Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Natalia Alonso

A vida en formación

14:00 27/05/2010

Poñamos por caso que o seu nome é María. Ten dezaseis anos e, malia que avisou na casa de que tras saír do instituto iría a clases particulares, mentiu e agora atópase no parque, xunto ao seu noivo, Xosé.

El xa é maior de idade e traballa, poñamos por caso, de carpinteiro. Sentan no céspede e danlle de comer ás pombas. Un mes máis tarde, María está moi inqueda, algo non vai vén, as cousas non suceden como deberían. María sabe que cometeu un erro, probablemente, o erro da súa vida. Deixouse levar sen medir as consecuencias. Atópase nunha encrucillada, debe tomar unha decisión.

Se María acende o televisor ou le o xornal nestes días, atoparase cunha nova que lle interesa. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, vén de presentar o anteproxecto de lei de apoio á familia, segundo o cal, os adolescentes galegos poderían ser obxecto de campañas sensibilizadoras para protexer a vida en formación e fomentar así a natalidade. Preténdese, deste xeito, que os embarazos non se interrompan, ou o que é o mesmo, a Xunta berra nos oídos de María: Non abortes!

Pero, en realidade, cal é a verdadeira vida que se está a formar? Trátase dese algo que medra na cavidade uterina e que carece de conciencia? Porque de ser así, un espermatozoide perdido polo sumidoiro tamén podería ter sido vida se fose depositado no lugar idóneo. Acaso o proceso de maduración dunha adolescente (erros incluídos) non é unha vida que se está a formar e que si merece ser protexida? O peto de todos debería ser empregado para garantir unha boa educación sexual e non para financiar posturas relixiosas. As campañas antiabortistas non conciencian aos adolescentes de que a prevención é indispensable, non atallan a raíz do problema, o único que fan é converter en máis dolorosa, unha decisión xa de por si traumática como é o aborto. 

María debe facer unha aposta decidida polo seu futuro e non ter ese neno. Algún día será nai, unha gran nai, pero este non é o intre axeitado. Xesús virá ao mundo e sentirase moi orgulloso da súa proxenitora, unha muller que non sentiu pudor en redimirse a si mesma.

4.32/5 (50 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Natalia Alonso Ramos (Foz, 1983). Licenciada en Xornalismo. Logo de traballar en diferentes medios de comunicación privados do país, na actualidade está a rematar a súa tese de doutoramento na USC, onde tamén ten praza como investigadora. »



Anteriores...