Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Antonio Oca

O ministerio esquece as singularidades das explotacións leiteiras galegas

13:30 13/11/2009

Sobre o plano estratéxico proposto polo Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Marino para o sector lácteo español cara ao 2015.

O Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Marino (MARM) propón un plano para que o sector lácteo español poda facerlle fronte ao novo cenario que se proxecta  desde Bruxelas. Nese ano a Comisión da Unión Europea afirma que o actual sistema de cotas e as axudas da Organización Común de Mercado (OCM) do leite e produtos lácteos, hoxe vixente, desaparezan  para dar paso a un sector cada vez mais desregularizado…. Se Francia non o remedia…..

Este plano desenvólvese sobre cinco eixes de actuación, sendo o primeiro: “Reestruturación del sector” que ten como obxectivo único “El redimensionamiento de las explotaciones productoras de leche”, onde  as propostas presentadas polo MARM, teñen unhas serias carencias, xa que non contemplan as singularidades das explotacións leiteiras galegas.
As ferramentas que propón para acadar este obxectivo están baseadas exclusivamente en xestionar de forma distinta o sistema de cotas hoxe vixente, caendo entre outras contradicións, en coidar que a dimensión dunha explotación leiteira mídese unicamente pola cantidade de litros que produce, e como consecuencia, pola cota que ten asignada. Sendo este indicador moi importante, é necesario para ser competitivos nun mercado cada vez mais globalizado, poder producir leite a baixo custe.

Cando se afirma en recentes estudos que Galiza conta con moitas comarcas de clara vocación de produción de leite, non se están a referir a este indicador, que parece ter os anos contados. Refírense ás comarcas leiteiras que polas condicións climáticas e tipos de solo permiten producións forraxeiras, sen necesidade de rega, que só se dan na nosa terra e na Cornixa Cantábrica.

Sendo isto certo, todo indica que para aproveitar esta avantaxe comparativa é necesario que exista coherencia entre a cantidade de litros producidos e a cantidade de terra (SAU) dedicada a producir alimentos en cantidade e calidade , para minimizar os custes de alimentación do rabaño leiteiro que representan o 50% dos custes de produción.
A evolución do sector lácteo galego na última década pode sintetizarse en que en 1.996 se dispoñía dunha cota de 1´6 millóns de toneladas, repartida entre 45.000 explotacións e actualmente tan só 14.000 explotacións dispoñen de 2´2 millóns de toneladas de cota asignada. Os sistemas de produción de leite desenvolvéronse tecnicamente en todos os factores de produción, agás na base territorial(SAU) das mesmas.

A explotación media do conxunto que produce máis do 70% do leite galego nos últimos 20 anos pasou de 11 a 35 vacas, que  produciron, no ano 2008, 8 mil litros por vaca e lactación, fronte aos 3.700 litros do ano 1988. A maioría das explotacións conta cunha carga gandeira maior de 2 Vacas/Ha de SAU, o que lles impide acceder ás axudas do contrato de explotacións sostíbeis vixente no Plano de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galiza (0,03€/litro) e depender dos pensos elaborados con materias primas, cereais e leguminosas, que  se producen fora da explotación e de Galiza, e que acadaron unha grande suba no seu prezo a partir de 2007.

Para redimensionar a maioría das explotacións leiteiras galegas parece necesario que se incremente a dotación do fondo lácteo proposto neste Plano Estratéxico pasando dos actuais 50 millóns de € ata  os 140, como expuña o anterior goberno da Xunta. Esta dotación estatal fomentaría as distintas iniciativas das CC.AA. entre elas as  de Asturias e Galiza, formuladas nos seus Bancos de Terras, favorecendo con axudas especiais  a posta en produción de terras hoxe abandonadas. Unha normativa estatal que contemple esta necesidade especifica, permitirá aumentar a SAU das explotacións leiteiras galegas, converténdose así na reforma estrutural de mais calado, e que sempre fica aprazada.

Tampouco se contempla neste Plano Estratéxico o caso singular das explotacións leiteiras galegas que investiron moitos cartos na compra de cota. A cota considerábase un valor inventariábel do activo da explotación que deixará de ter valor a partir da reforma da Política Agraria Común (PAC) prevista para o ano 2013. Para poder competir en pé de igualdade coas explotacións que non tiveron este problema, porque o Estado asignoulles máis cota da que son capaces de producir, debería establecerse un fondo estatal, que reparara esta discriminación histórica, permitindo préstamos sen xuros a longo prazo que axuden a paliar a descapitalización das explotacións que teñen este problema.

Se en Galiza se asentan mais da metade das explotacións leiteiras do Estado e preto do 40 % da produción, ben merece que as súas “particularidades”sexan tidas en conta cando se lexisla desde o Goberno do Estado.

4,85/5 (34 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



É Enxeñeiro Técnico Agrícola e axente de extensión agraria desde 1967. Foi director xeral de Producións, Industrias e Calidade Agroalimentaria (2005-2009). »



Anteriores...