Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Olga Castro Vázquez

O sexismo na lingua

10:45 19/04/2008

De virus, sexismo, linguaxe e motores (II)

Lin hai uns días en El País un suxestivo artigo e lembrei que teño pendente falar de linguaxe e motores, a segunda parte da miña anterior achega sobre virus e sexismo. Do dito até agora, parto de que o sexismo é todo aquilo que exalta os logros dun só sexo, subordinando e invisibilizando os do outro sexo. E iso aplícoo á linguaxe. Hoxe, no canto de argumentar, vou contraargumentar. Áchoo máis proveitoso.

GRUPO 1): “A linguaxe non é sexista, sexista é a actitude das persoas que a falan”

Certo que é o comportamento lingüístico das persoas o que provoca o sexismo en frases do tipo “os directivos poden acudir acompañados das súas mulleres” cando na empresa tamén hai (un 40%?) de directivas, porque se debe a escollas lingüísticas. Habendo outras, escoller esta opción é unha actitude sexista porque: 1) invisibiliza as directivas (o suposto masculino xenérico non é en realidade xenérico, como explicarei no vindeiro artigo); 2) pero aínda pasando por alto esta consideración, o que parece claro é que a palabra mulleres non é xenérica e non inclúe a homes (igual que homes non inclúe a mulleres!, e daquela frases como ‘o home é a causa do cambio climático’ son incorrectas, pois as mulleres tamén reclamamos a nosa parte de responsabilidade); e 3) unha actitude non sexista faría ver que a linguaxe ten moitos recursos para incluír na frase tamén aos compañeiros daquelas directivas que non sexan lesbianas (ex/. cónxuxes, parellas).

Pero é falso que só sexa sexista a actitude das persoas e non a lingua en si. Esta falsidade é obvia cando se consulta o dicionario e se descobre que nel non hai bombeiras nin albanelas, aínda que si hai modistos malia que a terminación –ista é neutra en galego (palabro introducido para diferenciar a ‘alta costura’ das modistas remendonas); é obvia cando se descobre que a suposta regra da orde alfabética pola que se rexen os dicionarios é unha falacia (do contrario, non se entende que existan entradas como neno/-a); e é obvia tamén cando se descobre que o masculino sexa considerado o xenérico (inmediatamente despois da creación das academias da lingua) e rexa a concordancia en frases do tipo “un millón de mulleres e un rato camiñaron xuntos pola manifestación”. Téñase ou non actitude sexista como falante, estas son escollas ‘obrigadas’ na propia lingua.

Daquela, hai tipos de sexismo que teñen máis que ver coa actitude e comportamento de quen usa a lingua, pero tamén hai outro sexismo inherentes á linguaxe e ás regras lingüísticas propiamente ditas.

GRUPO 2): “A linguaxe non é sexista, é sexista a sociedade”

Hai quen din (como o autor deste artigo) que a linguaxe non é sexista, senón que sexista é a sociedade, e a lingua simplemente reflicte esa sociedade/realidade. Isto, en principio, é un paradoxo, porque se a sociedade é sexista e a lingua reflicte iso, pois por lóxica a lingua tamén é sexista. Por outra parte, neste mesmo artigo explícase que non é a linguaxe a que cambia a realidade, senón a realidade a que muda a linguaxe. Pois velaquí outro paradoxo, porque malia aos cambios sociais que vai habendo, a linguaxe é lenta de máis en ir mudando... (‘albanela’, ‘tenenta de alcalde’ ou ‘tenenta de alcaldesa’ son un claro exemplo aquí).

En resumo, quen defenden que sexista é a sociedade e a linguaxe só o reflicte, afirman que o necesario é darlle importancia ás desigualdades salariais, teitos de cristal e violencias machistas varias, e deixarse de lerias e de absurdos e gratuítos artificios lingüísticos.

GRUPO 3): “A linguaxe é sexista porque reflicte unha sociedade que tamén é sexista; pero a linguaxe non inflúe na construción da sociedade”

Quen así opinan, malia veren o sexismo na lingua, acaban sostendo en realidade que a linguaxe non contribúe á nosa visión da realidade, senón que tan só a reflicte. Coma se a sociedade existise á marxe da linguaxe! Entón, pregunto en voz alta, por que é tan importante que non morra a lingua galega? Por que é fundamental activar políticas de planificación lingüística para fomentar o uso do galego? Seica non se di unha e outra vez (e acabámolo crendo, eu a primeira) que a lingua(xe) é a cosmovisión dun grupo de falantes? Por que vexo pintadas decote que anuncian que “CANDO MORRE UNHA LINGUA, MORRE UN POBO”? Por que aquí si se recoñece unha relación bidireccional lingua/sociedade que se nega cando toca falar de sexismo? Porque a unha podería darlle por proclamar “deixemos que morra o galego, porque seguiremos sendo galegos aínda sen lingua!”, igual que outros berran agora “deixemos que morra a linguaxe non sexista (enténdase, non lle deixemos nacer), porque poderemos ser unha sociedade non sexista aínda cunha linguaxe sexista!” Non si?


