Moitas veces confundimos conceptos. A influencia que exercen os poderes públicos e a meirande parte dos medios de comunicación sobre a concepción dos galegos no exterior é moito maior do que moitas veces nos paramos á pensar. Cando pronuncia alguén as palabras "emigrante","emigrar" ou "Galiza exterior" o imaxinario colectivo dos residentes no país tende á recordar tan só dous aspectos (negativos): a fraude que representan as eleccións nas que participan os inscritos no CERA e, por outro lado, as imaxes en branco e negro de xente antes de embarcar na aventura de marchar da terra nai. Dos procesos democráticos no exterior teño pouco que dicir; apoio a mellora da calidade do voto no exterior, mais penso que, moitas veces, hai un déficit de información por culpa dos propios políticos e do pouco vencellamento con Galiza con algúns dos netos de galegos que aínda conservan dereito a voto. Mais iso, por moito que se teorice, son cuestións políticas. A onde quero chegar eu é ao outro tema; á iconografía (aínda perdurable) sobre a Galiza exterior.
Todos coñecemos a foto que Manuel Ferrol lle fixo a Manuel Ángel Calo Marcote (coñecido como O Jurjo) no porto da Coruña, mentres vía como despedían del a súa nai e mais dúas irmás (que ían camiño de Bos Aires). Ao seu lado, tiña abrazado a el ao seu fillo Xoán, de 6 anos, que está á chorar coa mesma intensidade que O Jurjo. Dende o punto de vista fotográfico, a foto é ben representativa da realidade do momento; dunha emigración forzada polas circunstancias, polas dificultades pra saír adiante. Chegados ata aquí, non habería ningún tipo de problema.
As consecuencias desta imaxe (e de todo o que comporta, evidentemente), a día de hoxe, son devastadoras (aínda sabéndome eu un devoto da arte fotográfica e máis desta fotografía en concreto). Son devastadoras, repito, porque á xente de Galiza xa non se lle ocorre pensar nos emigrantes como alguén que vive noutro sitio, conservando a súa identidade e espallándoa polo mundo, senón que os consideran simplemente como un residuo histórico de tempos peores. É por iso que compre espallar a idea de diáspora. A diáspora, sería, esa xente galega, de orixe, devoción ou nacemento que, estando espallada por todo o mundo, transmite esa mensaxe, esas raíces, ese amor, esa morriña e tantas outras cousas e sentimentos aos que alí o rodean. Galiza, por tanto, vive alí onde vive un galego. Había quen decía que, en Barcelona, onde eu resido, podíase vivir única e exclusivamente en galego. E, a verdade, eu non llo nego, mais eu non optarei por esa opción. Sempre emocionan eses ollos extrañados dalgún catalán que che pregunta pola túa condición, polo teu país; polo teu. ¿Se naciches en Esplugues de Llobregat como vas ser galego?¿Falas galego na casa?¿Existe unha ortografía, sintaxe e diccionario en galego?¿Cómo que fas radio en galego en Barcelona?. E de feito, contarlles todo isto é contarlle unha historia de vida; un proceso decisorio, vital (onde tamén está o momento de marchar da terra , mais non o é todo) e, sobre todo, consciente da identidade persoal con respecto ao colectivo. En conclusión, emigrantes son aqueles que marcharon e só gardan sentimentos negativos no seu interior, moitas veces movidos pola morriña, pero que nunca se adaptaron ao paso dos anos. A diáspora somos aqueles que, aínda que tivemos que marchar, construimos Galiza ali onde vamos; sen caer na construcción de ghetos, mesturándonos e enriquecéndonos do que vemos alén das nosas fronteiras. Desta forma, temos a difícil misión pedagóxica de facerlles saber a cataláns, arxentinos, españois, franceses etc que somos galegos. Mais, desafortunadamente, tamén llo temos que explicar á meirande parte dos galegos.Parabéns, Sílvio, parabéns.
Somos emigrantes, caralho se somos, que bem nos cuspiram da terra. E somos Galiza ainda que nos neguem e lhes sejamos complexos de integrar para definirem tanto uma Galiza espanhola como uma Galiza provincialista.
Continuamos a ser parte fundamental da identidade que os galegos queremos para Galiza. Parte capital no seu discurso identitário. Discurso que construímos e entendemos melhor do que ninguém ao enfrontar com o nosso fundo mais galego às novas realidades com que topamos.
Saúde,
Ernesto Vázquez
¡Moi ben o comentario! Aproveitar este tempo entre eleccións para tratar, intensamente, o tema de emigración-inmigración. Sen misturar sempre o tema dos votos.
Hai centos (¿ou miles?)de emigrantes galegos retornados que necesitan moita atención dos seus. E non subsidios, digo. Atención. Atención dos Concellos, da Xunta e das Asociacións
Parabéns Silviño. Moi bo artigo, achegas unha visión da emigración moi interesante.
