Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Diego E. Barros

O realismo faino imposible

19:01 20/01/2010

A última vez que estiven en Chicago era xullo e a cidade aínda vivía o seu idilio cun Barack Obama de recén estreada presidencia. Na Avenida Michigan, principal arteria da cidade, aínda colgaban das farolas os carteis do afroamericano que, coa mirada perdida no infinito, deron a volta o mundo até converterse noutra icona pop á altura da faciana ensoñadora do Che e o mesmo Xesucristo. Hoxe cúmprese un ano desde que Obama prometera o seu cargo aos pés do Capitolio e eses carteis xa non están nas rúas aínda que seguen a ser reclamo turístico da Cidade do Vento. Por iso cómpre recapitular en que quedou o si podemos co que devolveu a esperanza a medio mundo até o punto de ofuscar entendementos de dirixentes políticos internacionais que mesmo quixeron advertirnos dun próximo acontecemento planetario. Logo do aciago paréntese protagonizado pola Administración Bush Jr, un xa podía agardar por calquera cousa. Até un premio Nobel da Paz preventivo que non fixo senón lembrarnos que os galardóns suecos distan moitos de estar libres de pecado. Henry Kissinger diante.

Dúas cousas quedan claras. Que a botella podémola ver medio chea ou medio vacía, segundo as sensibilidades. E que a onda de cambio que animaba a ser realistas e pedir o imposible quedou diluida doce meses despois do seu xuramento como 44º presidente dos Estados Unidos de América. Obama prometeu voltar ao multilateralismo maldito pola Administración precedente. El mesmo falou dun “novo comezo” no seu xa célebre discuro do Cairo. Tanto que até facía crer posible unha paz duradeira en Oriente Próximo e unha nova fase na loita contra o terrorismo. Meses despois nada se moveu nos Territorios Ocupados máis aló de que a secretaria de Estado Hillary Clinton deu recentemente o seu visto bo a novos asentamentos ilegais israelís. Os servizos de intelixencia de medio mundo seguen a cometer os mesmos erros que fixeron posible o 11-S. Vímolo no fallido atentado de Detroit hai un mes. O recoñecemento de erros non fixo que a defensa contra o fanatismo vaia máis aló de perpetuar a práctica de recortar a liberdade a prol dunha seguridade que converte en sospeitoso ó cidadán coa instalación de escáneres corporais de dubidosa legalidade. Guantánamo, a súa primeira pedra de toque, segue sen pecharse. E Afganistán, a guerra que provocou todo, segue a supurar e ameaza con converterse na gangrena que arrastrará toda a lexislatura. No entanto, a súa decisión de enviar 30.000 soldados máis era a súa única saída despois de moito escoitar. Algo melloramos, polo menos. O problema de pedir o imposible é que, ao final, sempre se impón o realismo e EEUU non pode deixar a tortilla sen facer por moito que os ovos cheiren xa acedo. O multilateralismo prometido volveu quedar no ar na última cumbre climática de Copenhague onde Obama constatou que o futuro é cousa de dous. EEUU e China. E agora, en Haití, EEUU xa advertíu de que os seus 10.000 marines só recibirán ordes de Barack Obama. A ONU segue a ser o mesmo ente sen función efectivas e nada parece indicar que EEUU vaia, por fin, saldar á súa débeda co organismo. 

    O balance interno está igualmente cheo de luces e sombras. Fracasado o bipartidismo prometido hai doce meses, Obama víu como a súa popularidade se derrubaba entre os seus concidadáns. Moito ten que ver que vive acurralado entre as esixencias da ala máis esquerdista do seu partido, que lle reclama o cumprimento das súas promesas, e a propaganda demagóxica da ultradereita republicana, que ve nel o advento do socialismo, grande anatema no imaxinario estadounidense. Pensen no envelenado discurso de Intereconomía en España co poderío económico e mediático da CNN e haí teñen unha medida da influencia de Fox News.

    É certo que nova Administración conseguíu salvar o maltreito sistema financiero provocado en Wall Street e EEUU comeza a ver a saída da recesión. Pese a que a taxa de paro segue en torno ao 10%, cifra enorme nun país afeito a que non pase do 5%. Os 800.000 millóns de dólares entregados aos bancos están case devoltos e foi Obama o único líder que, en verdade, se atreveu a criticar o comportamento dos dirixentes financeiros e mesmo gravar as súas gañancias, algo que en Europa continúa a ser unha materia pendente.

    Pero é na reforma sanitaria onde Obama está a encarar o seu maior reto. Que na primeira potencia mundial a sanidade sexa un privilexio no canto dun dereito segue a soar alleo a ollos europeos. Máis tendo en conta que o gasto sanitario de EEUU é da orde do 15% do seu PIB e case o dobre que o español, o que non evita que uns 40 millóns de persoas carezan de coidados de ningún tipo. Todo fai pensar que a súa reforma, a aposta por un modelo público que conviva co actual privado, vai morrer no camiño das comisión mixtas Senado-Cámara de Representantes. O mínimo é extender a sanidade a 30 millóns, mediante subsidios públicos para quen o precise e obligar ás empresas a proporcionar seguros médicos ós seus empregados. E o que raia o dramatismo. Impedir que as aseguradoras poidan negar cobertura ós seus clientes polo costoso dos tratamentos ou por ter graves enfermidades. Iso é, como o propio Obama adoita repetir, “non converter o mellor en inimigo do bo”.

    O afroamericano está afeito a situar a Lincoln e a Roosevelt como os seus referentes directos. O primeiro tivo que encarar unha guerra civil e o segundo a Depresión do 29. Tras un ano no poder aínda é cedo para darlle a Obama un veredicto nos libros de historia. Cando toque cómpre non esquecer que o realismo fai (case) todo imposible. E que na outra beira agarda, agora, unha tal Sarah Palin.        

4.73/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Diego Espiña Barros (Forcarei, 1979) é xornalista. É licenciado en Filoloxía pola USC e en Xornalismo pola Carlos III de Madrid e ten un master en Estudos Culturais hispánicos pola Western Michigan University. Tras o paso por varios medios galegos agora só escribe que, nos tempos que corren, non é pouco. »



Anteriores...