Se a linguaxe só é sexista porque reflicte a realidade (tamén sexista), quen se suma ao grupo 3 concorda co grupo 2 en que non valería de nada reformar a linguaxe, pois iso non contribuiría para nada a cambiar a situación de sexismo social, xa que tanto ten como se digan as cousas: tanto tería dicir “loitadores pola liberdade do seu pobo” como “terroristas asasinos”; “cliente de prostíbulo” como “prostituidor”, ou “García fixo os deberes” como “María García fixo os deberes”; tanto tería que o digamos dun ou doutro xeito, porque seica a reconstrución que nas nosas mentes fagamos destes signos lingüísticos é a mesma (?). Pero... daquela, por que será logo que os hospitais (privados) cada vez máis substitúen o termo “pacientes” polo de “usuarios” ou “clientes” nas súas campañas publicitarias?

En definitiva, quen sosteñen que a linguaxe ‘só’ reflicte a sociedade (grupos 2 e 3), teñen unha visión ben simplista e reducionista do tema, e unha visión ignorante tamén dos complexos entramados e interdependencias que existen entre a lingua e a categorización da realidade. Soster que a linguaxe ‘só’ reflicte a realidade esixiría entón que de forma automática, a medida que a sociedade/realidade vai deixando de ser sexista nalgúns eidos (porque avances si vai habendo) a linguaxe tería que ir deixando de selo tamén, como apuntei máis arriba.

4) GRUPO 4 (AO QUE ME ADHIRO): “A linguaxe (sexista) non só reflicte a realidade social (sexista), senón que tamén contribúe a creala, construíla, formala”

Ademais de que a linguaxe si reflicta (en certa medida) a sociedade, non podemos obviar que a linguaxe é un importantísimo vehículo de socialización; nin podemos obviar tampouco que a linguaxe desempeña un papel moi importante na categorización da realidade e, en consecuencia, tamén na formación das identidades e das subxectividades de cada persoa e colectivo humano; nin podemos obviar tampouco as achegas das disciplinas que relacionan o discurso e identidade a través da lingua; nin podemos obviar, por último, a existencia dunha importante área de coñecemento na Lingüística denominada Lingüística Crítica (ou Análise Crítica do Discurso) que estuda a influencia que exerce a lingua (a través dos discursos ideolóxicos) na construción da realidade. Aos nomes de Fowler, Fairclough, Wodak, Meyer, Guilbert únese tamén con contundencia o de van Dijk, ou o de canónicos doutras disciplinas como Vigotsky e o seu libro “Pensamento e linguaxe, Wittgenstein ou mesmo Sapir e Whorf. (Por certo, tralo apelido Wodak agóchase Ruth Wodak).


Ben, damos por feito que non obviamos nada do anterior. Entre outras cousas, porque como pobo galego con lingua de noso, todas estas teorías resúltanos moi útiles para a causa nacional/ista (aplíquese, de novo, a máxima de que “cando morre unha lingua morre un pobo”). O problema é que cando a estas teorías científicas se lles aplica a perspectiva de xénero, daquela COMEZAN A CUESTIONARSE. E por que? Pois porque hai un desprezo cara ás teorías feministas, (si, esas que loitan pola igualdade entre mulleres e homes); porque hai un cuestionamento permanente dos seus conceptos e das súas categorías de análise coma se se tratase dunha cuestión de opinión e non de pensamento crítico argumentado; e porque dicir dende unha perspectiva de xénero que a linguaxe (sexista) ten un papel esencial na formación das identidades e das subxectividades de cada persoa, acaba explicando que moitas e moitos vivamos nesa alienación que nos fai vivir comodamente coa linguaxe sexista. Como non sentirnos cómodas coa linguaxe sexista, se é a única que coñecemos? (Confeso que tamén estaba cómoda eu vivindo nun sétimo piso sen ascensor, até que descubrín a felicidade de mudarme a un primeiro e non ter que subir aquelas escaleiras coas bolsas do súper). Así que ver o sexismo na linguaxe non depende do sexo de cadaquén, e por iso resultan bastante improcedentes afirmacións do tipo “como muller non me sinto discriminada pola linguaxe”. Pois pode ser, pero que culpa temos o resto de homes e mulleres que si vemos como a lingua exclúe a unhas (case sempre) e a outros (nalgunhas -poucas- ocasións)? Que culpa temos o resto de que haxa persoas que vivan alienadas? Que culpa temos de que esta alienación lles faga seguir a lóxica das máis sutís concepcións patriarcais (tan sutís que, como dixen no artigo anterior, para isto aínda non hai vacina que valla con eficacia probada)?