Un saúdo de "Moncho V." de TG
Concordo contigo, Silvio, porque a meirande parte desses problemoas vivoos tal como ti...a imagem da emigraçom é máis negativa na Galiza que no exterior. Muitas vezes son os/as galegos/as quen ponhem "mares por medio", se bem, coido que co tempo, concordarás comigo, medra a diáspora e decrece a emigraçom..isso si vaiamos onde vaiamos adaptemonos pero Vivamos coma galegos!..parabéns polo artigo
GALICIA SOMOS NÓS,
A XENTE E MÁIS A FALA.
SE BUSCAS A GALICIA
EN TI TES QUE ATOPALA.
Manuel María
Con estes versos do noso poeta nacional queda todo dito, todo explicado, no lle busquemos os tres pés ao gato.
Galiza somos nós O POVO GALEGO DONDE QUEIRA QUE SE ATOPE.
Parabens Silvinho polo artigo. É umha ledicia poder ler-te depois de moito tempo sen falar contigo e os outros.
Eu tivem algo de sorte porque em Barakaldo ha moito galego ;)
Apertas do teu velho companheiro Carlos Breogan
Moi ben SILVIO.Coido que en VIEIROS o tema nacional da DIÁSPORA-EMIGRACIÓN comeza a ter espazo xa que tamén colabora Suárez Suárez que é un especialista. Os nosos son nosos en Barcelona e en Bos Aires pero aínda os emigrantes son menos nosos porque non teñen os mesmo dereitos. A reforma da lei electoral actual ---se o BNG axuda cos seus votos ao presidente Zapatero--- pode ser unha realidade nesta lexislatura. Pero nós temos por diante o desafía das AUTONÓMICAS que poidan sexan adiantadas e poida que novamente se repitan os trapicheos cos votos por correo (sería lamentable). Se o BNG non suma os seus deputados en Madrid ao PSOE poucas posibilidades vexo de que as vindeiras eleccións sexan como é debido: votando en urna.
Son emigrante retornado, precisamente de Cataluña. Son consciente plenamente do que desde alí se achega para construción de Galiza. Non deixedes nunca de traballar desde esa diáspora que tanto honra o sentimento nacional, aínda que os de aquí non lle dean o valor que merecedes (sei que non esperades recompensa porque é un sentimento espontáneo, e iso só se paga con sentimentos recíprocos).
Moitos de nós, os retornados, acabamos máis preocupados por sobrevivir que por outros temas moito menos accesorios, como por exemplo se a normativa do galego debe ser esta ou estoutra. Tamén nos preocupa darlle un sentido aos nosos esforzos, como por exemplo que os nosos fillos poidan atopar un futuro na terra que amamos.
A colonia galega en Cataluña é un exemplo de como o noso pobo é capaz de sobrepoñerse a complexos de inferioridade e diversas derramas históricas. Son consciente que o noso minifundismo ontolóxico tamén fixo estragos nas comunidades galegas de Cataluña, pero dous factores moi importantes xogan a favor desta desta diáspora mediterránea: unha, a conxunción de intereses entre os nosos países dentro do marco estatal, e outra, o gran nivel cultural e intelectual dos fillos e fillas dos nosos emigrantes natos, así como os de moitos mozos e mozas que emigraron nas últimas décadas a Barcelona principalmente.
A nación galega non se pode entender se nos cinximos ás fronteiras do país. A nación galega bule nos cinco continentes e sería imprescindible que os políticos abandonasen por fin a demagoxia neste asunto. O obxectivo é claro: o voto emigrante debe ser tan transparente e tan libre como o do propio territorio, pero ollo con certas interpretacións que se fan desde o nacionalismo: si perfeccionar e democratizar o voto emigrante, pero non negalo ou atrancalo, porque se non estamos negando a nosa propia identidade nacional e sentimental.
As vantaxes de termos unha diáspora viva e vinculada ao país son moito máis importantes que os inconvenientes conxunturais para os partidos políticos. Até o momento, os partidos con poder estatal só estiveron a muxir na canteira dos votos emigrantes. Pola súa parte, os nacionalistas non deberían caer na trampa tacticista de mermar os dereitos da diáspora (emigrantes e descendentes) con miras a normalizar as súas bases electorais. O obxectivo debería ser, ademais de exixir a máxima lexitimidade e limpeza dese voto, introducirse sen complexos neses tecidos sociais que representan a nosa diáspora. E teñen xente para facelo, e xente consciente desta realidade, pero... como ti ben dis aínda hai quen "os consideran simplemente como un residuo histórico de tempos peores". E iso, no século da globalización é unha idea obsoleta, inxusta e indigna.
Así pois, Silvio e compañía, irmáns, Queda moito por facer... Pero estou seguro de que está en boas mans. Parabéns polo teu artigo.
Naceu en 1989, en Esplugues de Llobregat (Barcelona). Estuda Ciencias Políticas e da Administración na Universitat de Barcelona. É Responsábel Local de Galiza Nova Barcelona e dirixe o programa de radio de ERGAC (Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya) "Barcelona Atlàntica", en Ràdio Trinitat Vella. Está vencellado a outros movementos do tecido asociativo galego en Catalunya como pode ser o Foro Civico Galego de Barcelona e Rede.cat. No ámbito literario foi finalista do X Premi de Redacció Breu Joan Santamaria. Tamén ten un blog. »