir que no partido as marxinaban, e que os homes fortes do PC tiñan ás mulleres facendo café na cociña mentres eles discutían de temas "supostamente importantes".
Hai moito machismo soterrado. Hoxe en día non é polìticamente correcto dicir que alguén é machista, pero o certo é que, por desgraza, aínda que se avanzaron chanzos en dereitos teóricos, non foi asì no práctico. Unha das peores cousas, penso eu, son as mulleres machistas. Non porque sexan peores ca os homes, senon porque moitas mulleres imos coa idea errada de que outra muller vainos apoiar, vai ser unha man amiga, e non é así. Estou falando de mulleres novas, profesionais, non digamos xa as outras, de máis anos. De que nos val ter mulleres diretivas nas empresas se logo estas van actuar cos mesmos criterios machistas que os homes, e van despedir mulleres embarazadas, por exemplo?. O que se combate é o machismo en xeral, penso. Os homes en xeral son machistas, moitas mulleres tamén, aìnda que penso que coa democracia se avanzou algo, queda aínda moito por facer. Non podemos pensar as mulleres que está todo feito porque vemos que a igualdade non é real, vémolo a cotío, nos medios de comunicación, nos traballos na rúa...As feministas dos 60-70 abríronnos as portas algo, pero queda moito polo que loitar, e non sei por qué, moitas mulleres "pasan" do tema, pensando que xa está todo conseguido.
Outra vez parabéns.

lavesedo #6 12/Decembro/2008 lavesedo
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

parabéns olga. moi bo artigo, unha reflexión precisa nestes tempos en que se fala de mudanzas.

mansdodemo #7 14/Decembro/2008 mansdodemo
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Existe na nosa sociedade,moitísimo "machismo" nos homes,e eu non sei se haberá máis na mente das mulleres.Se precisan con urxencia,mudanzas na Constitución española,para mellorar o que está estipulado,e arranxar ata o fondo, o "machismo" que aínda impera neste texto.
Moi ben Olga polo artigo.

ecoe #8 14/Decembro/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Na mesma raíz das consideracións de xénero estarían a maior DEMOCRATIZACIÓN, o DEREITO DE AUTODETERMINACIÓN DOS POBOS, a INDEPENDENCIA XUDICIAL (non que PPsoe e achegados nomeen o poder xudicial nin fiscal), e moitos outros importantísimos aspectos e dereitos (ademáis dos eliminados nos seus propios desenrolos normativos), a cúpula da primacía da Xustiza encarnada nunha constitución ordenativa dos poderes (todos por baixo do seu MANDATO), etc., etc.

punto #9 15/Decembro/2008 punto
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

chámame a atención que algúns comentarios destaquen o que "falta" no artigo de Castro, que obviamente non tiña como obxectivo falar de absolutamente todo o que se pode mellorar da constitución, e que non se faga o mesmo cando se tratan esoutros puntos en numerosos foros supostamente progresistas que ignoran totalmente as cuestións de xénero. precisamente por iso, polo pouco que se reflexiona e o moito que se invisibiliza a loita feminista da transición (e non só, pero para cinguírmonos ao caso) considero esta outra contribución brillante da autora para facernos reflexionar e seguir traballando cara un mundo máis xusto.

Fouce #10 17/Decembro/2008 Fouce
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Parabéns, Olga!

-Xavier #11 18/Decembro/2008 -Xavier
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Parabéns à Olga polo acertado e assisado artigo. A mim também me chama a atenção que quando se fale nos defeitos de qualquer cousa num sentido feminista, haja quem se ponha a dizer que há outras cousas mais importantes. Noutra ordem de cousas, seria como dizer que é mais importante a vida dos seres humanos do que a aposta pola defesa das línguas em perigo e por esse motivo não merece a pena defender a vida das línguas. O curioso é que tal argumento amiúde o que esconde é o interesse por silenciar determinadas demandas, como acontece com a luta ecologista, e tantas outras. Mas nem a luta ecologista nem a feminista nem a preservação da variedade linguística planetária entram em confronto com a vida humana ou a mellora do bem-estar dos seres humanos. Tudo o contrário. Aquilo que nos faz seres humanos é a nossa preocupação pola vida, e polo bem-estar da vida que somos, num âmbito ou noutro. E a mulher, como o homem, como as línguas, como a ecologia são um tudo, parte do processo íntegro e global que chamamos vida. Há pessoas que lutam num determinado âmbito, como na vida laboral há pessoas que fazem sapatos e pessoas que tomam conta das pessoas doentes, pessoas que descobrem a cura de determinadas doenças e pessoas que simplesmente pescam o peixe no mar. Mas cada trabalho, como cada pessoa, como cada luta pola melhora das condições de vida humana, fazem sentido em si mesmas.

Reitero os meus parabéns e espero vir a ler novas reflexões da Olga neste espaço de ar fresco informativo chamado VIEIROS.

Saúde e reflexão.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Olga Castro

Naceu en Lugo en 1980. É licenciada en Ciencias da Comunicación pola USC e en Tradución e Interpretación pola Uvigo, onde prepara a súa tese de doutoramento sobre tradución, linguaxe e xénero. »



Anteriores...