De feito, na historia temos abondos exemplos desta alienación: a da comunidade negra cando durante séculos vía como ‘normal’ vivir explotada pola branca; a das escravas e escravos cando consideraban lei de vida servir aos amos (e este non é masculino xenérico); e tamén a das mulleres, durante séculos, cando non reclamábamos o dereito á educación ou ao traballo remunerado porque simplemente non nos parecían propios para as mulleres (a ignorancia, como estratexia do poder patriarcal para manter a súa supremacía e tiranía).


Reforma lingüística e social
Aplicar a perspectiva de xénero ás achegas da lingüística dá lugar á Lingüística Feminista, e esta é unha consolidadísima área de coñecemento con case medio século de vida, e con autoras e autores como Mills, Pauwels, Cameron, Coates, Bussmann, Hellinger, Kotthoff ou Violi a nivel internacional, e Lledó Cunill, Forgas, Calero, Alario, Vargas ou Bengoechea, a nivel estatal. Partindo da Lingüística Crítica, a Lingüística Feminista pon en evidencia a forte relación entre a categoría lingüística de xénero e a categoría biolóxica de sexo (porque aínda que en galego todas as palabras teñen xénero gramatical, cando o referente son persoas ese xénero gramatical coincide sempre co sexo do referente, agás en moi contadas ocasións como son os epicenos – p. ex. a vítima, o membro, o bebé, a persoa). E pon en evidencia tamén a estreita relación que existe entre a discriminación lingüística e a realidade social. Daquela, a opresión das mulleres non existe só na violencia física, nos teitos de cristal ou na desigualdade salarial, senón que existe tamén nas auténticas bases do logos e do razoamento, nos sutís procedementos lingüísticos e lóxicos a través dos cales se produce o significado. Dado este complexo papel da linguaxe na construción da realidade, reformar a linguaxe non é un absurdo artificio lingüístico, senón unha vía para facernos pensar no que dicimos e como o dicimos, e así poder desaprender modos patriarcais de pensamento anquilosados no imaxinario colectivo que día a día alimenta o patriarcado.

Non se trata de cambiar a linguaxe polo simple feito de facelo, nin sequera porque andar a amolar na xente cause divertimento. Ao contrario, do que se trata é de cambiar a linguaxe para facer unha representación máis igualitaria da realidade que conduza a unha categorización tamén máis igualitaria nos modos de pensamento. Xa que a lingua reflicte a realidade, a reforma lingüística tórnase nun complemento necesario da reforma social para reflectir na lingua os cambios que se van producindo na sociedade; pero, xa que ao mesmo tempo a lingua tamén contribúe a construír a nosa visión da realidade, a reforma lingüística é un xeito importante (por suposto non o único) de camiñar cara á reforma social que nos leve a unha sociedade en igualdade. Só podo, para rematar, aconsellar unha intervención (a quen lea en castelán) de Mercedes Bengoechea, decana da Facultade de Filosofía e Letras da UAH, na que responde moito mellor do que eu puidera chegar a facelo á pregunta de ¿Por qué es tan importante utilizar un lenguaje no sexista para lograr la igualdad?

Quedan moitas cousas aínda pendentes pero o artigo é xa longo abondo, así que gárdoas para a próxima. Pero aí vai un adianto: de onde xorde e como é o sexismo lingüístico no galego, como pode ser o galego non sexista (superando todas cantas ridiculeces se din da linguaxe non sexista en forma de críticas absurdas e insostíbeis, pero por veces moi graciosas), e que é iso, en realidade, do politicamente correcto. Seguimos.

3.97/5 (58 votos)



Olga Castro

Naceu en Lugo en 1980. É licenciada en Ciencias da Comunicación pola USC e en Tradución e Interpretación pola Uvigo, onde prepara a súa tese de doutoramento sobre tradución, linguaxe e xénero. »



Anteriores...