Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Diego E. Barros

Touriño, á súa maneira

19:08 10/03/2010

Finalmente Emilio Pérez Touriño deixou o seu escano no Parlamento galego. Unha decisión que non por agardada ocasionou menor sorpresa.

Mesmo entre os seus compañeiros de grupo, que se decataron da mesma esta mesma mañá. Sabedores, todos, da incomodidade coa que conviven os ex presidentes unha vez abandonado o poder, moitos agardaban pero non deixaban de preguntar cando sucedería. Tanto agardaron desde que presentara a súa dimisión como secretario xeral do PSdeG tras o 1-M, que xa case que o tiñan esquecido. A fin de contas, Touriño non era, nos últimos meses, máis que unha flor máis no Parlamento. Estaba pero non. Non molestaba pero, como pasa coas flores vellas, creaba desconfianza entre os que arelan a chegada das novas. Touriño dixo adeus fiel ó seu estilo. Respectando os tempos como lle gustaba dicir (e facer) na súa época de máximo mandatario galego. Costume que tanto desesperou a algúns compañeiros de partido e á que acabou por xogar todo. Aquela derrota do 1 de marzo supuxo a saída dunha opción progresista da Xunta de Galicia e a súa sentenza política. Non son segredo as súas diferenzas con José Blanco. Co home forte do PSOE xogou unha partida, a do tempo, confiado en que o electorado estaba por agardar. Pero non. Touriño levaba as cartas perdedoras. Na propia carne certificou a fin do milagre ZP e mesmo cargou coa crise que viría despois.

Foi un home de luces e sombras, teimudo e con problemas para recoñecer o erro. Foi mellor xestor que político. E cando digo político refírome a 'mamporreiro' de primeira liña que, tristemente, semella ser o que se leva hoxe. Nunca lle gustaron os focos e suaba cada vez que tiña que baixar á rúa pola foto, a diferenza de outros. Foi presa do seu illamento o que lle acarrexou unha imaxe de seriedade, traducida en afastamento, e da que non foi quen de desprenderse no seu mandato. Os estrategas, máis confiados nos números que na rúa, apelaron a esa seriedade e vestírono d' O Presidente nunha campaña que resultou aínda máis fría que a propia persoa que deixaba de lado. Quince días a navalla fixeron o resto. O Touriño xestor negouse a xogar a político sucio. Non atacou, pero peor foi a súa negativa a explicar que a auga é incolora, inodora e insípida onde outros quixeron ver whisky de contrabando. Cando quixo defenderse, xa era tarde. 

Porén, Touriño é o facedor do PSdeG actual. Foi el o único con folgos para coller un partido en descomposición, enlamado en liortas e cheo de caudillos sen valor para levantar a voz máis aló da súa veiga. En 1998, o PSdeG era a terceira forza política de Galicia. Nas súas primeiras eleccións, 2001, contivo a sangría. Nas segundas, 2005, levouno a gobernar o país previo pacto cun BNG no que poucos máis crían que os seus asinantes. Una tarefa complicada e que, quizabes, o tempo que tanto lle gusta manexar lle recoñeza algún día. Pero foi tamén ante o PSdeG ante quen cometeu o erro de illarse. A querenza tecnócrata de Touriño é un pecado que aínda se lle bota en cara. De pouco vale a xestión se despois non se sabe vendela.

Está por escribir un libro que aínda busca autor. A memoria do bipartito. Será o tempo o que o faga posible xa que moitos dos protagonistas do seu argumento, Touriño o principal, optan hoxe por un discreto silencio. As feridas aínda están sen pechar e os veteranos desa guerra aínda pagan a súa derrota. En política, como na vida, algúns esquecen máis rápido que outros e as culpas nunca se reparten por igual. Neste reparto, Touriño foi quen de pagar a ración que lle tocou. Que, por outra banda, non é pouca.

4.5/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Diego Espiña Barros (Forcarei, 1979) é xornalista. É licenciado en Filoloxía pola USC e en Xornalismo pola Carlos III de Madrid e ten un master en Estudos Culturais hispánicos pola Western Michigan University. Tras o paso por varios medios galegos agora só escribe que, nos tempos que corren, non é pouco. »



Anteriores...